venres, 16 de decembro de 2011

Bo Nadal

Nestes tempos tan preocupantes rescatemos as orixes do noso Nadal.
Boas Festas e Feliz Aninovo.

sábado, 12 de novembro de 2011

Magosto, festa herdeira do Sámonos galaico (Samaín)


Interesantísimo artigo de David Outeiro en; Desperta do teu sono  sobre a orixe céltica da festa de Defuntos e o Magosto, en esencia a mesma.

Foto de Bruxo-fotobruxo.com

venres, 11 de novembro de 2011

Pan, Idioma e Música

A Lingua sabe a Pan, extraordinario traballo da comunidade educativa do CEIP de Cea.

Unha aperta a tod@s.

mércores, 26 de outubro de 2011

Cabezas cortadas a tradición continúa 2. A cabeza de Buazo

Cabeza cortada Entremont
Non deixaremos de recordar aquilo que no século VI, o Papa Gregorio Magno recomendaba: " Non suprimades os festíns que celebran aquelas xentes nos sacrificios que ofrecen ós seus deuses; trasladalos ó día das festas dos santos mártires, co fin de que , conservando algunhas groserías , alegrías da idolatría, se predispoñan máis doadamente a gustar das ledicias espirituais da fe cristiá ."

E claro a Igrexa houbo de comulgar con festíns e costumes ben pagás. As igrexas do románico e sobre todo as rurais acolleron estraños símbolos e rarezas esculpidas na pedra dos seus tímpanos e portas. Entre estas rarezas atopamos as chamadas cabezas cortadas.

Xa falamos noutra ocasión dos poderes máxicos que para os pobos celtas posuían as cabezas cortadas. Sobre todo outorgaban protección aos fogares e familias.

Posidonio (135-51 a.C.) , que pateou a Galia a base de ben, dicía que aquelas cabezas humanas penduradas das portas nas aldeas chegaran a facérselle familiares. Cravalas caliveras nas portas das casas coma se foran trofeos era unha costume estendida por toda a Galia. Diodoro de Sicilia (s. I a. C.) refire que os galos «cortan a cabeza aos inimigos caídos e a suxeitan ao pescozo dos seus cabalos (…).  Silio Itálico (25-101 d. C. ) di que os galos consagraban nos templos a cabeza cortada do xefe inimigo.  Estrabon (64 a.C- 24 d. C.) fala deste rito utilizado polos druídas” .

Esas cabezas logo converteríanse en cabezas de pedra e en moitas aldeas incrústanse nos muros defensivos dos castros ( cabezas de Armea, Ourense) , co tempo as caliveras e as cabazas iluminadas tomaron o relevo.

Asemade os deuses dos camiños, son representados por cabezas de pedra de tres ou catro caras (o chamado Hermes de Pontedeume).

Decapitados Entremont

A idea dun culto da cabeza cortada entre os celtas comeza a prosperar coa aparición de dous famosos templos descubertos no sur da Galia,  Roquepertuse e Entremont . Neste último atopáronse vinte cranios na zona do santuario, que quizais formaron parte de ofrendas votivas de algún tipo.  Estes cranios decorados crese que foron usados polos druídas para as súas libacións rituais. l  

Estes tipos de costume era norma común nos pobos célticos.
 
Coa chegada da Idade Media este estraño rito continua latindo en diferentes manifestacións;

Alain Desgris falando das cabezas cortadas incide nas figuram baffometi  (a figura de Bafomet) que saen a relucir nos procesos contra os templarios. No 11 e maio de 1307 a comisión ordena a Guillermo Pidoye, administrador dos bens do Temple que entregue tódalas reliquias templarias confiscadas. Pidoye e Guillermo de Gisors presentan unha cabeza. En realidade un busto oco de muller feito en prata dourada, que conten dous fragmentos de cabeza humana (envoltos en tea vermella), atopado na casa do Temple de París, baixo torturas algúns templarios relataron que era unha das once mil virxes mártires da Cristiandade, outros a pegada do papa  Silvestre II.
Fala  Alain Desgris  da tese da cabeza relicario e a súa relación co Grial analizando os detalles que se observan na igrexa templaria de  Anzeghem (Flandes belga), onde, en certas cerimonias, o oficiante mostra unha cabeza barbuda (Bafomet) de madeira que conten un fragmento do cráneo de San Xoan Bautista. As virtudes que se lle supoñían a esta cabeza gardan relación con outras decapitacións célebres (de Orfeo, do celta Bran o Bendito, de Cuchulainn, etc..), que sempre deron orixe a cultos nos que a cabeza ofrecía protección e era símbolo de resurrección[1].
Posible Baphomet

Na Historia Compostelana, escrita cara o 1140, nárrase a historia da reliquia da cabeza de Santiago o Maior ( realmente do Menor), atopada por revelación do Espírito Santo nunha igrexa de Xerusalén polo entón bispo de Coimbra, Mauricio (logo arcebispo de Braga e finalmente antipapa). Mauricio róubaa unha noite, e cando secretamente a transporta, un ermitán indícalle que coñece milagrosamente o roubo , pero que non se opón, porque “é oportuno que onde está o corpo do santo apóstolo , este tamén a cabeza”. Posteriormente esta reliquia , a través da raíña Urraca, chega a Compostela, onde a recibe solemnemente Xelmírez no 1116. O máis sorprendente deste episodio é que se fixera compatible coa insistencia dos textos composteláns no feito de que se atesoura en Santiago o corpo completo do apóstolo, coa súa cabeza (como recollerán incluso lendas tardías). É verdade que posteriormente acabarase por identificar a reliquia coma a cabeza de Santiago Alfeo.[2].
Cabeza de Santiago o Menor. Compostela
Dende o século XII co Arcebispado acadado por Diego Xelmírez para Compostela, a Catedral é o centro de celebración das festas relixiosas; Páscua, Pentecostés, Nadal, Corpus, e claro o Santiago Apóstolo, son festas mitradas ás que os capitulares da Catedral tiñan que asistir coas súas mellores galas ás procesións que saían da catedral. Nestas festas principais sacábase tamén en procesión a cabeza de Santiago (realmente Santiago Alfeo, o Menor, un dos doce apóstolos), coa que ata finais do século XIV tamén se recibían ás grandes persoeiros que se achegaban a Compostela.
Afonso VII, no 1127,(antes de lear con Xelmírez) foi recibido pola cabeza de Santiago Alfeo. Prohibiuse ese rito no ano 1385[3]. Mais, no século XV, esta cabeza de Santiago Alfeo tiña unha arca onde os peregrinos, chegados de tódolos lares, depositaban as súas ofrendas[4].

Berenguel de Landoira no 1322 encarga o relicario no que hoxe segue conservándose.
Home Verde nunha pilastra
          central de Sta. Mª A Real
de Entrimo
Tamén no Medievo aparecen en igrexas, e máis tarde en casas da nobreza, os chamados homes verdes;

 Os green man das Illas Británicas, le feuillou en Francia, blattqesicht en Alemaña, etc.. adoita figurarse como unha cara cuberta de follas, as cales, correntemente, aínda que non sempre, saen da súa boca a partir de ramas ou caulículos. Atópanse en boa parte de Europa, pero de maneira especial nos países do arco atlántico, alí onde a cultura celta deixou unha pegada máis fonda[5].

Estes homes verdes aparecen nun incensario dun anxo na Porta de Praterías da Catedral de Santiago (s. XII), na balconada do Hostal dos Reis Católicos (s. XV); na igrexa do Hospital de Quiroga, Lugo; na igrexa de San Francisco de Betanzos (s. XIV); en Santa María A Real de Entrimo (s. XVII); nunha fonte do xardín do edificio Castro Monteagudo do Museo de Pontevedra; na de San Xulián de Ventosa en Agolada (s. XVI); na fachada da Casa da Parra (s. XVII) na Quintana dos Vivos en Compostela....

Home Verde no Museo de Pontevedra
Trátase de asegurar a comunicación cun deus dador de vida, un deus que resucita ós mortos. ¿E cal é a imaxe dese deus? Pois parece evidente que é a dese home, esa cara, que vomita vida: ramas e follas pola boca[6].

Quizais os homes verdes sexan a evolución cristianizada dos deuses dos camiños, os deuses que comunicaban a vida coa morte e a morte coa vida.


Homes verdes na Casa da Parra. Compostela
Non cabe dúbida que a cabeza cortada seguiu conservando o seu prestixio máxico. E como vemos en Galicia os templos rurais ostentaron esas cabezas cortadas en pedra ou caliveras ata hoxe sen disimulo:

Nos Vaos (Ribeira de Piquin, Lugo) atopamos cinco cranios incrustados sen mandíbula na parede da igrexa a 3 metros do chan, coma se asistirán a misa. É do século XVII, construída sobre un asentamento castrexo.

En Santa Comba de Órrea (Riotorto, Lugo)  na Serra de Meira, xusto enriba da pía bautismal atópase un cranio sen mandíbula mirando cara ao altar maior.

En Santa María de Conforto (A Pontenova, Lugo), con fonte curativa, o templo ten porta do Sol (sur), con reloxo solar, porta da lúa (norte),  e porta principal ao oeste. Entrando pola porta do Sol, a man esquerda sobre unha pía bautismal un cranio, tamén carece de mandíbula inferior.

Na igrexa parroquial de San Xoán dos Vaos ata o último cuarto do século pasado, poñíase unha calivera sobre unha mesa situada no centro da nave maior durante a novena de Defuntos[7].

A 20 quilómetros destas igrexas nas escavacións arqueolóxicas do castro asturiano de Chao Samartin en Grandas de Salime atopouse un cranio de muller xunta a porta de acceso ao recinto castrexo.[8]



Cabeza castrexa de San Pedro de Trasalba

En  San Pedro de Trasalba (Amoeiro), no Medievo, territorio templario, temos a coñecida cabeza castrexa incrustada na parede da ábsida. Preto de alí, en San Xiao, as tres cabezas cortadas (cabezóns) en piares de pedra na casa das tías Casildas. En Rianxo, na ermida de San Pedro de Vilas temos tres cabezas cortadas na súa fachada (interesante artigo na Ilha de Orjais sobre esta capela). Nun muro do adro da igrexa de San Mamede do Castro (Silleda) atopamos outra cabeza castrexa(9)- foi roubada hai uns anos-, sobre esta igrexa dise que foi trasladada ata o seu emprazamento actual desde o castro debido a morte dun cura, segundo di a lenda, os asasinos foron os mouros do castro, razón pola que foi desprazada a igrexa do castro.

Na igrexa parroquial de Santa María de Buazo, no concello de Boimorto, enriba da porta principal orientada ao  solpor, atopamos outra cabeza cortada en pedra, tamén dá a impresión de ser reutilizada.   Non temos noticias da orixe desta cabeza, pola súa tipoloxía podería ser unha cabeza castrexa (moi preto da igrexa atópase o Castro das Medorras) ten a boca entreaberta, o  seu ollo esquerdo recorda aos das cabezas de Armea, mais, non se aprecia nariz nin ollo dereito moi desgastados.
O que nos importa aquí é que é unha cabeza feita para incrustala na parede, a súa función é unha función de prominencia sobre a porta principal, parece estar concibida para a protección dos usuarios do templo. Hai que constar tamén que Buazo (Buazu) foi territorio pertencente aos monxes cistercienses de Sobrado.       

       

                En tódolos casos, excepto nos homes verdes (ao noso parecer unha resposta culta do cristianismo a uns ritos ferreamente espallados na cultura do pobo), as cabezas cortadas teñen unha localización destacada  nos templos coma antes nos castros. Aquelas cabezas que protexían e metían respecto, co tempo convertéronse en cabazas e calacús que meten medo.
Máis nada, coidado co Ghalopín, feliz Samaín e ánimo que o San Martiño e o Magosto xa están aí.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com



BIBLIOGRAFÍA

LÓPEZ LOUREIRO, R. Samaín: A Festa das Caliveras. Ir Indo Edicións, Vigo, 2003


PÉREZ RODRÍGUEZ, F.J. La Iglesia de Santiago de Compostela en la Edad Media: El Cabildo Catedralicio (1110-1400). Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1996.

ALAIN DESGRIS. Misterios y revelaciones templarias, Carroggio Belacqva de Ediciones, Barcelona, 2003.
DÍAZ Y DÍAZ, M.C. De Santiago y de los Caminos de Santiago. Xunta de Galicia, Santiago, 1997.
ERIAS MARTÍNEZ, A. O home que vomita ramas… Anuario Brigantino nº32. Betanzos, 2009. http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab2009PDF/2009%20INDICE.htm
ABRAIRA PÉREZ, M.A, La muerte de cara y la cara de la muerte….Revista Gallaecia nº24. Santiago, 2005. http://dialnet.unirioja.es/servlet/listaarticulos?tipo_busqueda=EJEMPLAR&revista_busqueda=611&clave_busqueda=117432

MARIÑO FERRO, X.R. Leyendas y Milagros del Camino de Santiago, Ellago Ediciones S.L., Vilaboa (Pontevedra), 2010.
CALO LOURIDO, F. A plástica da cultura castrexa galego portuguesa, Fundación Barrie de la Maza, Pontevedra, 1994.




ARIZAGA CASTRO, ÁLVARO R.1 - FÁBREGA ÁLVAREZ, PASTOR2, AYÁN VILA, XURXO M.2 - RODRÍGUEZ PAZ, ANXO3. A APROPIACIÓN SIMBÓLICA DA CULTURA MATERIAL CASTREXA NA PAISAXE CULTURAL DOS CHAO DE AMOEIRO (OURENSE,GALICIA)

CUADERNOS DE ESTUDIOS GALLEGOS, LIII
N.º 119 enero-diciembre (2006), pp. 87-129http://estudiosgallegos.revistas.csic.es/index.php/estudiosgallegos/article/view/4/14

http://www.entremont.culture.gouv.fr/en/index2.htm

http://ilhadeorjais.blogspot.com/2011/07/n-116-sao-pedro-de-vilas.html












[1] Pax. 129 e ss. Misterios y revelaciones templarias


[2] Pax. 73 -74. De Santiago y otros Caminos de Santiago


[3] Pax. 143. La Iglesia de Santiago de Compostela en la Edad Media: El Cabildo Catedralicio (1110-1400)


[4] Pax. 147. La Iglesia de Santiago de Compostela en la Edad Media: El Cabildo Catedralicio (1110-1400)


[5] Pax. 285. Anuario Brigantino 2009, nº32. Alfredo Erias Martínez. O home que vomita ramas..


[6] Pax. 288. Anuario Brigantino 2009, nº32. Alfredo Erias Martínez. O home que vomita ramas..


[7] Pax. 353 la muerte de cara y la cara de la muerte. Revista Gallaecia nº24


[8] Pax. 355 la muerte de cara y la cara de la muerte. Revista Gallaecia nº24
(9) Pax. 647. A Plástica da cultura castrexa

xoves, 28 de xullo de 2011

Primeiras novas do Santuario castrexo de Armea

O arqueólogo Adolfo Fernández dirixe a excavación do Monte do Señoriño
As escavacións arqueolóxicas no Santuario castrexo de Armea (Allariz), (descuberto polo veciño de Armea, Manuel Losada) realizadas polo equipo do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo baixo o patrocinio do Concello de Allariz, vai dando os seus abraiantes froitos. Manuel Gago no seu Capítulo Cero (por certo, seguide a historia do ouro dos mouros, fascinante..) fainos un detallado resumo do achado.
Sen dúbida estamos ante un novo tempo para o estudio da cultura castrexa.

domingo, 19 de xuño de 2011

Os nemetóns; santuarios, druídas e trebas celtas na Gallaecia

Nemetón, palabra céltica que significa santuario, bosque sagrado(1) . Ben se sabe que a relixión céltica non precisaba de pétreos templos nin de estatuas para gañar os favores dos deuses, na natureza invocaban as súas divindades, e os bosques sagrados en lugares estratéxicos era a norma xeral en tódalas tribos ou trebas. Estes lugares sagrados derivaron en moitos casos en poboados de certa importancia, ou deron o seu nome ás tribos do contorno.



En irlandés antigo existe a palabra nemed, co mesmo significado de santuario, mais tamén 'nobre, persoa con priviléxios'. Nemed era tamén o líder dos segundos invasores de Irlanda que loitaron contra os Fomores, como recolle o Libro das Invasións irlandés (a lenda de Breogán está incluída neste libro), Nemed (igual que tódolos invasores de Irlanda, excepto os Tuatha de Danann ) proviña de Hispania (Galicia, se entende), do País dos Mortos segundo a interpretación de D´Arbois de Jubainville na súa obra O ciclo mitolóxico irlandés.


Drunemeton (santuario dos cabalos ou gran santuario) era o lugar de reunión do pobo celta dos gálatas no centro de Asia Menor(2) . A deusa Nemetona ou as Matres Nemetiales, topónimos coma Augustonemeton na Galia e Medionemeton ao norte de Britania(3) , son algúns exemplos das pegadas dos bosques sagrados nos pobos celtas.

Monte Neme ao lonxe Baldaio


Na vella Gallaecia temos unha sólida constancia destes nemetóns e a súa evolución, a historia romana e a arqueoloxía amosan a súa existencia;


- Na zona de Trives, Ptolomeo (xeógrafo grego do s. II) localiza o poboado Nemobriga.


- V(icus) Nemetobrica, inscrición en pedra atopada en Codosedo, Sarreaus(Ourense) preto de Vilar de Barrio, esta estela funeraria ten unha correspondencia case exacta coa información de Ptolomeo.


- Nemocelo inscripción atopada nunha ara de Chaves (Portugal)


- Deo Domeno Cusu Nemedeco, inscrición atopada en San Tirso de Burgâes, distrito de Porto (Portugal). Sería polo tanto un santuario do deus Coso(4) .


- Ptolomeo fálanos do grupo étnico dos Nemetates no noroeste da Tarraconense (5


Hoxe en día, logo de máis de dous mil anos, os lugares que nos indican algunha relación cos nemetóns galegos amósanse na toponimia, nas lendas e nas tradicións da nosa terra. A cristianización de santuarios rurais por santos e santas de diferentes nomes son innumerables, busquemos os que amosan a raiz Neme e o seu entorno:


Nas terras da Costa da Morte, no territorio medieval de Nemancos e Célticos., localizamos San Tomé de Nemeño ( Ponteceso) onde se atopa o castro de maior dimensión da comarca, a dous quilómetros cara o noroeste San Xián de Brantuas a un quilómetro de San Xián no alto do Monte do Faro atópase a capela e fonte da Nosa Sra do Faro, preto de alí ao sur de Corme atópase a Illa da Estrela, onde había dous círculos líticos (cromlech). Preto de Corme en Gondomil temos a famosa Pedra da Serpe cristianizada cun cruceiro. Máis ao norte, a capela de San Hadrián coa súa fonte de augas curativas, ao pe do Monte de Beo (beo, de vivo en lingua céltica) onde se atopa o castro Bico do Castro, a lenda di que San Hadrián fendeu na rocha a Serpe de San Hadrián cando ía cruzar cara as Illas Sisargas(6) .
San Hadrián


Preto de Buño, no concello de Malpica, temos o Monte de Neme, dende onde hai unhas excelentes vistas panorámicas sobre a comarca, na súa aba norte atopábase a Eira das Meigas ou Circo de Xogos, un cromlech, remodelado hai pouco por un veciño, onde, segundo a tradición popular, a noite de San Xoán xuntábanse as bruxas para argallar os seus enredos contra os veciños, tamén existía a capela e fonte santa de Santa Cristina (7) Na aba sur de Monte Neme, no rego de Bandeira, nos anos 50 do s.XX, durante as tarefas de bateo da mina de wolframio, atopouse a chamada Arracada do cercano lugar de Cances. Este monte foi castigado duramente pola súa riqueza mineral; estaño, wolframio e agora grava foron as explotacións mineiras que soportou e soporta o ancestral bosque sagrado de Neme, seguramente, dende a prehistoria. Aprobada, o ano pasado, a instalación dun parque eólico na súa cima, o Monte Neme parece condenado a sufrir un castigo divino e humano.


A parroquia de Leis de Nemancos entre Muxía e Camariñas. Este lugar refírese á comarca medieval de Nemancos.


San Cristovo de Nemiña (Muxía), coa súa praia rodeada de natureza, recórdanos o que André Pena na súa obra, San Andrés de Teixido, apunta sobre outro San Cristovo, o das Serpes de Brión (Ferrol); coma posiblemente outro dos lares viales galegos, tiña a piadosa tarea de socorrer persoalmente re¬colléndoas, unha a unha, da area, e subíndoas as súas costas, ás almas que chegando tarde ao peirao cha¬mado “Areas do Paradiso” no seu santuario de Ferrol perdían o barco para o“Alén”, o “Máis Alá”.
Sisargas e San Hadrián dende a Eira das Meigas no Monte Neme


Cara o este; o Territorio Nemitos  era o antigo nome da comarca entre os rios Mero e Mandeo por terras de Betanzos, o territorio altomedieval Nendos , non parece nada descabellado identificar o medieval Territorio Nemitos co territorio da treba dos Nemetates dos que nos falaba Ptolomeo.


Santa Cristina de Nemenzo no lugar da Pedra , no concello de Santiago de Compostela, coma en Monte Neme, quizais cristianizaría un nemetón.


I e que hai que botarlle unha ollada ao censo de Agripa e decatámonos que toda esta zona era habitada polos pobos célticos Supertamarcos e Praestamarcos, estes pobos estaban formados por diferentes trebas dando algunha delas nome ás comarcas que habitaban ata o medievo; Nemitos, Nemancos, Célticos,...


Establecidos enriba e debaixo do río Tambre a súa pegada céltica é indubidable, dende a toponimia ata a arqueoloxía (cinco estelas de celticos supertamarcos) deixaron constancia da súa cultura celta.


Se había nemetóns e os seus usuarios eran célticos alguén tiña que dirixir as ofrendas e ritos divinos. Na Galia, en Irlanda e en Britania está documentado a existencia dos druídas, os sacerdotes das tribos celtas. Pois ben, hai pouco no veciño blog Fror na Area, falábannos de tres incripcións (atopadas en Vigo, Guimaraes e Braga) que se refiren, moi posiblemente a druídas, na de Guimaraes reza o seguinte; DEO D/URBED/ICO, o deus dos druídas, sería a súa traducción. Magulan en Arzúa quizais responda á existencia dun mago (así chamaban os romanos aos druidas) na terra cha da parroquia de Lema.
Mais, na mitoloxía irlandesa atopamos o elo que une os nemetóns da Gallaecia coa nosa veciña Irlanda. H. D´Arbois de Jubainville fai un exhaustivo estudio sobre o Lebar Gabala, Libro das Invasións ou das Conquistas, onde esmiúza os principios fundamentais da mitoloxía céltica. D´Arbois insiste ao longo da súa obra sobre a confusión ocasionada polos cristiáns irlandeses entre Hispania e Bretaña (sobre todo Hispania) co País dos Mortos ao transcribir a mitoloxía céltica(8) . Ao seu entender, que os cristiáns irlandeses citen a Hispania coma o país de orixe das razas invasoras de Irlanda; a de Partolón, a de Nemed (que regresa a Hispania) e a de Mile (neto de Breogán) é unha cristianización do que a mitoloxía céltica chamaría o País dos Mortos.

Eburia dos célticos supertamarc


Pois ben, D´Arbois, ten moita razón en insistir sobre o País dos Mortos, mais, pese ao seu encomiable traballo, os medios para a investigación a principios do século XX son limitados, polo que esqueceu colocar a lupa sobre a nosa Galicia e isto levouno a cometer erros coma identificar Braganza coa ancestral Brigantia (hoxe, sen ningunha dúbida; A Coruña), ou descoñecer que na nosa terra temos unha costa chamada dende séculos Costa da Morte, uns antigos Territorio Nemitos (o ancestral territorio dos nemetates?), Nemancos ou Célticos e unha cultura ancestral arredor da morte.


Efectivamente a mitoloxía refírese ao País dos Mortos e, coma na Bretaña, sería un dos nomes co que a Gallaecia sería coñecida na antigüidade entre os pobos célticos, ese país que os romanos de Xuño Bruto non se atrevían a pisar, xa que ao cruzar o río Limia quedarían desmemoriados ou zombies, era o país que ofrecía a visión do deus solar deitándose no océano, o país onde os mortos embarcábanse cara o paraíso.


A Gallaecia era o país do Fin da Terra; o País dos Mortos.


A costa galega era a última estación cara o Máis Alá. Dende o Aloia, dende Castro de Donón (Cangas), Moraime (Muxía), Nemiña, Brigántium, Brión (Ferrol), dende Teixido, Trebo (Cariño),.. as tribos castrexas adorarían ao deus dos camiños, o deus que chamaban Bero, Breo,Brea, Brenus, Bregón, Breogán ou Bran, o deus encargado de conducir aos vivos polo bo camiño e aos mortos ao bo porto das Illas Marabillosas.


É por iso que, non esquezan; a San André de Teixido vai de morto o que non foi de vivo.

Ata sempre e bo proveito, anosahistoria1@gmail.com

(1)Vid. HOLDER, Altceltischer, II, 712. Vid. 2. III. 21, s.u. Nemetobriga.



(2)Pax. 52 A Galicia Celta


(3)Pax. 50 A Galicia Celta


(4)Pax. 50 A Galicia Celta


(5)Pax. 242-243. La Península Ibérica en la Geografía de C. Ptolomeo.
(6)Pax. 151 A Comarca de Bergantiños



(7)Pax. 159 A Comarca de Bergantiños

(8) Pax.81-83 e pax. 151. El ciclo mitológico irlandés y la mitología céltica






Bibliografía



FERNÁNDEZ CARRERA, X. A Comarca de Bergantiños. Concello de Carballo, A Coruña, 2001.


BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta. Edicións Lóstrego, Noia, 2007.


H. D´ARBOIS DE JUBAINVILLE. El ciclo Mitológico Irlandés y la Mitología Céltica, Edicomunicación S.A.. Barcelona, 1986


GARCÍA ALONSO, J.L. . La Península Ibérica en la Geografía de Claudio Ptolomeo. Universidad del País Vasco, Gasteiz, 2003.


GREEN, MIRANDA JANE. Mitos celtas.Ediciones Akal, Madrid, 2001


PENA GRAÑA, ANDRÉ.Las Trebas, "tribus" celtas de Gallaecia y su constitución política: estudios de la Edad del hierro en el Noroeste penínsular. Revista Gallaecia nº 25, Santiago, 2006 

sábado, 7 de maio de 2011

Atopada unha estela de guerreiro con carro en Castrelo do Val

Estela de guerreiro en carro de Castrelo do Val, Ourense
Interesantísimo achado  dunha estela de guerreiro con escudo con escotadura en V , estaría datada na Idade de Bronce entre os 1200 e 1000 anos a.C.

Estela de Solana de Cabañas. Cáceres

Este tipo de estela, coñecida coma estelas do Suroeste, por situarse nesta rexión peninsular o epicentro deste fenómeno cultural (Extremadura española e portuguesa, así como Andalucía occidental),  amosa outra proba da importancia estratéxica da nosa terra na prehistoria;  «O seu achado referenda que Galicia foi un lugar de comunicación entre as culturas mediterráneas e as illas Británicas», explica o arqueólogo Alberte Reboreda na Voz. Pena que a información amose só unha fotografía.

Post Data:
Xa temos máis información na web de Cultura Galega e na web do Concello de Castrelo do Val.


Estela de Castrelo do Val

Ata sempre e bo proveito, gonzos@latinmail.com

martes, 22 de marzo de 2011

Un veciño de Armea atopa un posible santuario castrexo

Escadas do posible santuario. Foto de Manuel Gago
 No blog de Manuel Gago recibimos unha extraordinaria nova; o descubremento, por un veciño de Armea (os veciños din Armea non Armeá), dun posible santuario galaico-romano preto do castro de Armea, enfronte do Santuario de Augas Santas, o traballo de Magago non ten desperdicio.

luns, 7 de marzo de 2011

Ano 1209. Revolta campesiña. Enfrontamento dos homes de Pela e Montelongo (Arzúa) cos monxes brancos de Sardecoiro (Santiso).

In memoriam:
 José Castro Sánchez, home bo de Pela, Vilantime (Arzúa), valedor incansable de Ánxel Casal, curmán seu e o seu último compañeiro en liberdade.



Granxas do Mosteiro de Sobrado (Pallares Méndez, M. C.)

Os lazos de solidariedade nas aldeas galegas vén de moi lonxe. Esa fidelidade que se traduce na disciplina colectiva dos traballos no campo (ninguén faltaba), sobre todo na sega, nas mallas e no aproveitamento dos montes comunais, xa se realizaba na Idade Media, daquela, igual que hoxe no rural, a axuda mutua era norma.

No Medievo cada aldea afirmaba a súa propia coherencia e a súa fraternidade ante o poder señorial e as aldeas veciñas.

Nas fontes escritas a solidariedade campesiña ponse de manifesto nos enfrontamentos co poder señorial que na zona de Vilantime e Santiso é o Mosteiro de Sobrado.

O mosteiro vai tratar de conseguir o control das comunidade rurais por dous camiños complementarios: a adquisición de gran parte dos terreos das aldeas e o exercicio da xurisdición pública sobre elas. O exercicio da xurisdición, alcanzado mediante as doazóns reais, amplía o poder do mosteiro sobre os restantes habitantes da aldea.

Montelongo, Volteiro e Pela dende Agra de Vilar da Vella

Todo isto, necesariamente, tivo que producir enfrontamentos entre os monxes e os labregos, temos varios exemplos:

1. Ano 1001, o preito que sosteñen os habitantes de villa Bidualdi (Niño da Aguia, Santiso) cos monxes de Sobrado sobre a 1/3 parte da villa(1).

2. Entre os anos 1203 e 1223, unha longa disputa entre os freires de San Martiño de Xubia e os monxes de Sobrado da granxa de Brión por unhas terras de monte, rematou nun enfrontamento armado. Os de Xubia tiveron o apoio dunha multitudinem granden hominum. Os frades de Sobrado, nun primeiro momento, tiveron que saír a fume de carozo(2) .


Vilar da Vella (antiga Avellam)
 3. Un preito de 1209 entre o Mosteiro de Présaras e os veciños de Pela e Montelongo (Vilantime) sobre as propiedades da herdanza de Vilar da Vella (Santiso) infórmanos dun conflito de terras entre campesiños e monxes brancos da granxa de Sardecoiro; Orta fuit intentio fratres Superaddi (Sobrado) et homines de Pela et Monte Longo super hereditatis de Avellam (Vilar da Vella) qui iacet inter Pela et Santum Iulianum de Fratribus (Sardecoiro)(3) . O preito vaise a resolver a favor dos monxes. Pola importancia que lle outorgamos a este documento no terreo da toponimia, os conflitos sociais e a onomástica galega medieval, reproducimos traducido o texto ao final deste artigo.

Tódolos preitos estudados por Pallares na súa obra El Monasterio de Sobrado foron resoltos a favor dos monxes brancos (cistercienses ) de Sobrado dos Monxes, cousa doada de entender xa que, quen le, escribe e xulga nestas terras son os mesmos monxes de Sobrado.

O preito dos homes de Pela e Montelongo saca á luz a solidariedade entre os campesiños de dous lugares veciños que defenden a terra, (clika eiquí para ver mapa de situación) seguramente de monte coma no caso de Brión arriba sinalado.

Casa á entrada de Sardecoiro (antigo Courium)

Sardecoiro era daquela unha granxa-mosteiro dos monxes de Sobrado que levaba anos incrementando as súas posesións:

- O 6 de xaneiro de 1093, carta de venta de Suarius Guterriz de herdades na eclesía de Sancti Iuliani de Frates (Sardecoiro)(4) .

- O 28 de maio de 1149, carta de testamento de Maior Froila de herdades nas terras in monasterio Sancti Iuliani de Fratribus (Sardecoiro)(5) .

- Sobrado concede no 1 de xaneiro de 1174, a Arias Luz e a súa esposa, Helvira Garsia a herdade de San Xián de Frades; tali pacto ut populemus eam et plantemus et hedificemus et laboremus domos et pesquiramus illam propose nostra de totus homo et de tota parte sine alique fraude et ad obitum nostrum(6) . Nun documento anterior do mesmo día , Arias Luz, esposa e fillos fan carta de doazón aos monxes de Sobrado das herdades en Caurio de Santo Iuliano de Fratibus (Sardecoiro)(7).

- O 19 de outubro de 1178, contrato de Elvira Garsia(8).

- O 11 de xaneiro de 1198, veciños de Montelongo (entre os que está Pedro Muniz de Monte Longo que tamén aparece no preito) venden por 300 soldos a sexta parte da súa herdade aos freires de Sobrado(9) .

Casa de Sardecoiro (tamén antigamente Sancti Iuliani de Fratribus)

Por un lado a nobreza doa as súas herdades, con servos e apeos de labranza incluídos, para conseguir a protección divina e dos monxes nos últimos anos de vida, por outro, familias campesiñas doan as propiedades mentres manteñen o usufruto das terras e, por outro, labregos, seguramente necesitados de liquidez, venden as terras aos monxes brancos.

Son os lazos de servidume que o señor feudal (neste caso os monxes cistercienses de Sobrado) tece nas terras do Ulla.

Os nós ás veces apertan demasiado e é cando os campesiños rebélanse contra o poder feudal, o preito de 1209 entre os homes de Pela e Montelongo e os monxes de Sardecoiro, foi o resultado da defensa que os labregos de Pela e Montelongo fan do que consideran as súas terras.

A maquinaria de aproveitamento das terras de labor posta en marcha polos monxes brancos na granxa de Sardecoiro; o arado de vertedera, o muíño(10) , os curtidos(11) ,.. non saben de antigas costumes veciñais.


Detalle de casa de Sardecoiro

Para que chegaran a asinar o trato, o conflito tivo que ser contundente e de moita sona na comarca, mais o Mosteiro de Sobrado, neses tempos, é coma unha gran empresa, ten propiedades nas vilas máis importantes do camiño, controla a xustiza, o poder civil, e ata chegarán a controlar o portazgo (peaxe) no porto da Coruña, levaban tódolos triunfos para impoñer o seu criterio. A documentación dos tombos de Sobrado non nos deixou máis pegadas do conflito, non obstante a paisaxe da zona e as aldeas de Vilar de Vella e Sardecoiro transpórtannos a aqueles tempos de Courium e Avellam.

Destes documentos sacamos, ademais, varias certezas que teremos que investigar; Sardecoiro vén de Courium, Caurium. Vilar da Vella de Avellam (de abelá nada vella) e dos monxes de San Xián de Freires de Sardecoiro nin rastro polo de agora.

Ata sempre e bo proveito, gonzos@latinmail.com

(1)Pax. 17 e ss. De Galicia en la Edad Media...
(2)Pax. 156 El Monasterio de Sobrado
(3)Documento nº: 182. Tombo II. Paxina, 193 de Tumbos de Sobrado de los Monjes
(4)Pax. 189. Tumbo II de Sobrado de los Monjes, nº documento 178
(5)Pax. 184-185. Tumbo II de Sobrado de los Monjes, nº documento 173
(6)Pax. 154. El Monasterio de Sobrado. Pax. 187
(7)Pax. 186 Tubo II de Sobrado de los Monjes, nº documento, 174
(8)Pax. 188. Tumbo II de Sobrado de los Monjes, nº documento 176
(9)Pax. 192 Tumbo II de Sobrado de los Monjes, nº documento 181
(10)Pax. 165. El Monasterio de Sobrado
(11)Pax. 182. El Monasterio de Sobrado


Bibliografía

PALLARES MÉNDEZ, M.C. El monasterio de Sobrado: un ejemplo del protagonismo monástico en la Galicia medieval, Deputación Provincial da Coruña. A Coruña, 1979.

PORTELA, E. PALLARES, M.C. De Galicia en la Edad Media. Sociedad, Espacio y Poder. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 1993.

LOSCERTALES DE G. DE VALDEAVELLANO, P. Tumbos del Monasterio de Sobrado de los Monjes Dirección General del Patrimonio Artístico y Cultural, Archivo Histórico Nacional, Madrid, 1976.

-------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Preito Pela e Monte Longo

Era o 11 de febreiro de 1209. Empeza o preito sobre a herdanza de Avellam (actual Vilar da Vella) que está entre Pela e Sanctum Iulianum de Fratibus (San Xián de Frades, actual Sardecoiro, tamén chamado nos textos antigos; Courium ou Caurium).

Por conseguinte reunidos por un lado frades de Superaddi (Sobrado) e por outro homes de Pela e Monte Longo , elixiron en representación seis homes bos; Suerium Didaci de Marogio (Maroxo), Lupum Fernandi de Monte Longo (Montelongo), Munium Petri de villa Antimi (Vilantime), Petrum Muniz fillo de Munio Petri, freire de Sancto Romano (San Román), Arias Petri de Veigundo (Beigondo), así dividiron entre eles promulgando a herdanza e a división de dita herdanza; por aquela parte que descende de monte Calvo (Montes de Ribeiro?) e de alí pola fonte que está ao pe daquela vía que vai de Pela a Courium (Sardecoiro) e de alí pola mesma fonte que entra no río de Pela (río Boente) e posúen alí marcos, un no monte en dirección da fonte de Arenis Albis (Areas Brancas, Albín?), e outro por aquela parte que descende de monte Calvo, e vírase cara a cima da fonte que entra en Pela. Nós frades de Superaddi (Sobrado) saudamos e confirmamos os termos e as divisións que nós e os homes de Pela e de Monte Longo facemos, polo que asinamos un firme final para sempre. Do mesmo xeito, nós homes de Pela e de Monte Longo saudamos e confirmamos os termos e as divisións que entre nós e os frades de Superaddi (Sobrado) facemos, polo que asinamos un firme final para sempre.

Así pois, se este firme e satisfactorio acordo se quebrantara o infractor pagará unha porción de mil solidos (soldos, moeda da época). Aquí presentes foron; Veremudus Pelagii cellerarius (responsable máximo das cousas materiais do Mosteiro de Sobrado)ts, e cf., Petrus Iohannis cantor ts. e cf., frei Menendus magister (mestre,responsable xefe) de Courio (Sardecoiro) ts. e cf., frei Petrus ts. e cf., Lupus Fernandi de villa Antimi, Arias Matini de Monte Longo, Petrus Muniz de Monte Longo, Petrus Diat de Pela, Petrus Muniz de Pela ts. e cf. Isto foi feito en días que rexía Adefonsi (Afonso VIII ou IX, fillo de Fernando II) e o Arcebispo Beato Xacobeo; don Petri Munit e o bispo lucense don Ruderici, e Roderico Gundizalui tenente de Sarriam e Monte Nigro e metade de Transtamar, Roderico Arias de terras de Avancus (Abeancos) e a dona Onega Odoarii tenente de Castaneda (Castañeda) e coto de villa Antimi (Vilantime), Petrus Martini ts., Petri ts., Iohannes Odoarii ts.

Tumbo II, fols. 74 v. – 75 r.

Documento nº: 182. Tombo II. Paxina, 193 de Tumbos de Sobrado de los Monjes de Loscertales De Valdeavellano, Pilar. Madrid, 1976. ISBN 84-3690-070-7
Tradución do latín ao galego de Celso Alberte Magariños Costas