mércores, 2 de marzo de 2016

Coso, o Deus Galaico da Asemblea

Sabemos da existencia dos deuses que adoraban as xentes dos castros galaicos polos altares de pedra onde se gravaron os seus nomes. Foi logo da conquista romana da Gallaecia, a partir do século II, cando certos membros das trebas que poboaban os castros asimilan hábitos romanos, entre eles a escritura e a adopción do gusto romano polas aras ou altares para realizar os ritos a súas divindades. As aras mostran os nomes dos oferentes devotos, os dos seus deuses, os epítetos (adxectivos que amosan as características do deus) e a fórmula de adoración co que o devoto ofrece o altar á divindade. Os poboadores dos castros pasan de facer os seus ritos e sacrificios en  altares pétreos, nos outeiros ou penedos e nos bosques a facelos nas aras.
Castro Leiro (Besamaño), a 4.5 km. de Romai Vello

Certos deuses son os que convocan máis mobilización de devotos castrexos, as festas ou feiras na súa honra reúnen en comuñón pagá ás trebas de castros propios e veciños, a arqueoloxía e as fontes antigas dan pistas desas reunións ou asembleas:
José Suarez acaba de publicar os seus estudios sobre o Castro do Monte do Facho de Donón (Cangas). Na cima do castro atopáronse no século XX un bosque de aras galaico-romanas dedicadas ao Deus Lar Breo dos séculos III-IV, nas escavacións do ano 2008 o equipo de Suárez achou, na zona alta do castro, catro estruturas con altares no seu interior que farían a función de templos de diferentes divindades castrexas, na zona inferior do castro sitúanse estruturas de maior dimensión que acollerían outro tipo de ritos; as reunións e os banquetes. Castro de Donón tería unha función relixiosa, asemblearia e de reunión, a elperegrinarían @s castrex@s dende a súa fundación nos séculos IX a. C. ata o seu abandono no IV d. C..
Casa do Consello. Citania de Briteiros
Foto do blog; oestrymnio.blogspot.com.es

Balboa[1] e Blanca García[2] refiren varios castros onde apareceron estruturas para reunións e banquetes coma as que sacou á luz Suárez no Castro de Donón: Sanfins (Paços de Ferreira), Britelos e Monte Mozinho (Penafiel), Briteiros (Portugal) ten un banco corrido de 34 m pegado á parede, San Cibrán de Las (medía 11 x 6 m) e Santa Trega na Gallaecia Bracarensis, Viladonga, o chamado Templo do Ídolo fálico de Elviña (A Coruña), Torroso e Baroña (medía 10.30 x 4.25 m) na Gallaecia Lucensis e Pendía (que medía 14 x 7 m) e Coaña na Gallaecia Asturicensis. No 2011 aparece outra estrutura semellante no Castro de Leiro (Besamaño, Ribadumia), nesta, no nivel de ocupación máis antigo (S. V a. C.) os arqueólogos atoparon unha cunca  que, segundo Rafael Rodríguez director da escavación, trataríase dun obxecto relacionado cos ritos relixiosos fundacionais do castro. Este castro é testemuña da guerra de conquista romana na Gallaecia do século I a.C.

Estrabón, xeógrafo grego do século I, alude ás comidas que celebraban os pobos do norte da península ibérica en bancos corridos e nas que se pasaban os alimentos segundo o rango e idade[3], serían os banquetes das asembleas posteriores aos ritos de sacrificio de prisioneiros e animais[4].
Pero para qué, por qué e cando se reunían os castrexos neses recintos?, Rosa Brañas[5] indaga nesas reunións - asembleas e as relaciona co nome dun deus galaico;
Ara a Coso de Logrosa

Coso -por aí adiante tamén chamado Cosus, Cossue, Cusus- sabemos del polas aras ou altares galaico-romanos dedicados a esta divindade, era considerado deus da guerra ao ir en varias aras acompañado do epíteto latino Mars (Marte, deus romano da guerra, da primavera, da agricultura e protector da vida nos campos). Foi unha divindade adorada en toda a Gallaecia pero sobre todo no Conventus Lucensis:

*  Coso Domino Aeb(ura) Ati (filia) Cil(ena) exs voto p(osuit)[6] (no Museo do Pobo Galego). Ao (deus) Coso, o noso Señor, púxolle (esta ara) Aebura, filla de Atius, do pobo dos Cilenos, porque o tiña prometido.
 Apareceu enterrada nunha finca preto da igrexa de Santa Eulalia de Logrosa (Negreira), no atrio desta igrexa encontráronse unha ara a Xúpiter, unha estela funeraria aos Deuses Manes e abundante cerámica romana, moi preto dela apareceu outra ara a Xúpiter e un pouco máis apartada a ara dedicada a Coso.
A igrexa de Santa Eulalia encóntrase illada sobre un suave outeiro a 120 metros do núcleo da parroquia e situada a 300 metros do Castro de Logrosa (no castro localizáronse dúas estatuas moi bastas cortadas polo ventre). Semella un claro exemplo de cristianización, que poida que se remonte a finais do século IV-V[7], da relixión pagá dunha villae romana.
Igrexa de Santa Eulalia de Logrosa
En Logrosa vese claramente a convivencia de dúas divindades supremas; a indíxena Coso que é considerado Dominus (señor superior, deus supremo) e sería adorada polos habitantes do castro e a romana Xúpiter, deus máximo oficial do Imperio Romano e, polo tanto, das xentes da villae de Logrosa.
Logrosa está situada preto das ribeiras do río Tambre (do céltico Tamara, coma o Támesis de Londres) en territorio dos Celticos Supertamarcos (célticos sobre o Tamara), o Tambre era a raia fronteiriza co territorio dos CelticosPraestamarcos (célticos embaixo do Tamara). 
A treba dos Cilenos xeograficamente ocupaba o sur do río Ulla. Aebura, a devota castrexa, fixo a ofrenda ao deus Coso en territorio dos Celticos Supertamarcos a 25 km ao norte dos lindeiros territoriais do seu populus natal.

(D)eo . Coso Esoaegoe. A(?)is . Flavs Victo(ri) s . v . l. m [8]
Ao deus Coso Esoaegoe, A(?)is, fillo de Victor, cumpriulle gustoso o voto merecido. No Museo de Pontevedra.
Coso Esoaegoe de Romai Vello
Atopada durante os labores de abrir unha gabia para plantar cepas de viño no lugar do Peso (do latín pensum, sitio de castigo, sacrificio, execución, axustizamento[9]) ao sur do castro que linda coa igrexa de San Xián en Romai Vello, (Portas, Pontevedra), en territorio da treba (populus) dos Cilenos.
Millán no santuario do Peso, Romai Vello, visto dende o este











O Peso, viña e penedos vistos dende o pe do castro
Millán González-Pardo visitou O Peso no 1976, a carón da gabia encontrábanse uns penedos con pías artificiais que os investigadores relacionaron, sen dúbida ningunha, con prácticas de sacrificio na honra do deus Coso. Internándose no piñeiral cara o castro, localizaron a Capela da Rexila (hoxe en día só puidemos intuír un muro en L no lugar, unha pista forestal que vén bordeando o castro alterou a estrutura). Segundo un dito do lugar; no Peso había unha igrexa, que fora a de San Xulián, pro despois o santo escapou pra Romai Vello[10], o lugar do Peso encóntrase a 165 metros da igrexa de Romai Vello.
Cruz antefixa na Igrexa de Romai Vello
A 3, 8 km de Romai Vello, en Curro (Barro), a uns 200 pasos cara o nacente do desaparecido asentamento castrexo de Os Castros[11], atopouse nunhas obras de reforma, enterrada no presbiterio da igrexa de Santa María, unha ara dedicada a un deus que García Alén e Millán González-Pardo atribuíron a Coso (só se lía con claridade Domino, o resto estaba repicado). Foi roubada durante o proceso de estudo[12]. O Castro de Leiro (Besamaño) atópase a 4 km. ao oeste de Romai Vello.

Coso . M (arcus) Vegetianus . Fuscus . v(otum) . s(oivit) [13] (no Museo da Catedral de Santiago) en Brandomil (Zas). Apareceu na casa dun veciño. Uns anos antes aparecera unha ara aos Lares Viales reutilizada como material de construción na casa reitoral de Brandomil. Segundo @s veciñ@s Brandomil (a romana Grandimiro) é un pobo afundido. Intervencións arqueolóxicas en Brandomil, revelan unha cidade romana de aproximadamente 25 hectáreas, con balneario, templete relixioso, vila. O castro está situado despois da ponte medieval (en orixe; romana).  

Coso de Oleiros (Silleda)
Sansón desqueixando ao león na Igrexa de San Miguel de Oleiros
(De)o Coso (.)otrego (..)inus [14] (no Museo de Pontevedra) atopado por un veciño de Oleiros (Silleda) nunha igrexa, poida que na igrexa de San Miguel de Oleiros onde no seu tímpano temos a escena de Sansón desqueixando a un león (XII), escena moi recorrente dos templarios, especialistas cristianizadores da época. Oleiros dista de Prado -onde os templarios tiñan varias posesións- 4 km. Outra escea de Sansón desqueixando o león encóntrase no tímpano da igrexa de Santiago de Taboada, no Camiño Xacobeo da Prata, a 2 km de Prado. 
 A igrexa de San Miguel está illada do núcleo da parroquia no extremo norte dunha carballeira,
Vista do Val de Oleiros dende San Miguel. Ao fondo o Castro Montaz
situada sobre un leve outeiro que preside unha planicie de máis 500 metros de terras de labor, dende a porta da igrexa tense unha panorámica completa da zona; ao norte, a 370 m. da igrexa, temos o Castro das Orelas, a 930 m. ao sur o Castro de Devesa (Castro Casasoa) e a 1,5 km ao oeste o Castro de Montaz (Eira dos Mouros), no seu entorno atópase a Cova dos Mouros e a Mámoa e petróglifos de Chao dos Petos.
A 500 m. da igrexa localizábase unha cabeza cortada castrexa (sen dúbida de algún castro do entorno) sobre unha columna a modo de cruceiro enriba do muro do Pazo de Marzá, (a cabeza foi substituída por unha cruz).
Coso Oenaego de Torres de Nogueira
*  Coso Oenaego G(aius) Iul(ius) Nepus ex vot(o)[15] (na casa de sr. Mancebo, Torres de Nogueira, San Mamede de Seavia, Coristanco) Atopada na capela de San Roque -hoxe desaparecida- das Torres de Nogueira, o seu focus[16] foi modificado para servir de pía da auga bendita.
Torres de Nogueira
As Torres de Nogueira están enclavadas no núcleo rural do mesmo nome, sobre unha lixeira elevación do terreo, ao pe das Torres de Nogueira esténdese unha chaira de terras de labor rodeada de montaña.  Encóntrase a 2 km. ao noroeste do castro das Croas de Seavia, a 2 km ao suroeste do castro do Cotón de Centiña.

O couto de Nogueira ten a súa orixe nas concesións que os abades beneditinos[17]  de San Mamede de Seavia fixeron durante a Baixa Idade Media á familia Bermúdez de Montaos. Dito Mosteiro de Seavia é anexionado a San Paio de Antealtares entre o 1499 - 1500[18], a concesión do couto de Nogueira será denunciado entre outros no ano 1529 pola Reformador General de Valladolid da orde dos beneditinos contra Francisco Bermúdez de Castro[19], conto que quedaría en nada.
Coso de Meirás

*  Coso Vdaviniago Q(uintus) V(…) C(…) ex voto. Servía de base no altar do vello San Martiño de Meirás (Sada) [20] . Hoxe no Museo de San Antón. A igrexa está situada a 800 metros ao sur do Castro de Meirás.
Coso Calaevnio de Sta. Mª de Serantes

Coso Calaevnio d . s . e. v. [21]  Encóntrase nun contraforte do muro sur da igrexa de Santa María de Serantes (Laxe).
No Corpus de Inscricións Romanas de Galicia (ano 1991), pax. 183, sen máis comentarios e sen fotografía dela dáse por desaparecida, máis Xavier Moure no seu formidable blog; O Noso Patrimonio, aporta unha fotografía da ara de Pablo Sanmartín no mesmo sitio que se atopaba no 1960; no muro sur onde foi reutilizada logo da remodelación da igrexa románica.
No muro norte da igrexa hai unha pedra coa inscrición fundacional; data do 1162 e cruz templaria no centro. 
Laxe pertencía ao condado de Traba, Fernando de Traba por esas datas foi o promotor do establecemento da Orde do Temple en Galicia. 
Sta. Mª de Serantes. No contraforte do abside está a ara a Coso
A igrexa de Serantes atópase no lugar de Conlle, illada do núcleo rural, sobre unha pequena elevación do terreo dende onde se ten unha ampla visión das terras de labor que conforman o val de Serantes cruzado de sur a norte polo Río dos Cabalos (hidrónimo de interese para este traballo) tamén coñecido polo de Sanamedio ou do Lago que na desembocadura forma as Brañas Mouras e a praia de Laxe. O templo sitúase a 2,4 quilómetros do Castro de Lourido (no este) e a 1 quilómetro do recentemente descuberto xacemento do Castrelo (no suroeste)[22].
Muro norte Sta. Mª de Serantes

* D(eus) Cosvo s . e . s[23] Atopada nun pedestal dun farol público en Viana do Bolo. Hoxe no Concello de Viana do Bolo.

Descubríronse tres aras dedicadas a Coso na comarca de Porto (Portugal) e oito nunha reducida zona de montaña na comarca do Bierzo, segundo Olivares Pedreño; esta acumulación de ofrendas votivas a Coso deberíase ao desenrolo masivo de explotacións mineiras na zona nos primeiros séculos da nosa era (logo da conquista romana) os procesos migratorios dende a área galaica culminaron nun desprazamento do culto a Cosus ata esta zona.[24]

Dedicantes

Como se fixo moitos anos despois na relixión católica coas súas santidades, certos devotos galaicos (normalmente de clases dirixentes) encargábanse persoalmente de erixir os altares aos seus deuses preferidos. No caso de Coso foron maioritariamente homes excepto a ara atopada en Logrosa que foi costeada pola cilena Aebura, claramente unha indíxena galaica. O resto dos dedicantes son homes, na súa maioría galaicos cun nivel de romanización leve, teñen soamente dous nomes e case todos, algún deles, de orixe indíxena.
Cabeza cortada castrexa de Marzá.
 Hoxe sustituída por unha cruz

Dous son lexionarios da Legio VII Gemina[25] que tivo a súa base en León, un deles vexillari (portaestandarte) con trianómina (tres nomes, o que indica que ten a cidadanía romana) foi o que dedicou unha ara a Mars Semnus Cosus en Denia (Alacant).   

Epítetos

Vdaviniago, epíteto do Coso de Meirás. Blanca García-Albalat [26] explícao a través do acelt. Davio, queimar, arder, entenderíase este cualificativo como o Ardente.
Prósper,[27]coma nos demais epítetos, relaciónao con hidrónimos, neste caso; ud auga[28].
 Esoaegoe[29] é o apelativo do deus Coso de Romai Vello, Blanca García-Albalat relaciona a raíz Eso co deus galo Esus , Optimo, deus supremo na Galia, o sobrenome galo do Xúpiter céltico.
Calaevnio, do Coso de Conlle (Serantes). Prósper sinala a raíz kel que significa roca, protección abrigo[30] coma base de Calaevnio, enténdese que o cualificativo sería o Protector.
Oenaego, do altar do deus Coso descuberto na capela de San Roque nas Torres de Nogueira. Blanca García-Albalat [31] incidirá no epíteto Oenaego que tería a mesma raíz que o irlandés óenach que significa asemblea, reunión.
Pax. 159 Los dioses de la Hispania Céltica

Asemblea

As fontes medievais irlandesas insisten sobre o carácter xurídico, relixioso e comercial do óenach, a feira comarcal e/ ou interprovincial na que, reuníanse as diferentes poboacións para pactar acordos, dirimir conflitos, render culto a divindades comúns e establecer intercambios matrimoniais e económicos. Outra característica desta festividade era a celebración de concursos, especialmente de cabalos[32].
O óenach é a festa total, sinala o tempo transitorio entre estacións dentro do ciclo productivo agrícola; Imbolc (17 febreiro), Beltain (Maio- Xuño), Lugnashad (10 de Agosto) e Samain (1 de Novembro)[33]. O óenach é, ademais, un espazo intercalar, fronteirizo, no que se reunían diferentes comunidades e se daban cita múltiples relacións sociais (relixiosas, xurídicas, económicas,….)[34] .
Na Galia celebrábase o 1 de agosto o Concilium Galliarum en Lugdunum (Lyon) era a asemblea de tódolos pobos galos.
Val de Torres de Nogueira

Na Gallaecia tamén temos asembleas onde se fan sacrificios ao deus da guerra, hai combates entre guerreiros, concursos de cabalos, banquetes, bebida, música e baile. É a mesma festa total que nos óenach irlandeses. Estrabón recolle as novas sobre eles:
Comen principalmente chibos e sacrifican a Ares chibos, cativos de guerra e cabalos (….) Realizan tamén competicións ximnásticas, de hoplitas (soldados de infantería pesada) e hípicas, con puxilato, carreira, escaramuza e combate en formación (….) Coñecen tamén a cervexa. O viño bébeno en raras ocasións (….) As viandas pásanse en círculo  e á hora da bebida danzan en corro ao son da frauta e trompeta, pero tamén dando saltos e agachándose[35].
Cabalo galego
Estas noticias atribúense en grande medida a Posidonio (morto en torno ao 80 a. C.) a súa información procedería  de informes transmitidos polas lexións romanas trala primeira expedición dirixida por Décimo Xunio BrutoO Galaico nestas terras galaicas no ano 137 a.C.[36]
Os edificios para os banquetes comunais como vimos arriba aparecen en varios castros, os bancos corridos do banquete aparecen en castros como o de Briteiros, Santa Trega.. O deus Ares dos pobos do norte ao que se refire grego Estrabón é o primitivo deus da guerra grego, o Marte romano e, nestas terras;  o deus Coso, o altar dedicado a Coso Oenaego de Torres de Nogueira deixa ben claro quen é o deus da asemblea.

Significado de Coso

Guerreiros galaicos
B. Prósper busca a raíz etimolóxica do deus Coso. Indagando no tronco común das linguas indoeuropeas descubre o vocablo Consus, o primitivo deus etrusco ou sabino e o deus galo e británico Mars Condatis (Mars do Marte romano) que terían a mesma orixe co significado de acumulación, reunión, amontoamento, conxunción, confluencia. Consus na Gallaecia perdería o "n", pasaría do "ons" a "os", evolución natural nas linguas celtas e itálicas.[37]  O deus latino Consus está relacionado coa deusa Ops (deusa da fertilidade e a terra) e coa festa estival da colleita[38], os intercambios matrimoniais e os concursos ecuestres[39]. Na súa honra celébranse as primitivas Consualia, no centro do Circo Máximo, tódolos 21 de agosto e 15 de decembro desenterrábase o altar do deus Consus[40].
Marte e Venus
Estrabón (que nunca estivo na península ibérica) fai referencia a Ares para indicar o carácter guerreiro dun deus dos pobos do norte sobre o que falara Posidonio, mais polo carácter greco-romano de ambos autores ben é posible que consideraran ao deus primitivo grego Ares máis acaído para a divindade das tribos dos galaicos e cántabros -cualificados de indíxenas salvaxes e ateos polo imperio- e non caeran no vínculo máis concordante cun Marte primitivo itálico, relacionado (ademais da guerra) coa agricultura e a fertilidade.
Ou con Consus, cuxo altar estaba enterrado no Circo Máximo e era desenterrado na súa festividade, relacionado tamén coa agricultura, as exhibicións de cabalos e os consellos ou reunións. Ares era un deus impopular na Grecia antiga, foi derrotado por Atenea, a deusa da guerra que adoran tódolos gregos, o noso Coso é o deus da asemblea das trebas é un deus adorado polo pobo castrexo, a proba máis clara e que se lle levantan altares na súa honra por todo o territorio galaico. Por ese carácter popular está moito máis cerca do Marte romano e do Consus latino que do Ares grego.
Val dende a igrexa de Sta. Mª de Serantes. Á esquerda o mar
Segundo Bermejo[41] o xeógrafo grego Estrabón ilústranos sobre o sacrificio de cabalos nos pobos do norte de Hispania nuns rituais divinatorios en relación coa guerra, os xermanos (pobo veciño do galo e, pódese dicir; primo irmán do céltico)  criaban cabalos brancos en comunidade para o sacrificio, consideraban aos cabalos coñecedores da vontade divina[42].
Logo destes sacrificios ao deus Coso celebraríase a festa onde; …realizan concursos (agones, segundo Estrabón) sen armas e con armaduras e a cabalo comprendendo o puxilato, a carreira, o combate en escaramuzas e en bandas.[43] 
Muralla e porta do castro de Castrelo en Serantes

O cabalo ten suma importancia nestas reunións ou asembleas dos pobos indoeuropeos, a festa romana por excelencia das carreiras de cabalos eran as Ecurria. Celebrábanse na honra de Marte no Campo de Marte (Roma) do 27 de febreiro ao 13 de marzo[44].
Para todas estes concursos; competicións ximnásticas, de hoplitas (soldados de infantería pesada) e hípicas, con puxilato, carreira, escaramuza e combate en formación, precisaríase unha grande extensión de terreo chan, un gran espazo aberto e unha zona de boa visibilidade dende a que realizar os sacrificios e contemplar o espectáculo, os lugares onde apareceron as aras ao deus Coso no noso país, reúnen eses requisitos sobradamente.
A rapa das bestas. Sabucedo
 Millán e García Alén xa indicaran certas similitudes no ambiente e a topografía dos paraxes onde se encontraron as aras de Romai Vello e Curro (que eles consideran sen dúbida dedicada a Coso), …as aras localízanse nunha posición extramuros do castro a algúns metros del, pero na planicie dunhas veigas que se tenden ao resgardo do mesmo, contemplando ao lonxe un contorno circundante de montañas. Ao borde mesmo do brusco descenso de antigas ladeiras[45].
Os lugares onde se atoparon as aras do deus Coso no noso país teñen semellante relevo e situación; todos están preto de castros, todos están localizados nunha pequena elevación do terreo dende o que se ten unha magnífica panorámica da planicie que hai diante.
Val de Romai Vello
Esas chairas son, hoxe en día, en tódolos casos, terras de labor, ben regadas polos regos ou ríos que forman o val, zonas produtivas que serían para os poboadores dos castros as súas terras de labor onde sementar e recoller o cereal para todo o ano. Logo da colleita ese amplo e liso espazo é o ideal para as súas celebracións rituais e festivas de agradecemento ao deus supremo, que protexe os alimentos e defende a treba; o deus Coso. Como nas Consualia na honra de Consus os festexos ao deus Coso coincidirían coa seitura e coa sementeira.
Coso de  Brandomil
A microtoponímia do entorno onde se encontraban os altares de Coso poida que nos dean máis pistas sobre esas celebracións castrexas, o río dos Cabalos que cruza de arriba a abaixo o val de Serantes, O Petón do latín pensum, sitio de castigo, sacrificio, execución, axustizamento… parece que nos ilustran sobre aquelas prácticas, mais outros santuarios cristianizados onde non apareceron aras ao deus Coso amosan serios indicios da súa presenza como no caso do Outeiro dos Poldros.
As aras do Peso e Logrosa foron atopadas enterradas preto do seu santuario, como no caso do itálico deus Consus, o altar de Coso é enterrado logo das celebracións relixiosas na zona de santuario, esperando pola seguinte festa na súa honra para ser desenterrado.
 Dende os santuarios do deus Coso os dirixentes das trebas e os membros da asemblea disfrutarían da celebración relixiosa e festiva na honra da divindade suprema do pobo e ordenarían as secuencias de asemblea, ritos, xogos, banquetes e bailes, a festa total, algo moi semellante, salvando as distancias cronolóxicas, ás nosas romarías de hoxe en día.  

Ata sempre e bo proveito, celsomagarinhos@gmail.com

Autor: Celso Alberte Magariños Costas
Compostela, 2 de marzo de 2016



[1] Pax. 65 a 67. A Galicia Celta.
[2] Pax. 20. Las rutas sagradas de Galicia
[3] Pax. 66 A Galicia Celta
[4] Pax. 434. Los pueblos de la Galicia Céltica.
[5] Pax. 427. Los pueblos de la Galicia Céltica.
[6] Pax. 73. Corpus de Inscripcións Romanas de Galicia I.
[7] Pax. 383. El culto a Santa Eulalia y la cristianización de Gallaecia.
[8] Pax. 305. Corpus de Inscripcións Romanas de Galicia II.
[9] Pax. 98. Dos dedicaciones y altares de Cosus en la provincia de Pontevedra
[10] Pax. 98. Dos dedicaciones y altares de Cosus en la provincia de Pontevedra
[11] Pax. 111. Dos dedicaciones y altares de Cosus en la provincia de Pontevedra
[12] Pax. 121 e ss. Dos dedicaciones y altares de Cosus en la provincia de Pontevedra
[13] Pax. 111. Corpus de Inscripcións Romanas de Galicia I.
[14] Pax. 237. Una ofrenda votiva dedicada al dios Cosvs procedente de Oleiros (Silleda, Pontevedra)
[15] Pax. 179. Corpus de Inscripcións Romanas de Galicia I.
[16]  Os focus son os buraquiños (a maioría tiñan tres) típicos destes altares, localizábanse na parte superior das aras, neles queimaban follas de loureiro ou outras plantas para facer os ritos de petición de favores divinos.
[17] Os abades do pequeno Mosteiro de Seavia non tiñan moi boa sona na casa central dos benedictinos de Valladoliz, eran acusados de ter fillos e de ser público "renegador de Dios, de los santos e perjuro", abandonar os claustros para ir de festa e demais caralladas. Pax. 25. Opus Monasticorum
[18] Pax. 786. Os documentos baixomedievais do Mosteiro de San Mamede de Seavia custodiados no arquivo de San Paio de Antealtares
[19] Pax.66. Opus Monasticorum
[20] Pax. 41. Corpus de Inscripcións Romanas de Galicia I.
[21] Pax. 183. Corpus de Inscripcións Romanas de Galicia I.
[22] PXOUM Concello de Laxe; http://www.concellodelaxe.com/portalcidadan/listado_descargas.php?id_categoria=429&id_seccionweb=10
[23] Pax. 246. Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas
[24] Pax. 239. Una ofrenda votiva dedicada al dios Cosvs procedente de oleiros (Silleda, Pontevedra)
[25] Pax. 259 e ss. Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas
[26] Pax. 261. Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas
[27] Pax. 226 e ss. Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica
[28] Prósper considera a Coso como un deus da confluencia, todos os seus epítetos estarían relacionados con cursos de auga que conflúen, co triangulo de terra que se forma na zona do santuario (pax. 250 e ss.). Temos que dicir que en ningún dos lugares que estudiamos se dá esa circunstancia.
[29] Pax. 262 e ss. Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas.
[30] Pax. 228. Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica
[31] Pax. 283. Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas.
[32] Pax. 430. Los pueblos de la Galicia Céltica.
[33] Pax. 21. Las rutas sagradas de Galicia
[34] Pax. 430. Los pueblos de la Galicia Céltica.
[35] Pax. 433. Los pueblos de la Galicia Céltica.
[36] Pax. 433. Los pueblos de la Galicia Céltica.
[37] Pax. 252. Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica.
[38] Pax. 248 e ss. Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica.
[39] Pax. 431. Los pueblos de la Galicia Céltica.
[40] Pax. 116. Diccionario de mitología griega y romana
[41] Pax. 120 e ss. Sociedade e relixión na Galicia Antiga.
[42] Pax. 122 e ss. Sociedade e relixión na Galicia Antiga.
[43] Pax. 137-138. Sociedade e relixión na Galicia Antiga.
[44] Pax. 432. Los pueblos de la Galicia Céltica.
[45] Pax. 129. Dos dedicaciones y altares de Cosus en la provincia de Pontevedra

Bibliografía


GARCÍA FERNÁNDEZ-ALBALAT, B. Las rutas sagradas de Galicia. Perduración de la religión celta de la Galicia Antigua en el folclore actual, Deputación da Coruña, A Coruña, 1999.
GARCÍA FERNÁNDEZ-ALBALAT, B. Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas, Ediciós do Castro, Sada, 1990.
BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta, Edicións Lóstrego, Santiago de Compostela 2007.
BERMEJO BARRERA, J.C. Mitología y mitos de la Hispania prerromana II, Editorial Akal, Madrid, 1989.
BRAÑAS ABAD, R. Los pueblos de la Galicia Céltica, Ediciones Akal, Madrid, 2007.
BERMEJO BARRERA, J.C. Sociedade e relixión na Galicia Antiga, Edicións Lóstrego, Santiago de Compostela, 2008.
PEREIRA MENAUT, G. Corpus de Inscripcións Romanas de Galicia I e II, Consello de Cultura Galega, Santiago, 1991.
OLIVARES PEDREÑO, J.C. Una ofrenda votiva dedicada al dios Cosvs procedente de Oleiros (Silleda, Pontevedra). Revista Palaeohispanica nº 14, Zaragoza, 2014.
OLIVARES PEDREÑO, J.C. Los dioses de la Hispania Céltica, RAH - Universidad de Alicante, Alicante, 2002.
PENA GRAÑA, A. Entronizaciones reales celtoatlánticas. Anuario Brigantino, nº 27, Betanzos, 2004.
GRIMAL. P. Diccionario de mitología griega y romana, Ediciones Paidós Ibérica, S.A. Barcelona, 1981.
PRÓSPER, B.M. Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica, Ediciones Universidad de Salamanca, Salamanca, 2002.
VEIGA ALONSO, V.M. A LINGUA GALEGA, HISTORIA E ACTUALIDADE. ACTAS DO I CONGRESO INTERNACIONAL. Os documentos baixomedievais do Mosteiro de San Mamede de Seavia custodiados no arquivo de San Paio de Antealtares Pax. 785-7. Consello de Cultura Galega - ILG, Santiago de Compostela, 2004.
MUÑIZ COELLO, J. Los miembros de la asamblea céltica. Notas para su estudio. Revista Iberica nº3, Universidad de la Rioja, Logroño, 2000.
MILLÁN GONZÁLEZ-PARDO, I. e GARCÍA ALÉN, A. Dos dedicaciones y altares de Cosus en la provincia de Pontevedra, Museo de Pontevedra XXXIV, Pontevedra, 1980.
LOPÉZ VÁZQUEZ, J.M. Opus Monasticorum, Xunta de Galicia, iacobus.org/documentos/opus1.pdf

ARMADA PITA, X-L. El culto a Santa Eulalia y la cristianización de Gallaecia: Algunos testimonios arqueológicos, Universidad de Sevilla, Sevilla, 2003.

Ningún comentario:

Publicar un comentario