domingo, 2 de xaneiro de 2011

Arentía; deusa castrexa e templarios nas terras de Boimorto

San Vitorio na fonte e Capela de Arentía ao fondo

Cara finais do século XII, as ordes relixiosas do Temple e o Cister levaban uns anos incrementando ás súas posesións no reino de Galicia. Unha carta datada en marzo do ano 1180 infórmanos da doazón das terras de Orreos (Orros), Sancto Martino de Andauaa (Andabao) e Buazu (Buazo), no concello de Boimorto, aos monxes cistercienses do Mosteiro de Superaddo (Sobrado)(1) . Por este anos a familia dos condes de Traba tecía as súas arañeiras feudais pola comarca; Urraca, filla de Pedro Froiláz, funda o Mosteiro de Dormiana (Dormeá, Boimorto), Fernando, o seu irmán, convertérase no conde máis influinte de Galicia e cedía terreos ao Cister(2) e ao Temple para asentar estas orde no reino de Galicia. Mentres, San Martiño xa levaba uns anos exercendo de protector espiritual da parroquia de Andabao, mais en Arentía, lugar desa parroquia, que pasaba?.

Porta Capela de Arentía

En Arentia, hai unha capela baixo a protección de San Cidre e á súa dona Santa María da Cabeza, é un templo de certa entidade, duns 22 metros de longo por 8 de ancho, orientado ao suroeste. Destaca, sobre a fachada máis moderna, unha porta principal con arco de medio punto abocelado (con molduras cilíndricas) - o que nos indica unha feitura románica dos séculos XII - XIV -, no seu lado esquerdo apréciase unha esquematizada e desgastada cruz céltica patada(3) , signo típico da Orde do Temple, no seu dereito, puido ter algún tipo de gravado xa que se distingue que foi desbastada a pedra.

Cruz templaria. Capela de Arentía
Preto da capela a uns 20 metros hai unha fonte (lamentablemente reconvertida en lavadoiro no século XX) da que destaca un frontón triangular cun oco no centro onde se atopa unha figuriña de madeira labrada de San Vitorio vestido de monxe cunha cruz grega no peito, a fonte ten tres canos (un xa non bota), cada santo ten o seu, máis só o de San Vitorio ten propiedades curativas. Ao nordés da capela, distante uns 120 metros, atópase un cruceiro de factura sinxela presidindo o descampado da festa.
Hoxe en día festéxase o día de San Cidre cunha romaría o 16 de maio, hai procesión arredor da capela e xantares populares, soen ser dous días de festa de moita sona na comarca.

San Vitorio na Fonte de Arentía
San Vitorio foi santo mártir romano na Palestina, unha terra que os templarios coñecen ben -en Xerusalén forxouse a Orde do Temple- polo que é posible que os templarios foran devotos de San Vitorio, máis a veneración a este santo en Galicia vén de antigo(4) , un documento do ano 929 fálanos da fundación do Mosteiro de San Vitorio de Ribas de Miño, no concello de O Saviñao, que se di, anos despois, a súa igrexa, pertenceu á Orde do Temple(5).

Cruceiro de San Vitorio. Presqueira (Baños de Molgas)
cristianizando un petroglifo
Capelas con advocación a San Vitorio hai algunhas en Galicia, case todas con fonte de augas curativas, a da Mezquita en Allariz con fonte santa, a Capela de Damil en Begonte (Lugo) con cruz templaria na ventá esquerda e fonte santa, a de San Vitorio de Arrabaldo (Ourense), a de San Vitorio dos Caínzos Cambás en Aranga que foi dominio cisterciense con presenza templaria,...
A devoción a San Cidre -o San Isidro Labrador- ten unha relación cos templarios máis marcada, xa que é un santo contemporáneo destes. Logo da batalla das Navas de Tolosa, onde os templarios tiveron unha actuación destacada, a lenda di que foi San Isidro o guía dos cristiáns na batalla, os templarios veneraron tanto a San Cidre coma á súa dona Santa María da Cabeza e ao seu fillo San Illán .


Capela de San Cidre. Arentía
Como vimos a parroquia de Andabao estaba baixo o dominio da Orde do Cister dende o ano 1180 e sabemos, tamén, das estreitas relacións que habia entre a Orde do Cister, a familia dos Condes de Traba e o Temple, que a capela teña unha cruz patada no lado esquerdo da porta e que a figura de San Vitorio da fonte vista como un monxe templario(6) indícanos, sen dúbida, que serían os templarios os encargados de cristianizar ou reforzar os cultos cristiáns dunha fonte onde, nese século XII, aínda recibiría visitas da veciñanza da zona(7) para realizar os seus ritos ou festas pagás. Os templarios sentían especial atracción por estes lugares de adoración seculares, unha bula papal do 1145 permítelles construír as súas propias igrexas e capelas cos seus capeláns(8) , templos erixidos, normalmente, en lugares de tradición ancestral, e na nosa terra, ademais, ao pe dos camiños de peregrinación á Compostela. San Mamede de Moldes é un caso típico de cristianización de cultos pagáns polos templarios en Galicia , a Capela da Nosa Sra. da Fonte (Compostela)San Pedro de Trasalba, e Santa María de Caldas son outros exemplos.
A tradición, sobre todo no medio rural, é teimuda e a sona da divindade castrexa de Arentía seguramente atraería moitos devotos pagáns, quen sería, pois, a divindade de Arentía?.

Ara adicada a Arentia e Arentio
Arentia é unha deusa céltica prerromana. Na península hai 9 inscricións nas que aparecen dedicacións a estas dúas divindades; Arentia e Arentio, apareceron nun marco xeográfico moi concreto entre o Castelo Branco no este portugués e o municipio cacereño de Coria (Carium), en catro das nove inscripcións aparecen coma parella divina. Nesta rexión do norte da Lusitania estas divindades coexistían con outras divindades máis coñecidas na Gallaecia coma Bandua ou Reve.

Ara a Arentio
J.Rodríguez describía a Arentius e Arentia coma dúas divindades xemelgas, Hurtado apuntaba a posibilidade de que se tratarse dun par divino semellante á parella Apolo –Diana. Olivares Pedreño é de semellante opinión e considera que os Mercurio e Apolo indíxenas son as dúas divindades que máis se acercan ao perfil relixioso de Arentius e baralla dúas posibilidades; que se trate da parella Apolo céltico e unha divindade de carácter terapéutico (con poderes curativos) coma os Apolo Grannus e Diana Sirona ou Boruo (Apolo céltico) e Damona, a mesma parella que Bormanus e Bormana (estas divindades estaban vinculadas a santuarios de augas termais) . No caso do Mercurio céltico sería Mercurio Visucius e Visucia ou Mercurio e Rosmerta , deusa da abundancia(9) .
Na nosa Arentia, todo indica que sería unha deusa da caste terapeutica xa que as propiedades curativas da fonte así o indican.
O curioso de Arentía é que teñamos tres santos compartindo o mesmo espazo.

Cabe a posibilidade que a fonte, nos anos anteriores á chegada dos templarios, tivese a advocación a San Vitorio, e aqueles atoparan unha fonte, con dedicación a un santo da súa devoción pero sen a forza suficiente para dobregar, nin facer esquecer, a sona da deusa Arentia e, -aquí seguimos a Olivares- tampouco do seu par divino masculino que sería o Apolo céltico (deus do Sol) – o máis acaído, ao noso entender- ,ou sexa Arentio, un deus semellante ao pancéltico Lug, recordemos que na Festa do Lugnadah os pobos agradecen a Lug os froitos da colleita, é a gran festa do labrego celta.

Cruceiro, campo da festa e capela de Arentía

San Vitorio de Arrabaldo, Ourense
 coa súa cabeza cortada
Non hai que esquecer que as trebas castrexas (populus para os romanos) e os seus castros podían ter un deus con diferentes denominacións para a mesma función en comarcas relativamente cercanas unhas das outras(10) , polo que Arentio ben poido ser o Lug da zona de Boimorto. Os templarios botarían man de San Cidre (o santo das colleitas) e a súa dona Santa María da Cabeza (tamén milagreira) para suplir a Arentio e Arentia respectivamente. Os tres canos da fonte é posible que xa existiran respondendo ao carácter sagrado do número(11) , os templarios que asumen a súa función de sincronizadores das diferentes culturas pagás co cristianismo, outorgarían un cano a cada un dos santos, conservando San Vitorio -o primeiro santo en arrivar para cristianizar a fonte da deusa Arentia- a función curativa.
Arentía atópase nun lugar elevado da comarca, dende a capela domínanse as terras do sur do concello de Boimorto e parte do Concello de Arzúa, cunha magnífica explanada, sería- e aínda o é hoxe en día- un lugar inmellorable para conmemorar as festas da divindade solar. Se efectivamente o Lug de Boimorto, Arentio, era tamén adorado en Arentía, enténdese perfectamente que os templarios procurasen un reforzo para vencer a estas poderosas divindades, e este reforzo sería tamén un par, pero de santidades; San Cidre e Santa María da Cabeza. Os poderes terapéuticos de San Vitorio seguirían imperando nos ritos da fonte, pero San Cidre, como santo protector de gando e labregos, ocuparía o lugar de Arentio no campo da festa onde se realizaban os festíns ou celebracións de adoración ás divindades, o lugar que ocupa o templo, desde onde contemplarían ao deus solar deitarse. A festa maior en Arentía sería a festa do verán céltico, o Beltene, a actual Festa dos Maios.

Pola súa posición xeográfica no vértice dun cruce de rutas que une o camiño que viña de Ponte Puñide (O Pino) entrando por Boado cara Sobrado(12) (Hospital e Ponte Présaras encamiñaban a San Pedro de Présaras, centro do sonado Condado Alto Medieval de Présaras) e o camiño que baixa cara Arzúa pasando por Boimorto onde se atopou -e alí está- un miliario romano do s. III, por esta posición estratéxica, diciamos, Arentía é lugar privilexiado para o control da ruta de peregrinos cara Santiago.

Mapa de camiños medievais de Elisa Priegue. Arentía en vermello
Polo seu tamaño é posible que a capela fose utilizada para o aloxamento de peregrinos, aínda que non hai constancia documental en templos templarios, era unha práctica común nas igrexas de peregrinación medievais. Elisa Priegue indícanos a existencia dun antigo camiño dende Sobrado a Santiago pasando por Boado e Ponte Puñide. A ruta de peregrinación dende Sobrado, pasando por Présaras que tiña que salvar o río Tambre en Ponte Présaras(13) , logo; Hospital(14) , Arentía, Ponte Boado, Boado,… e Ponte Puñide ata Compostela sería máis lóxica que a do Camiño do Norte que baixa cara Arzúa que, ata o século XII, non temos probas documentais da súa existencia(15) . O actual camiño norte cara Arzúa sería unha importante vía de comunicación das minas romanas de Arzúa co campamento romano de Cidadela e Brigantium (A Coruña), mais non como ruta de peregrinación na Alta Idade Media. Sobre todo, na Alta Idade Media, en pleno apoxeo do Condado de Présaras, a ruta de peregrinación lóxica e natural sería en linea recta por Arentía, buscando a seguridade que ofrecerían os templarios, os condes de Présaras e o aforro en tempo da viaxe, ademais, a existencia nesta ruta e naqueles tempos, en cada 4 quilómetros -de media-, dunha parroquia, aseguraban ao peregrino un lugar para a súa manutención e descanso(16) . Non obstante, as dúas pedrafitas de Andabao parecen marcar esta ruta dende tempos ancestrais.

Unha das dúas pedrafitas do cruce de Andabao,
Ponte Présaras e Arentía
Os templarios eran sobre todo protectores de peregrinos e lugares santos, o lugar de Arentía co seu poder sagrado ancestral no medio dunha ruta de peregrinación era o sitio idóneo para erixir unha capela e posiblemente algunha casa veciña para realizar a función de cristianización de cultos pagáns e as tarefas de protectores do camiño, a partir do século XIII, co auxe da vila de Arzúa e a ruta francesa, os peregrinos recuperan o ancestral camiño que marcaba o miliario de Boimorto e que hoxe chaman Camiño do Norte.

[1] Tumbo I, fol. 133 r.y v. nº437 pax. 395. Tumbos de Sobrados dos Monxes.
[2] No 1142, o Mosteiro de Sobrado, coas súas posesións, é doado polos Condes de Traba á Orde do Cister.
[3] Outras cruces célticas templarias atópanse en; Mosteiro de Vilar de Donas (Palas de Rei), Igrexa da Nosa Sra. das Areas (Fisterra), Igrexa de Taboada dos Freires (Taboada, Lugo), esta igrexa é a única de Galicia que ten documentación que  proba a súa pertenencia ao Temple. A súa cruz é moi semellante á de Arentía.
[4] O Privilexio de fundación do Mosteiro de San Vitorio de Ribas do Miño outorgado polo rei Ramiro II data do 929. Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense. -- T. 6, n. 128 (sept.-oct. 1919) ; p. 142-144.
[5] Pax. 242 nalgures II.
[6] As cores da túnica e da cruz, en azul e dourado en troques de branca e vermella, é normal logo da persecución que sufriu o Temple no século XIV, ademais, a cultura popular durante estes anos non conservaría o recordo destes detalles.
[7] O Castro das Medorras (Buazo), O Castro (Cardeiro), Castro de Corredoiras (Os Ánxeles), os castros da Algalia e do Coto da Roda en Dormeá, etc...
[8] A bula Militia Dei (Soldados de Deus), foi promulgada polo papa Uxío III (que foi abade do Cister) no 1145 co obxecto de asentar os privilexios da Orde consolidando a independencia da mesma respecto ao clero secular. Nela  recoñéceselle á Orde o dereito a recadar tributos, a enterrar os seus mortos nos seus propios cemiterios e a posuír as súas propias igrexas.

[10] Madrid, 1984, 98-94 J. C. Oliverais Pedreño, "Los dioses célticos en el occidente europeo y el panteón hispano”.
[11] Os trisquéis representando as tres fases solares (os tres pasos) e os deuses dos camiños coas imaxes de tres caras, son os exemplos máis acaídos da Trindade Céltica.
[12] Pax.127 e 192. Los caminos medievales de Galicia.
[13]Ano 1151: Pontem Presaris, et per illum riuum Tamarela. Pax. 192. Los caminos medievales de Galicia.
[14] O topónimo Hospital indica a existencia dun antigo lugar de atención a peregrinos.
[15]Vilanova de Arzúa aparece documentada por primeira vez no Codex Calixtinus. s. XII.

[16] Santiago de Boado, San Xulián de Céltigos, Sta. Mª de Gafoi, S. Pedro de Aiazo, San Román,…

Bibliografía


-FERREIRA PRIEGUE, E. : Los caminos medievales de Galicia. Ourense, Boletín Auriese,1988.
-CAAMAÑO GESTO, X.M. : As vías romanas. Compostela, Cadernos Museo do Pobo Galego. 3, 1984.
-Revista de Ciencias de las Religiones. Nº 4, 1999.
-O Privilexio de fundación do Mosteiro de San Vitorio de Ribas do Miño outorgado polo rei Ramiro II data do 929. Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense. -- T. 6, n. 128 (sept.-oct. 1919)
-PEREIRA MARTINEZ, C. http://www.estudioshistoricos.com/revista/nalgures2.pdf 

Autor: Celso Alberte Magariños Costas. celsomagarinhos@gmail.com

34 comentarios:

  1. Parabéns e obrigada pelo artigo!!!

    ResponderEliminar
  2. Ola, gostei do artigo, que non coñecía malia ter eu chegado a parecidas conclusións acerca da relación do topónimo Arentía coa deusa céltica. Parabéns dun fillo de Andabao. Por certo ¿ti que opinas de o nome da parroquia vir de Anda-Balo, "o grande (deus) Balo"? Interésame moito a onomástica céltica desta zona así que agardo poidas ter algo de información. Grazas.

    ResponderEliminar
  3. Por certo, teño unha dúbida: a pronuncia de Arentía é con /e/ aberto ou pechado?

    ResponderEliminar
  4. Manoel, graciñas polos parabéns, mais lamento non poder axudarche co topónimo Andabao, non che son filólogo, tampouco coñezo o deus chamado Balo. Sobre a relación de Arentía coa deusa céltica, animoume a realizar este traballo a ausencia de estudios neste país sobre o que parecía evidente. Por certo, coñeces máis documentación medieval sobre Andabao ou Arentía?. Unha aperta Celso A. Magariños Costas

    ResponderEliminar
  5. Non, non che coñezo pero hei preguntar.

    Balo ven sendo Bel, un dos grandes deuses célticos: http://en.wikipedia.org/wiki/Beltane

    Teño escrito sobre el na Biblioteca de Fillos de Galicia: http://abibliotecadefillos.blogaliza.org/2008/07/07/orixe-celta-do-toponimo-andabao/

    ResponderEliminar
  6. Manuel:
    Como che comentei non son especialista na materia, máis seguir os postulados de Caridad Arias ten os seus riscos, ao meu entender, a súa erudición lévao a precipitarse nas súas conclusións, algunha veces, o seu estudio sobre o topónimo de Pontevedra éche unha cousa sen traza. Aínda que non creo que teña suma importancia, porque nos textos antigos no mesmo documento, podías atopar a mesma palabra con v e logo con b, no documento de Sobrado fala de Andauaa. Anda Vao tamén pode que veña de andar ou pasar o vao, os vaos son zonas dos ríos por onde se pode pasar a pe, na zona temos o Rego do Seixo e o da Pena da Morte, non sei, non sei,…. Haber se damos con máis documentación. Unha forte aperta.

    ResponderEliminar
  7. Si, todos os estudosos teñen hipóteses máis e menos afortunadas.

    Coñezo a teoría do "valo" pero non me cadra, sendo "anda" un prefixo claramente céltico e tendo a posibilidade do "Bala/Balo". Ti mesmo achegas o "uaa" = "vaa" = *vala que viría confirmar que non se trata dun "valo", que nunca perdeu o L en galego, e que nunca foi con A. Eu penso que a etimoloxía é moito máis probable céltica que latina.

    ResponderEliminar
  8. Estiven pescudando in chisco na WWW sobre o posible significado / atributos da deusa Arentía e do seu nome.

    Achei isto: http://revvane.com.sapo.pt/panteaodeus.html que a describe como unha deusa guerreira protectora.

    Porén, buscando nas fontes do idioma coñecido que podería ser máis próximo ao céltico galaico, achei que "aran" significa pan en gaélico irlandés antigo, o cal nos podería levar a unha deusa da agricultura. Non sei como casar o do pan co da guerra pero se cadra hai vencello mitolóxico no imaxinario céltico.

    ResponderEliminar
  9. Sería interesante comparar con outros topónimos da Kallaikia. Arentía podería ter a mesma raíz que Aranga (<*Arancia<*Arantia)? Porque Arentía/Arantía non aparecen máis no Nomenclator da Xunta, e sería cuestión de procurar outros que comezasen por "aran-", "aren-".

    ResponderEliminar
  10. Aquí achei unha información se cadra máis completa sobre os atributos, e que me cadra máis co significado de aran=pan:

    "ARENTIOS/ARENTIA: par divino associado ao lar, aos pares gauleses Grannos/Sirusa, Mercúrio/Rosmerta, consequentemente o deus é associado à Lug (cultuado em áreas diferentes, por tribos diferentes), em seu aspecto de inventor de todas as artes, multifacetado, brilhante, riqueza, fertilidade e a deusa Arentia possuindo um carater de fecundidade e associação com a terra e cavalos."

    ResponderEliminar
  11. A Sirusa que mencionan é Ceres, coido: http://es.wikipedia.org/wiki/Ceres_(mitología)

    ResponderEliminar
  12. Penso que isto que procurei pola Web todo cadra coas explicacións dadas no artigo, aínda que o da saúde non o acabo de ver. Imaxino que a fondeira de Andabao, que se domina desde o alto onde está situada a Arentía, e máis a chaira que hai cara o Tambre poderían ser aptas para o cultivo do pan. Hei preguntar á miña familia.

    ResponderEliminar
  13. Sobre o de: Aranga / Arentía:

    "El origen del topónimo Aranga, deriva según todos los estudios de la forma preindoeuropea ‘ara-‘. Esta partícula define un relieve caracterizado por un valle encajado por el que discurre un curso fluvial. Sin duda se refiere al valle que forma el río Mandeo a su paso por la parroquia de San Paio de Aranga.

    Otros topónimos de similar raíz los encontramos en diferentes lugares de la península. En este sentido parece haber una clara similitud entre la forma Aranga y Arán. Este último se asocia fundamentalmente con la comarca leridana de Vall d’Arán. Otro de los ejemplos se corresponde con Aranguren, en referencia al valle ubicado en la Comunidad Foral de Navarra."

    Creo que iso invalida a relación que albiscara entre ambos topónimos... a non ser que Arantía/Arantío tamén teñan que ver con "vales" e non co "pan" como suxería eu.

    ResponderEliminar
  14. Engado outras especulacións sobre os topónimos Arentía e Andabao: http://remoido.blogspot.com/2009/09/arentia-anrentius.html?zx=245554bf23bd1645 que non sei se coñeciades.

    ResponderEliminar
  15. Para mim a Arentia, seria o lugar das aras.
    Que haja a coincidência ... primeiro para mim som as pedras depois a sacralizaçom.
    "Arentia" do latim teria deixado Arença, ou Arência.
    A tonicidade de Arent-í-a, leva a pensar noutras formas galegas como fervent-í-a ou doent-í-a, que nascem de fervente, doente e nom de "ferventia" latino > fervença/fervéncia, ou "dolentia" latino > doença.
    Arentia, arente, lugar das aras?
    Significativo é o artigo que acompanha "A" Arentia.
    Que haja uns deuses Arentius Arantia, apenas significa que eram epítetos dum par divino, do mesmo jeito que a Virge do Carme e a de Lourdes som a mesma divindade em dous lugares distintos, duas advocaçons, umha do Karmel, jardim e outra no lúrdio, lorda, barro, argila.

    Aranga, poderia ter orige em Ara+anga, pedra na curva do rio, pedra no ângulo do rio, pedra no angosto do rio, pedra anga, pedra asa, pedra angarela, pedra angarelha, pedra padiola: Ponte. Aranga onde está é chamada Ponte Aranga, que pode ser tautológico, repetitivo ...

    Na Lage de Vilasantar, hai um Bao/Vau, que talvez deve o seu nome a um tempo no que nom havia ponte, um tempo pré-romano, pois com Roma no Vau colocarom umha "lagena" ponte de passo.
    Isto leva-me a pensar em Anda-vau, como umha Anta no vau do Tambre. Tempo atrás lembro este tipo de pontes para cruzar regatinhos, dous paus passantes sobre os que descansava umha lousa, o tempo e a falta de uso, levou estas simples estruturas, andas, como as andas de levar os santos, que serviam de pontes ...
    Nom é de estranhar que grandes andas, angarelhas, angas, cruzassem grandes rios e que estas formas dessem nome aos lugares
    http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=andas&tipo_busca
    Saúdos!

    ResponderEliminar
  16. Boeno, sobre o estudio etimolóxico do topónimo Arentía, Bascuas, na súa obra Estudios sobre Hidrominia paleoeuropea gallega, pax. 29, recolle o tema Arant nos topónimos derivados da raíz indoeuropea ER, moverse. Entre eles cita; Arantón (Santa Comba) atestiguado coma ecclesia de aranton 830 e Aranto ou Arento 1380, un pouco máis arriba, o teónimo lusitano Arantio Tanginiciaeco, e claro a nosa Arentía.
    Unha aperta.

    Ver: http://books.google.es/books?id=by89gPXtl04C&pg=PA29&lpg=PA29&dq=historia+arentia+boimorto&source=bl&ots=PbWrtW5sWl&sig=kWV5uT7HAo495xivuEFA9HPc7Bs&hl=es&ei=y0Y5Ta3hPIGHhQertY2MCg&sa=X&oi=book_result&ct=result&resnum=6&ved=0CD0Q6AEwBQ#v=onepage&q=historia%20arentia%20boimorto&f=false

    ResponderEliminar
  17. Gonzo, parabéns polo teu trabalho.
    Com muito respeito, e só para tirar do fio e da curiosidade, escrevo:
    Existe Arenteiro como rio, mas tamém há Arenteiro como nome de lugar ..., e se nom é moito aventurar, o rio recebe o nome do lugar de onde nasce, das pedras de Arenteiro?, ou ao revés?, ou talvez o rio leva esse adjetivado nome das Areas ou das argentadas augas prateadas, como mais tarde explicarei.
    Sobre o Arantom de Santa Comba, é interessante mirá-lo desde o google maps, ao seu redor temos as aldeas e lugares de As Antes, Aram, Arosa ...
    Si, passa um rio, o Jalhas, pero: As Antes? ..., e tanto megalitismo na zona?, e Arosa?
    Bem, algo mais que coincidência?, perto da Arentia tamém está Arosa.
    Entom dá para escolher entre o rio ou os penedos Aras, Antas.

    P'ra mais: a palavra Arento existiu no galego-português medieval, como Arente, Arento, Argen,
    Argente, era nome para o dinheiro de prata.
    Seguindo o razoar de Ferventia>fervença e Fervente>fervent-í-a, Arentia seria a prateada, ou a de luz branqueada. Leva-me a pensar no símil Ardença/Ardentia,
    Entom, apenas teriamos que buscar um céltico falar que era coirmao do latim, onde argenta e arenta fossem pares co mesmo significado.
    Aí batemos na confussom e damos de chofre na raiz de pedras, terras, metais e minerais, com Ara (pedra latina), Aeramen (Arame e bronze latino) e Argila, e Arente (prata céltica?, proto-romana? galega medieval com certeza) e Argenta (prata romana), todo enraizado no grego Argos (branco luzente) e tamém no sânscrito Arjunas/Argunas, brilhante claro.
    http://en.wikipedia.org/wiki/Arjuna.
    Entom entendo que as Aras votivas estám a falar do deus e da deusa brancos brilhantes como prata.
    Talvez os rios que levam radical Arant, nom sejam mais que rios prateados, e arant seja esse reflexo argentado.
    Saúdos!

    ResponderEliminar
  18. En Touro, na parroquia de Loxo, tamén temos as minas de cobre de Arinteiro. Parece ser que os romanos do común chamaban argentum, ademais do diñeiro, a todo metal que relucía. Estes Arenteiro e Arinteiro, non sei, creo coma Bascuas que son latinos non célticos, quero dicir que seguramente foi o labor mineiro do exército romano o responsable desta toponimia. Unha aperta.

    ResponderEliminar
  19. Moi interesante este debate etimolóxico aínda que recoñezo que xa me perdín un chisco. Algunha conclusión que poidamos tomar claramente? Fica descartada a relación coas a-REN-tia / a-RAN-tia lusitanas?

    Só quería engadir que tentei cercionarme de como pronuncia a xente de alá e fano con E aberto, é dicir case como 'arantía'.

    ResponderEliminar
  20. De momento vin que apuntades a posibles orixes semánticas relativas a 'ríos', 'aras' ou 'metais brillantes'. Non é? Descartades a relación co 'aran' = 'pan' gaélico?

    Volvendo sobre a etimoloxía de 'andabao', e pensando de novo nese medieval 'andavaa'... podería ter que ver co 'vaa' de 'vaamondes'?

    Caridad Arias relaciona 'baamonde' cos antropónimos xermánicos compostos a partir de 'bada' ou 'wala'. Non esquezamos que hai un Vaimorto/Baimorto tamén na nosa toponimia.

    O mesmo autor na súa "Toponimia céltica de Galicia (p. 68) fala dun antropónimo céltico Val(l)o ou Val(l)io do que procedería p.ex. Valiña. Interpreto eu unha alternancia ou equivalencia vala/volo e vai/voi.

    Porén, na p. 70 atribúe Boimorto a outro antropónimo: Bodo/Bodio/Boudio, e do que di na p. 94 pódese atribuir aínda a outro: Boso/Bosius.

    ResponderEliminar
  21. Quería finalmente preguntar se coñecedes algún foro de debate e pescuda sobre estas cuestións da etimoloxía céltica dos nosos topónimos, porque teño varias cuestións máis que facer e que estarían tamén relacionadas co meu proxecto http://www.nomes-galegos.info

    Grazas.

    ResponderEliminar
  22. Neste traballo realmente non busquei unha orixe etimolóxica do topónimo Arentía, hai tempo que atopei a semellanza co teónimo Arentio-Arentia, e fervíame na testa, arrinquei o estudio con San Vitorio, e logo fun tirando do fío. Sobre o que falamos aquí, eu creo que o que apuntaches sobre o posible mimetismo cos pares gauleses Grannos/Sirusa, Mercúrio/Rosmerta, consequentemente o deus é associado à Lug,.. creo que vai ir a misa, Arentía atópase nun camiño ancestral que levaba cara o mar, cara o Alén, aló onde se atopaban as Illas Marabillosas (http://anosahistoria.blogspot.com/2010/02/dende-ultima-glaciacion-de-wurm-90.html) e como apunta Caridad Arias, acertadamente, Bran o deus celta dos camiños e Lug o deus supremo trataríanse, probablemente de dous nomes ou dous aspectos distintos dun mesmo personaxe do mito base (http://anosahistoria.blogspot.com/2009/05/bran-lug-deuses-celtas-nas-terras-do.html). É moi posible que Arentio responda a esa premisa.

    ResponderEliminar
  23. Por certo, Manoel, teño que darche a noraboa polo proxecto http://www.nomes-galegos.info, fenomenal.
    Sobre o tema da etimoloxía céltica, coñezo o blog do noso veciño Cossue; http://frornarea.blogspot.com/
    creo que un referente moi documentado nestas cuestións.

    ResponderEliminar
  24. Debo desdicirme:

    Só quería engadir que tentei cercionarme de como pronuncia a xente de alá e fano con E aberto, é dicir case como 'arantía'.

    Vexo que o meu ouvido, pouco afeito a distinguir vogais galegas, me traizoou. Xente da zona tenme dito que o e é pechado. E o lingüista Higino Martins tenme dito que un e aberto nesa posición non tónica e diante dun N non sería coherente coa fonética habitual do galego, así que...

    Temo que a-ren-TI-a e a-REN-tia / a-RAN-tia sería raro que tivesen relación. Polo tanto o vencello coa deusa lusitana eu poñeríao en dúbida por non cadrar a fonética nin a posición do ton.

    ResponderEliminar
  25. Home, Manoel, escaghallar un traballo de moitos meses pola fonética de hai máis de 2000 anos, non che é de agradecer.

    ResponderEliminar
  26. Gonzo, eu non che sei de lingüística, só trasmito a opinión do Higino.

    Eu despois de lle dar moitas voltas inclínome pola etimoloxía latina 'argentina' -> 'arentina' -> 'arentía'

    De todos xeitos nestes terreos sempre hai que traballar con hipóteses e coido que é raro ter certezas absolutas. Polo que eu teño lido a posición da sílaba tónica é das cousas máis estables na evolución lingüística, así que penso que o de a-REN-tia -> a-ren-TI-a é bastante dubidoso. Pero aconsello seguirmos pescudando coa axuda dos lingüistas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Un ano mais tarde, vin dar aqui.
      Gonzo moi bo traballo.
      Na zona entre as Corredoiras e Arentía, os das plantacións de millo andan levantando as pequenas arcas que quedaban no medio das fincas.
      Pódese facer algo, agora que a desfeita está consumada?
      E que nin sei se as arcas estarian catalogadas.
      (contacto: capeloso1@hotmail.com)

      Eliminar
  27. Un ano mais tarde, vin dar aqui.
    Gonzo moi bo traballo.
    Na zona entre as Corredoiras e Arentía, os das plantacións de millo andan levantando as pequenas arcas que quedaban no medio das fincas.
    Pódese facer algo, agora que a desfeita está consumada?
    E que nin sei se as arcas estarian catalogadas.
    (contacto: capeloso1@hotmail.com)

    ResponderEliminar
  28. Témolo moi difícil, compañeiro, por propia experiencia, as denuncias ou queixas deixadas na web da Dirección Xeral de Patrimonio, non son nin contestadas, desgraciadamente estes organismos forman parte do paripé do Vou non vou. Eu penso que o mellor que se pode facer é, se se pode, sacar foto e envialas a Patrimonio, a blogs como Capítulo 0 de Manolo Gago, a http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/, ou a nós que seguramente nos viría de perlas para unha pequena pesquisa histórica.
    Unha aperta e moitas polo parabén

    ResponderEliminar
  29. Recollido de "Portugal romano" no facebook.Pertinme a liberdade de enviarlle esta vosa ligazón. Un saúdo.
    Xabier Moure.

    Arentio e Arentia – Deuses da Guerra dos Lusitanos venerados em época romana

    As divindades dos povos de Lusitânia, conhecidas na época romana, como Arentio e Arentia encontram-se venerados na região de Castelo Branco. Foram recolhidas aras por exemplo, no Sabugal, no Fundão, Idanha-a-Velha, Rosmaninhal entre outros
    A zona de devoção limita-se à restrita área localizada entre o rio Tejo e o rio Mondego e entre o Zêzere (a ocidente) e o rio Alagón (a oriente), com excepção para uma ara recolhida no Concelho de Cascais e que refere uma dedicatória a Araco Arantoniceo, interpretada com duvidas por José d’Encarnação como Aranto; Arantio; Arentio (?)
    Actualmente ainda não são certos os atributos divinos destas duas divindades, contudo alguns investigadores interpretam como uma divindade guerreia dos Lusitanos equivalente ao Deus Marte Romano.

    Arentia seria a Deusa guerreira Lusitana, ela representa a vitória dos que lutam pelo seu povo. Ela é a esposa de Arentio, e é representada por uma égua. Arentio seria o Deus da Guerra e um dos principais deuses dos Lusitanos. Representa a força. Juntamente com sua esposa a Deusa Arentia formam o par divino principal dos Lusitanos.
    Outros apontam como interpretação a raiz dos hidrónimos e topónimos "Ar-" como a palavra antiga para "água" e, portanto, o deus Arentio e Arentia seria uma "divindade protectora da água”.
    Foto:
    Árula a Arentio Lusitano / Romano Século I d.C. – Museu Nacional de Arqueologia
    Inscrição:
    ARENTIO / SVNVA / CAMALI F(ilia) / V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito) //
    Tradução:
    "A Arentio, Sunua, filha de Camalo, o voto cumpriu de bom grado e com razão." (J. C. Ribeiro)

    Colabore acrescentando informações ao tema. Iremos incluir na próxima revista do projecto e dedicada ás Legiões e unidade militares romanas, uma pequena nota sobre os Deuses da guerra no actual território português.

    ResponderEliminar
  30. Nacin moy cerca No Piñeiro (Dormeá) e conosco o lugar, encantame que o expliquen tan ben.
    Graciñas

    ResponderEliminar
  31. Graciñas a ti Mer polas túas agarimosas palabras

    ResponderEliminar