luns, 7 de marzo de 2011

Ano 1209. Revolta campesiña. Enfrontamento dos homes de Pela e Montelongo (Arzúa) cos monxes brancos de Sardecoiro (Santiso).

In memoriam:
 José Castro Sánchez, home bo de Pela, Vilantime (Arzúa), valedor incansable de Ánxel Casal, curmán seu e o seu último compañeiro en liberdade.



Granxas do Mosteiro de Sobrado (Pallares Méndez, M. C.)

Os lazos de solidariedade nas aldeas galegas vén de moi lonxe. Esa fidelidade que se traduce na disciplina colectiva dos traballos no campo (ninguén faltaba), sobre todo na sega, nas mallas e no aproveitamento dos montes comunais, xa se realizaba na Idade Media, daquela, igual que hoxe no rural, a axuda mutua era norma.

No Medievo cada aldea afirmaba a súa propia coherencia e a súa fraternidade ante o poder señorial e as aldeas veciñas.

Nas fontes escritas a solidariedade campesiña ponse de manifesto nos enfrontamentos co poder señorial que na zona de Vilantime e Santiso é o Mosteiro de Sobrado.

O mosteiro vai tratar de conseguir o control das comunidade rurais por dous camiños complementarios: a adquisición de gran parte dos terreos das aldeas e o exercicio da xurisdición pública sobre elas. O exercicio da xurisdición, alcanzado mediante as doazóns reais, amplía o poder do mosteiro sobre os restantes habitantes da aldea.

Montelongo, Volteiro e Pela dende Agra de Vilar da Vella

Todo isto, necesariamente, tivo que producir enfrontamentos entre os monxes e os labregos, temos varios exemplos:

1. Ano 1001, o preito que sosteñen os habitantes de villa Bidualdi (Niño da Aguia, Santiso) cos monxes de Sobrado sobre a 1/3 parte da villa(1).

2. Entre os anos 1203 e 1223, unha longa disputa entre os freires de San Martiño de Xubia e os monxes de Sobrado da granxa de Brión por unhas terras de monte, rematou nun enfrontamento armado. Os de Xubia tiveron o apoio dunha multitudinem granden hominum. Os frades de Sobrado, nun primeiro momento, tiveron que saír a fume de carozo(2) .


Vilar da Vella (antiga Avellam)
 3. Un preito de 1209 entre o Mosteiro de Présaras e os veciños de Pela e Montelongo (Vilantime) sobre as propiedades da herdanza de Vilar da Vella (Santiso) infórmanos dun conflito de terras entre campesiños e monxes brancos da granxa de Sardecoiro; Orta fuit intentio fratres Superaddi (Sobrado) et homines de Pela et Monte Longo super hereditatis de Avellam (Vilar da Vella) qui iacet inter Pela et Santum Iulianum de Fratribus (Sardecoiro)(3) . O preito vaise a resolver a favor dos monxes. Pola importancia que lle outorgamos a este documento no terreo da toponimia, os conflitos sociais e a onomástica galega medieval, reproducimos traducido o texto ao final deste artigo.

Tódolos preitos estudados por Pallares na súa obra El Monasterio de Sobrado foron resoltos a favor dos monxes brancos (cistercienses ) de Sobrado dos Monxes, cousa doada de entender xa que, quen le, escribe e xulga nestas terras son os mesmos monxes de Sobrado.

O preito dos homes de Pela e Montelongo saca á luz a solidariedade entre os campesiños de dous lugares veciños que defenden a terra, (clika eiquí para ver mapa de situación) seguramente de monte coma no caso de Brión arriba sinalado.

Casa á entrada de Sardecoiro (antigo Courium)

Sardecoiro era daquela unha granxa-mosteiro dos monxes de Sobrado que levaba anos incrementando as súas posesións:

- O 6 de xaneiro de 1093, carta de venta de Suarius Guterriz de herdades na eclesía de Sancti Iuliani de Frates (Sardecoiro)(4) .

- O 28 de maio de 1149, carta de testamento de Maior Froila de herdades nas terras in monasterio Sancti Iuliani de Fratribus (Sardecoiro)(5) .

- Sobrado concede no 1 de xaneiro de 1174, a Arias Luz e a súa esposa, Helvira Garsia a herdade de San Xián de Frades; tali pacto ut populemus eam et plantemus et hedificemus et laboremus domos et pesquiramus illam propose nostra de totus homo et de tota parte sine alique fraude et ad obitum nostrum(6) . Nun documento anterior do mesmo día , Arias Luz, esposa e fillos fan carta de doazón aos monxes de Sobrado das herdades en Caurio de Santo Iuliano de Fratibus (Sardecoiro)(7).

- O 19 de outubro de 1178, contrato de Elvira Garsia(8).

- O 11 de xaneiro de 1198, veciños de Montelongo (entre os que está Pedro Muniz de Monte Longo que tamén aparece no preito) venden por 300 soldos a sexta parte da súa herdade aos freires de Sobrado(9) .

Casa de Sardecoiro (tamén antigamente Sancti Iuliani de Fratribus)

Por un lado a nobreza doa as súas herdades, con servos e apeos de labranza incluídos, para conseguir a protección divina e dos monxes nos últimos anos de vida, por outro, familias campesiñas doan as propiedades mentres manteñen o usufruto das terras e, por outro, labregos, seguramente necesitados de liquidez, venden as terras aos monxes brancos.

Son os lazos de servidume que o señor feudal (neste caso os monxes cistercienses de Sobrado) tece nas terras do Ulla.

Os nós ás veces apertan demasiado e é cando os campesiños rebélanse contra o poder feudal, o preito de 1209 entre os homes de Pela e Montelongo e os monxes de Sardecoiro, foi o resultado da defensa que os labregos de Pela e Montelongo fan do que consideran as súas terras.

A maquinaria de aproveitamento das terras de labor posta en marcha polos monxes brancos na granxa de Sardecoiro; o arado de vertedera, o muíño(10) , os curtidos(11) ,.. non saben de antigas costumes veciñais.


Detalle de casa de Sardecoiro

Para que chegaran a asinar o trato, o conflito tivo que ser contundente e de moita sona na comarca, mais o Mosteiro de Sobrado, neses tempos, é coma unha gran empresa, ten propiedades nas vilas máis importantes do camiño, controla a xustiza, o poder civil, e ata chegarán a controlar o portazgo (peaxe) no porto da Coruña, levaban tódolos triunfos para impoñer o seu criterio. A documentación dos tombos de Sobrado non nos deixou máis pegadas do conflito, non obstante a paisaxe da zona e as aldeas de Vilar de Vella e Sardecoiro transpórtannos a aqueles tempos de Courium e Avellam.

Destes documentos sacamos, ademais, varias certezas que teremos que investigar; Sardecoiro vén de Courium, Caurium. Vilar da Vella de Avellam (de abelá nada vella) e dos monxes de San Xián de Freires de Sardecoiro nin rastro polo de agora.

Ata sempre e bo proveito, gonzos@latinmail.com

(1)Pax. 17 e ss. De Galicia en la Edad Media...
(2)Pax. 156 El Monasterio de Sobrado
(3)Documento nº: 182. Tombo II. Paxina, 193 de Tumbos de Sobrado de los Monjes
(4)Pax. 189. Tumbo II de Sobrado de los Monjes, nº documento 178
(5)Pax. 184-185. Tumbo II de Sobrado de los Monjes, nº documento 173
(6)Pax. 154. El Monasterio de Sobrado. Pax. 187
(7)Pax. 186 Tubo II de Sobrado de los Monjes, nº documento, 174
(8)Pax. 188. Tumbo II de Sobrado de los Monjes, nº documento 176
(9)Pax. 192 Tumbo II de Sobrado de los Monjes, nº documento 181
(10)Pax. 165. El Monasterio de Sobrado
(11)Pax. 182. El Monasterio de Sobrado


Bibliografía

PALLARES MÉNDEZ, M.C. El monasterio de Sobrado: un ejemplo del protagonismo monástico en la Galicia medieval, Deputación Provincial da Coruña. A Coruña, 1979.

PORTELA, E. PALLARES, M.C. De Galicia en la Edad Media. Sociedad, Espacio y Poder. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 1993.

LOSCERTALES DE G. DE VALDEAVELLANO, P. Tumbos del Monasterio de Sobrado de los Monjes Dirección General del Patrimonio Artístico y Cultural, Archivo Histórico Nacional, Madrid, 1976.

-------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Preito Pela e Monte Longo

Era o 11 de febreiro de 1209. Empeza o preito sobre a herdanza de Avellam (actual Vilar da Vella) que está entre Pela e Sanctum Iulianum de Fratibus (San Xián de Frades, actual Sardecoiro, tamén chamado nos textos antigos; Courium ou Caurium).

Por conseguinte reunidos por un lado frades de Superaddi (Sobrado) e por outro homes de Pela e Monte Longo , elixiron en representación seis homes bos; Suerium Didaci de Marogio (Maroxo), Lupum Fernandi de Monte Longo (Montelongo), Munium Petri de villa Antimi (Vilantime), Petrum Muniz fillo de Munio Petri, freire de Sancto Romano (San Román), Arias Petri de Veigundo (Beigondo), así dividiron entre eles promulgando a herdanza e a división de dita herdanza; por aquela parte que descende de monte Calvo (Montes de Ribeiro?) e de alí pola fonte que está ao pe daquela vía que vai de Pela a Courium (Sardecoiro) e de alí pola mesma fonte que entra no río de Pela (río Boente) e posúen alí marcos, un no monte en dirección da fonte de Arenis Albis (Areas Brancas, Albín?), e outro por aquela parte que descende de monte Calvo, e vírase cara a cima da fonte que entra en Pela. Nós frades de Superaddi (Sobrado) saudamos e confirmamos os termos e as divisións que nós e os homes de Pela e de Monte Longo facemos, polo que asinamos un firme final para sempre. Do mesmo xeito, nós homes de Pela e de Monte Longo saudamos e confirmamos os termos e as divisións que entre nós e os frades de Superaddi (Sobrado) facemos, polo que asinamos un firme final para sempre.

Así pois, se este firme e satisfactorio acordo se quebrantara o infractor pagará unha porción de mil solidos (soldos, moeda da época). Aquí presentes foron; Veremudus Pelagii cellerarius (responsable máximo das cousas materiais do Mosteiro de Sobrado)ts, e cf., Petrus Iohannis cantor ts. e cf., frei Menendus magister (mestre,responsable xefe) de Courio (Sardecoiro) ts. e cf., frei Petrus ts. e cf., Lupus Fernandi de villa Antimi, Arias Matini de Monte Longo, Petrus Muniz de Monte Longo, Petrus Diat de Pela, Petrus Muniz de Pela ts. e cf. Isto foi feito en días que rexía Adefonsi (Afonso VIII ou IX, fillo de Fernando II) e o Arcebispo Beato Xacobeo; don Petri Munit e o bispo lucense don Ruderici, e Roderico Gundizalui tenente de Sarriam e Monte Nigro e metade de Transtamar, Roderico Arias de terras de Avancus (Abeancos) e a dona Onega Odoarii tenente de Castaneda (Castañeda) e coto de villa Antimi (Vilantime), Petrus Martini ts., Petri ts., Iohannes Odoarii ts.

Tumbo II, fols. 74 v. – 75 r.

Documento nº: 182. Tombo II. Paxina, 193 de Tumbos de Sobrado de los Monjes de Loscertales De Valdeavellano, Pilar. Madrid, 1976. ISBN 84-3690-070-7
Tradución do latín ao galego de Celso Alberte Magariños Costas

Ningún comentario:

Publicar un comentario