martes, 13 de abril de 2010

As viaxes galegas ao Máis Alá


Os relatos das viaxes ao Máis Alá son unha constante na literatura clásica. Na nosa terra non son unha excepción; Santo Amaro, o peregrino, é a Viaxe de Trezenzonio sobre a Grande Illa de Solistición son relatos galegos sobre o Alén que chegaron a nós, mais na tradición oral, onde o control inquisitorial da Igrexa non chega, varios relatos amosan unha relación fluída co Máis Alá na nosa cultura. As almas en pena que rodean o santuario de San Andrés de Teixido, a incansable Compaña, a noite de defuntos,…
A familiaridade cos defuntos na nosa cultura é permanente a través dos séculos. Os contactos cos defuntiños, ata hai ben pouco, eran normais. Conta Labarca Rivas, no relato O Trasacordo, que na eira de Barros-Lema ( Labarda di en Viladavil (Arzúa), máis debe de referirse ao Barros de Lema (Arzúa) que se atopa a carón de Magolán) as familias de Magulán e a de Quintela están en tratos para unha compravenda. Paralízanse as negociacións ata que a avoa da familia non consegue o amén do defunto marido sobre as condicións do contrato. Logo duns días, o defunto acepta, e o trato lévase a cabo.
Este relato é unha pequena mostra do natural que era, ata onte, o contacto co outro mundo, sabíase que os defuntos ían a unha vida mellor e por iso en moitos lugares facíanse auténticas festas rachadas, as chamadas rogas. Mais o vivo, sobre todo o cativo, debía coidarse da morte que che podía levar con ela anticipadamente. Os camiños e as entradas do máis alá están espalladas pola nosa terra; as encrucilladas, as fontes, os ríos e, sobre todo, o noso mar, son esas portas que nos levan ao paraíso dos mortos, ao Alén.
As viaxes ao máis alá son unha teima de tódalas culturas antigas, e a viaxe en barca cara o Máis Alá unha xeneralidade delas. Dende a barca exipcia do deus Ra, que traspasa o reino de ultratumba de Osiris, ata as viaxes funerarias en barca dos pobos viquingos, todos embarcan cara a posta do Sol onde nunhas illas ou uns campos (Eliseos gregos ou de Aaru exipcios) atópase o paraiso dos mortos, alí onde a felicidade é eterna. Isto era o pensar clásico da morte, Caronte na súa barca levaba aos mortos ata o Hades (Ultratumba), daquela, todos os defuntiños debiamos embarcar cara o Máis Alá.
Os antigos deuses ían en barcas de pedra, a Igrexa utilizou eses barcos de pedra para traer aos nosos santiños ás nosas costas, Santiago atracou en Padrón, San Mauro en San Xoán de Misarela (A Pobra do Caramiñal), San Andrés en Teixido e a Virxe da Barca en Muxía son algúns exemplos…Co tempo, polo tanto, o catolicismo, nestas terras tan profanas, tizna as crenzas cun verniz de lenda. Aquelas viaxes cara o Alén céltico, romano ou grego, convértense nunha visita fugaz ao paraíso cristián.
Para entender o xermolo dos relatos do Máis Alá galegos, hai que escoitar, en primeiro lugar, o relato céltico da Viaxe de Bran fillo de Febal á Illa das Mulleres en prosa de finais do século VII comezos do VIII, texto gaélico recollido no manuscrito do Leabhar na Huidre . Bran é un príncipe irlandés e o mesmo que Ith (o fillo de Breogán) acepta o reto de penetrar no mar buscando unha remota illa no lugar onde se oculta o sol, ningún dos dous volverá a poñer pe na súa terra natal:
Un día Bran, nun profundo soño escoita unha música máxica e ao espertar atópase á súa beira unha rama de prata con mazás, unha fada explícalle a existencia de Tir na mBan (A Illa das Mulleres), aquel é un lugar marabilloso, onde todo é relucente e as cousas elementais están compostas de ouro, prata e bronce. Bran organiza unha expedición con 27 homes e sae ao mar. Logo de varias peripecias onde atopan ao deus do océano Mannan, dan coa Illa máxica das Mulleres onde a súa raíña agasalla a Bran o aos seus con festas e xantares durante un ano.

Nela están milleiros de mulleres de moitas cores,
O claro mar as rodea.
Se alguén a voz da música oíu,
O coro de pequenos paxaros da Terra da Paz.


Mais a Bran e aos seus éntralle a morriña e trazan de regresar a súa terra natal, antes de embarcar son advertidos dun conxuro máxico polo que, se marchan, non poderán voltar a poñer os pes sobre a terra, xa que a súa curta estadía na illa eran centos de anos en Irlanda.
Ao chegar a Irlanda viron unha multitude na praia e desde o barco Bran dilles quen é, pero a xente contéstalle que Bran non existe, que é un heroe das lendas antigas. Entón un dos homes de Bran salta do barco e convértese en cinza namais tocar a terra. Bran explícalle á multitude o acontecido, logo escribiuno en ogams (lingua celta), lanzou o relato á praia e volveu cos seus a penetrar no mar, nunca máis sóubose de Bran e os seus homes.

O relato do Santo Amaro, o peregrino foi recollido por Euxenio Carré en Figueroa (Abegondo) (1):
Amaro é un home natural de Galicia, de riqueza abastada, home xusto seguidor dos preceptos cristiáns, doa a maior parte da súa facenda para a construción de mosteiros e practica a caridade cos máis necesitados, logo, cos cartos que lle quedaban, decidiu fretar un barco e marchar na busca do Paraíso.
Na viaxe, que dura anos, pasan unha chea de penurias; treboadas, secas, etc…, por fin chegan a unha costa deserta e Amaro emprende, el só, a marcha cara o interior daquela terra. O camiño está cheo de atrancos, mais, Amaro segue adiante ata o cume dunha serra inmensa, dende alí atopa un val magnífico. No seu centro unha parede de prata con porta de ouro, peta na porta e dende o seu interior o patriarca Henoch pregúntalle os seus desexos, Amaro dille que lle deixe contemplar o Paraíso, Henoch abre un chisco a porta e cérralla de contado.
Amaro volve cara o barco onde agora atópase unha grande cidade. Amaro pregunta polo nome da cidade, respóndenlle que a cidade e a igrexa teñen o nome de San Amaro e fundárona uns homes que chegaron nunha nao hai 300 anos, logo de que o seu xefe Amaro se internara na serra e nunca máis volvera. San Amaro contou o seu relato e ao rematalo morreu.

A Viaxe de Trezenzonio sobre a Grande Illa de Solistición, texto do século XI, recollido por Díaz y Díaz (2).
O relato narrado en primeira persoa polo propio Trezenzonio comeza cando este atopa unha Galicia asolada polos mahometanos, encóntrase absolutamente despoboada e só moran nela as feras. Camiñando chega ata Brigantium (A Coruña) e olla a Torre de Hércules. No cume da torre atópase un enorme espello, sobre o que se proxecta, e reflicte, a luz do sol, permitindo unha visión perfecta de lugares mariños afastados. Trezenzonio, coma Ith (fillo de Breogán) séculos atrás, olla ao lonxe, por tres veces (o número máxico celta) consecutivas, unha ampla illa.
Ao pe da torre, constrúe unha barca decidido a visitar a misteriosa illa. Faise á mar e chega á illa, desembarca e logo de 8 días de camiño encontra unha igrexa de dimensións e estrutura magníficas, edificada con metais e pedras preciosas, e que se atopa baixo a advocación de Santa Tegra. O nome do lugar é a Illa Grande de Solistición.
Trezenzonio bota 7 anos na illa comendo carne de aves, de ovellas e mel, o clima é primaveral e as noites son estreladas. Na illa non existe a tristura, mágoas ou fame, só ledicia, coros de benaventurados e anxos que deixan pan e viño para Trezenzonio.
Logo dos 7 anos, os anxos ordenan a Trezenzonio que abandone a illa, este négase por dúas veces, polo que Deus (o católico suponse) convirte a Trezenzonio nun gafo e cego. Por terceira vez repítese a orde e desta adora a Deus, vese libre do mal, recobra a visión e embarca nunha pequena nave. Trezenzonio chega ao faro e atópao case derrubado, mentres Galicia está de novo poboada por humanos. Trezenzonio vai cara Tui, en procura do bispo Adelfio. Aquí remata a narración.

No relato de Bran intuímos que, aínda no século VII, a estela da figura divina e lendaria do deus Bran aínda colea. Bran segue sendo o heroe-semideus que nos conduce ao Alén, segue recibindo a súa rama máxica de poder. O Alén é unha illa marabillosa, un lugar onde o tempo non existe, onde os días son festa, un paraiso onde a riqueza material e espiritual é norma. No relato de San Amaro varios destes elementos extraordinarios vanse a repetir; a dureza da viaxe, a contemplación do paraiso logo dunha travesía en barco e a anulación do tempo.
O relato de Trezenzonio ten aínda máis coincidencias, como observa Marco Quintela : Posiblemente esta historia está composta a partir dun recordo, cristianizado, do Máis Alá céltico conservado na Galicia medieval. Unha serie de coincidencias entre Solistición e o Máis Alá avalan esta interpretación. Ámbolos dous localízanse nunha illa lonxana, é imprescindible que a viaxe ata eles se realice nunha barca, nos dous soa unha música marabillosa, hai alimentos inagotables, non existe a enfermidade, e o tempo fica abolido. Todo parece indicar, polo tanto, que a torre brigantina, encontrábase vinculada con tradicións relacionadas co Máis Alá (3).
En fin, o Alén estaba alí, máis aló das nosas costas, nunha illa marabillosa no medio do Atlántico. A igrexa, no medievo, trazou de reconducir os ritos pagáns que adoraban ao sol e aos deuses dos camiños, chantou santuarios na costa e atracou os barcos de pedra na nosa costa para asentar para sempre aos seus apóstolos Santiago e Andrés en terra. San Andrés ficou en Teixido (de teixo, árbore da morte) na beira do mar, onde, aínda hoxe, ten un traballo tremendo para ocultar ese recendo profano e máxico que se sinte no lugar. I e que, a Santiago, os galegos non estamos obrigados a ir, pero a San Andrés de Teixido ten que ir de morto o que non foi de vivo.
Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com
(1) Pax.177. Guía da Galiza Máxica
(2) Pax.181. Guía da Galiza Máxica e Pax. 97 - 119. Visiones del Más Allá en Galicia...
(3) Pax. 22. Mitos Hispánicos II
Fotos por orde de aparición:
* Torre de Hércules
* Pazo de Magulán
* O Pedrón de Padrón
* San Andrés de Teixido
* Fisterra
Bibliografía
• MARTÍNEZ DE LA RIVA LABARTA, R. Bruxas, meigas e meigallos en Galicia. AGCE, Vigo, 1993.
• VAQUEIRO, V. Guía da Galiza Máxica. Editorial Galaxia, Vigo, 1998.
* PENA GRAÑA, A. San Andrés de Teixido o camiño máxico dos celtas, Editorial Equona, Ferrol, 2006.
* DÍAZ E DÍAZ, M.D. Visiones del Más Allá en Galicia durante la Edad Media, Biblioteca de Galicia, Santiago de Compostela, 1985.
• GARCÍA QUINTELA, M.V. Mitos Hispánicos II. Ediciones Akal, Madrid, 2004.