xoves, 23 de decembro de 2010

Bo Nadal

Capela Santa Irene ( O Pino), a fonte santa corredoira adiante..
Aí che vén un ano máis, moitos azos, levémonos por diante a crise e ¡Bo Nadal!

sábado, 4 de decembro de 2010

Ordes militares do Temple, Mercé e Santo Sepulcro en Compostela

 San Miguel de Agros. Agnus Dei
Era o 19 de marzo de 1128, dez meses antes do Concilio de Troyes (onde se legaliza cristianamente o Temple), en Braga reuníranse a condesa Tareixa de Portugal, Fernando Pérez de Traba (Conde de Traba), o seu compañeiro de correrías de mocidade o emperador Afonso VII, e o cabaleiro templario Raimundo Bernardo(1) . A raíña outorga a doazón do castelo de Soure á Orde do Temple, Fernando Pérez ratifica a doazón xa que antes fora outorgado a el. Un ano antes, Afonso VII e Xelmírez tiveran unha fonda disputa, Xelmírez tivo que entregarlle ao emperador 1000 marcos (2).

Cruz templaria. San Miguel de Agros

Por estes anos Xelmírez estaba en plena operación de lavado e esplendor de Compostela, dende 1122 acometera a reforma e construción dos templos composteláns, San Miguel de Agros, San Fiz de Solovio, o convento feminino de Santa María de Conxo, etc...(3)

As relacións co papado e o Temple de Afonso VII e, seguramente, de Xelmírez eran estreitas(4) , non imaxinamos, pois, estes anos de expansión do Temple na Galicia sen a súa presenza en Compostela, sobre todo, tratándose da cidade que alberga o templo de peregrinación cristiá na península ibérica. A misión fundamental dos templarios é a protección dos templos e camiños de peregrinación cristiá. As súas pegadas podemos atopalas en San Miguel de Agros e na Capela da Nosa Señora da Fonte en Pelamios:

Arco conopial da Nosa Sra. da Fonte

Capela da Nosa Señora da Fonte

Capela medieval da parroquia de San Xoán de Pelamios da xurisdición de Martiño Pinario.

Reedificado no 1395 polos benedictinos. Nunha pequena hornacina con remate en venera, presenta unha imaxe de Virxe con Fillo de factura gótica do ano 1500 (5).

Capela da Nosa Señora da Fonte (Pelamios)

Chama a nosa atención o arco conopial da porta, onde se atopan, entre outros, un símbolo en forma de S con patas no centro do vértice e unha especie de saco aberto ámbolos dous iguais a símbolos lapidarios que se encontran na capela templaria do Convento de Tomar (Portugal) no Camiño de Santiago portugués . Mais, sobre todo, son significativas a cruz patada do seu lado esquerdo e a cruz patricial do dereito.
  A capela, á beira da fonte, é típico exemplo de cristianización de cultos pagáns, e nestes traballos tamén destacaban os templarios. A festa maior é o 24 de xuño día de San Xoan Bautista (patrón do Temple).
Cruz templaria na Capela da Nosa Sra. da Fonte
 Igrexa de San Miguel de Agros

A primeira referencia documental data do ano 1100 era chamada San Miguel da Cisterna. En 1122, seica, Xelmirez renovou dende os cimentos as igrexas de San Miguel e outras.

Cruz patricial templaria en Capela da Nosa Sra. da Fonte


Segundo o cardenal Hoyo tiña varias capelas. Dunha, a de San Isidro Labrador, consérvase a lápida dos seus fundadores; Domingo Eans, tendeiro, e a súa muller María Fernández datada no 1336 .

A actual Igrexa, do s. XVIII, ten un Agnus Dei , símbolo a veces usado polos templarios(6) ,e cruz antefixa céltica da igrexa medieval no cumio da igrexa, é da mesma fábrica que a de San Fiz de Solovio(7) .

O espacio definido na actualidade polas capelas Dolorosa e o altar do Nazareno ocupa o solar do desaparecido edificio medieval, suxestionando unha sinxela tipoloxía templaria, con planta de nave única… A igrexa románica engadíronselle en época baixomedieval as capelas familiares dos Abriles e a dedicada a San Isidro Labrador (8).


Cruz templaria na fachada de San Miguel de Agros
 Chaman a nosa atención as catro cruces templarias que se atopan na súa fachada.

Mais, hai que ter tino, non confundamos a cruz templaria cos símbolos dos mercedari@s e Santo Sepulcro;



Escudo mercedario na rúa da Acibechería
 
Mercedaria/os

Don Xaime I, rei de Aragón, (o rei templario) foi cofundador con Pedro Nolasco da Orde Mercedaria e concédelle a dita Orde as súas propias armas reais e o hábito militar o 10 de Agosto de 1218. Tiñan por misión ir as terras do Islam para rescatar os presos cristiáns que había nas cárceres musulmáns, no Temple estaba prohibido pagar rescate polos soldados templarios. O seu símbolo é a cruz patada.


Escudo mercedario na ruela do Peso
 A partir do s. XV chegan a Compostela os mercedarios que se instalan en Conxo . Logo no XVI, xa forman parte do profesorado da Universidade de Santiago. Posúen varias casas na cidade. Máis tarde a orde relixiosa de clausura das Madres Mercedarias Descalzas comezan as obras do seu convento no ano 1674 na rúa Tránsito da Mercé .








Santo Sepulcro de Xerusalén

Orde relixiosa – militar creada en 1098, trala vitoriosa primeira cruzada, por Godofredo de Bouillón, duque da Baixa Lorena e Protector do Santo Sepulcro.
 
Símbolo Santo Sepulcro en rúa do Val de Deus

Chegan á Compostela nos tempos dos Reis Católicos (o seu símbolo forma parte do escudo real , tamén se atopa na fachada do Hostal dos Reis Católicos). En Compostela tiveron varias casas enfronte a Facultade de Medicina.
Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com

Hostal dos Reis Católicos

(1) Pax. 45 Los templarios en los reinos de España.
(2) Pax.313. A Vida e o tempo de Diego Xelmírez.
(3) Os documentos históricos atribúen a fundación ao arcebispo Xelmírez (1129) co fin de albergar unha comunidade de monxas, As monxas que o habitaban pasaron ao Mosteiro de Antealtares no século XV. Posteriormente foi habitado por frades mercedarios.
(4) Afonso VII (Afonso Reimúndez) nado en 1105, era fillo do cruzado Raimundo de Borgoña e da infanta dona Urraca (filla de Afonso VI), criado por Pedro Froilaz (conde de Traba) e sobriño do monxe benito Guido de Borgoña, futuro Papa Calixto II(quen concedeu a Santiago no 1120 a dignidade de Metropolitana de Mérida, por medio da bula Omnipotentis dispositione e instaurou o Ano Santo Xacobeo). Coronado rei no 1111 polo Conde de Traba e Xelmirez. No ano 1133 Afonso VII apoiou ao Papa  Inocencio II no Sínodo de Reims no seu enfrentamento co antipapa Anacleto II. Inocencio II promulga a bula Omne datum optimum o 29 de marzo de 1139 co obxecto de oficializar a creación da Orde do Temple, con Inocencio II, Xelmírez restablece o contacto fluído coa curia .
(5) Pax. 247-248. Santiago de Compostela. Ciudades.
(6) Pax.149. Los Templarios en los reinos de España.
(7) Pax. 160 Santiago de Compostela. Ciudades.
(8) Pax.8 San Miguel de Agros, Xunta de Galicia, Santiago, 2001. Fco. Singul e Enrique Fdez. Castiñeiras.

Bibliografía


MARTINÉZ DIEZ, G. Los templarios en los reinos de España,Editorial Planeta. Barcelona, 2002.

FLETCHER, R.A. A vida e o tempo de Diego Xelmírez, Editorial Galaxia. Vigo 1993.

PÉREZ RODRÍGUEZ, F. J. La Iglesia de Santiago de Compostela en la Edad Media, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1996.
SINGUL e FDEZ. CASTIÑEIRAS. San Miguel de Agros, Xunta de Galicia, Santiago, 2001.
VARIOS. Santiago de Compostela. Patrimonio Histórico Gallego Ciudades. Xuntanza Editorial

xoves, 11 de novembro de 2010

Compostela; o nemetón, Asseconia, as tumbas e Prisciliano

Catedral, Quintana dos Mortos e dos Vivos dende Vía Sacra
Compostela, segundo José Armas Castro, do latín composita, lugar ben edificado(1).
Onde vai que as escavacións de inicios dos anos 50 sorprendéronos coa nova de que embaixo da Catedral de Santiago de Compostela atopábase unha necrópole antiga. A catedral estaba construída sobre un gran cemiterio.
Foto de La Catedral  de Santiago de Compostela
(Clika na imaxe)

Dende o século I d. C. esta ladeira dun outeiro, que tiña ao norte un castro co epicentro no que é hoxe o Preguntoiro, vai ser ocupada por unha serie de construcións romanas, sen poder discernir a súa función a ciencia certa, parece seguro que se trataría dunha mansión romana e posiblemente sería Asseconia(1).
Segundo Díaz y Díaz, o castro podería chamarse Castrondouro ou antes Callobre. Este castro controlaba un importante cruce de camiños; de sur a norte, a vía romana de Braga a Lugo por Brigantium VIA XX, de Padrón cara Ordes; o de que dende este castro ía cara o oeste polo val da Mahía ata a Fin da Terra; o que unía dende o castro por vías secundarias con Lugo, camiño francés; o que levaba cara o sureste, á zona de Ourense, polo Ulla, camiño do Monte Sacro, e o que guiaba por Aríns ao norte do propio Monte Sacro (a).

No espazo que ocupa hoxe a catedral e a Praza da Quintana aparecen un pozo e restos de muros romanos, restos de cerámica de luxo (terra sigillata hispánica rioxanos) e cerámica de paredes finas de Melgar de Tera (Zamora), con escasa presenza de produtos de olería tradicional castrexa do s. I. d. C., tamén apareceron moldes castrexos para fundición do bronce e algunha fusaiola para tecer de tradición indíxena.

Foto de La Catedral  de Santiago de Compostela
(Clika na imaxe)

Na cimentación do pilar do brazo sur do cruceiro apareceu unha ara dedicada a Xúpiter ( Iovi ). Xúpiter é a divindade oficial romana, á que estaban obrigados os mandatarios romanos render culto, non só por devoción senón por imperativo imperial, Iovi é invocado por obrigación, costume social e política(2). A mansión romana (Asseconia) coma parte da infrastructura viaria do Imperio Romano era un enclave fundamental da rede do transporte galaico, en Compostela, como vimos arrriba, coincidían varios camiños, o que viña de Iria Flavia, o de Lugo, o de Santa Comba,…


Debuxo de Do Imperio Romano á Alta Idade Media
(Clika na imaxe)

Os romanos escollen este enclave (quizás bosque sagrado ou nemetón (3), chamado no s. IX Libredón -Liberum Donum- Zona libre) na ladeira do monte ao pe dun castro, posiblemente seguindo o esquema de sincronismo coa cultura indíxena utilizado na cidade de Lugo, onde o campamento e logo cidade Lucus Augusti, eríxese na ladeira do monte onde se encontraría o bosque sagrado ou nemetón (o lucus romano), alí adorábase ao deus céltico Lug, preto do castro da Piringalla ao norte  e a 400 metros das termas romanas do Miño no sur.



Foto de La Catedral  de Santiago de Compostela
(Clika na imaxe)

 A partir do S. II d.C. a función viaria da mansión parece que vai trocando para converterse nunha necrópole romana con tumbas de ladrillo e tégulas (tellas romanas). Hai referencias documentais de estelas funerarias no s. XVI, seguramente dos anos II a IV.

No século V, os suevos continuarían enterrando os seus mortos coas mesmas técnicas que os romanos, ata o século VI onde se produce o que debeu ser o abandono do lugar.

No IX aparece o cemiterio alto medieval con tumbas escavadas na rocha con forma antropoide, caixas de pedras con lousas por riba, , en ladrillo e con forma de arco de paréntese, aparecen tamén os sarcófagos de estola (identificados erroneamente cos suevos). É nos inicios deste século cando o bispo de Iria Flavia, Teodomiro é avisado do descubrimento dun sepulcro. Teodomiro non o dubida aquilo era Arca Marmarica, alí estaba o corpo de Santiago Apóstolo. Bota a andar a coñecida Inventio do Locus Sancti Iacobi. 

Ara dedicada a Iovi (Xúpiter) La Catedral  de Santiago de Compostela
(Clika na imaxe)

Debuxo de Do Imperio Romano á Alta Idade Media
(Clika na imaxe)



É o chamado Mausoleo Apostólico do século IV inicios do V . Curioso, Prisciliano no ano 385 é torturado e decapitado en Tréveris (Francia) xunto a seis seguidores, as fontes din que foi levado a Gallaecia por mar. Segundo a Crónica de Sulpicio Severo a morte de Prisciliano converteuno aos ollos dos seus seguidores, non só en santo senón, ademais, en mártir. Concreta un pouco máis e afirma que; os corpos dos executados trasladáronse a Hispania e alí celebráronse por eles solemnes funerais.

Foto de La Catedral  de Santiago de Compostela
Tumbas romanas
(Clika na imaxe)
Serían os corpos de Prisciliano, Latroniano e Prócula os enterrados no Mausoleo Apostólico?. Como ben se di: non se sabe quen está enterrado na catedral, pero sábese que Sant Iacobus non é.

Demostrado, pola visita do Papa, que o motor do turismo cultural do Camiño de Santiago é o mesmo camiño e non só o culto católico-apostólico, quizais sexa o tempo da arqueoloxía.
Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com



(1)Pax. 81Historia de Santiago de Compostela.ç
(a) Pax. 105. De Santiago y de los Caminos de Santiago.
(2)Pax. 30-ss. Historia de Santiago de Compostela.
(3)Pax. 109 La mujer en la epigrafia religiosa hispano romana.
(4)Ben puidera ser a fraga de Nemenzo parroquia ao norte da cidade, mais non tiña a posición xeográfica de Compostela.
(5) Pax. 44 Historia de Santiago de Compostela.
 
Bibliografía


GUERRA CAMPOS, J., CHAMOSO LAMAS, M. E VARIOS. La Catedral  de Santiago de Compostela, Caja de Ahorros de Santiago. Barcelona, 1977.
VÁZQUEZ HOYS, A. M. La mujer en la epigrafia religiosa hispano romana, http://digitool-uam.greendata.es//exlibris/dtl/d3_1/apache_media/20803.pdf
SUÁREZ OTERO, J. CAAMAÑO GESTO, M., Historia de Santiago de Compostela, Consorcio de Santiago de Compostela, 2003

RODRÍGUEZ RESINO, A. Do Imperio Romano á Alta Idade Media, Toxosoutos. Noia2004.
GARCIA ORO, J. REGAL LEDO, M. LÓPEZ RIVAS, A. Historia da Igrexa galega, S. E. P. T. Vigo, 1994.

SAN MIGUEL HEVIA, J.R. Prisciliano, http://www.nodulo.org/ec/2006/n047p08.htm

CHAO REGO, X. Prisciliano, Baía Pensamento, A Coruña, 2002.

DÍAZ Y DÍAZ, M.C. De Santiago y de los Caminos de Santiago. Xunta de Galicia, Santiago, 1997.




xoves, 28 de outubro de 2010

Cabezas cortadas. A tradición continúa; defuntiños e templarios


No artigo; Bran, Lug, deuses celtas 4. Defuntos, o noso Samaín, vimos a conexión histórica do día de Tódolos Santos co Samain (fin de ano celta na Irlanda), co Hallowen (Ghalopín en ghastrapo culto) e os Nosos Defuntos. Toca ver a reacción da Igrexa para integrar a simboloxía dos ritos célticos das cabezas cortadas nas casas de Deus.

No século VI, o Papa Gregorio Magno recomendaba: “ Non suprimades os festíns que celebran aquelas xentes nos sacrificios que ofrecen aos seus deuses; trasladalos ao día das festas dos santos mártires, co fin de que , conservando algunhas groserías , alegrías da idolatría, se predispoñan máis doadamente a gustar das ledicias espirituais da fe cristiá .” 
 
Igrexa de Santiago e Bembrive, Vigo

 
Polo tanto ante as alegrías da idolatría, tapábase o nariz con tal de achegar os indíxenas galegos á relixión católica. O arte románico galego, sobre todo o rural, é un exemplo (moi pouco estudado, todo hai que dicilo) de extraordinaria adaptación dos símbolos, ritos e costumes da relixión pagá á nova cristiá, as rosetas, os trisqueles, as rodas solares, as árbores da vida ,.. abondan nas igrexas rurais, tamén as cruces célticas nos cumios das nosas igrexas e capelas.


Balboa na súa obra sobre a Raíña Lupa demostra a pervivencia de tradicións de sabor romano-castrexo no relato da Translación do Corpo do Santiago incluído no Codice Calixtino de mediados do século XII. A Igrexa, a estas alturas, aínda tenta convencer aos galegos de que as súas ancestrais costumes están obsoletas, e son vencidas pola presenza do Corpo Santo(1) .
Igrexa de Taboada dos Freires, Taboada (Lugo).
 Sansón desqueixando un león á esquerda cruz templaria 

E neste labor, cistercienses e templarios, poñen mans á obra. No anterior artigo diciamos das boas relacións do Cister co Temple, non é nada estraño, San Bernardo -igual que os 9 fundadores do Temple- é da rexión da Champaña (antigo territorio da tribu gala dos remi (2)), é primo de Hugo de Payns o primeiro Mestre do Temple e cofundador do mesmo(3) . As relacíóns entre ambas ordes é tan estreita que no xuramento de toma de posesión dos Mestres templarios en Portugal (séculos XII-XIII) estipúlase:

Cruces patadas templarias e árbores da vida en tímpano de San Salvador de Sarria
Prometo ser sumiso e obediente ao Mestre Xeral da Orde, de acordo cos estatutos que nos foron prescritos polo noso pai San Bernardo(……). Que non entregarei aos inimigos as cidades e prazas que pertencen á orde e que non negarei ás persoas relixiosas, principalmente aos relixiosos do Císter e aos seus abades -xa que son irmáns nosos e compañeiros- ningún socorro, xa sexa de palabra, xa sexa con obras pías e mesmo coas armas(6).
Poderíase dicir que a Orde do Temple é a rama militar do Cister.


Cabeza castrexa San Pedro de Trasalba. Amoeiro (Ourense)
Posidonio de Apamea, citado por Estrabón 17.3.4, no ano 90 a.C. viaxou pola Galia, nos súas notas viaxeiras destaca as cabezas inimigas cravadas en picas ou en nichos, tan estendido estaba o seu uso decorativo nas aldeas que Posidonio confesa que cara o fin da viaxe xa se acostumara a elas(4) , os monxes do Cister e os do Temple, nas terras galegas, atopáronse cunha cultura ancestral semellante á da súa terra, e deixaron a súa pegada nas igrexas dos seus dominios adaptando a arte románica ao labor de asimilación dunha cultura que se resiste a desaparecer, como diciamos, sobre todo no rural:
En San Pedro de Trasalba, parroquia de Amoeiro (Ourense) que fora encomenda do Temple, asoma dos muros da igrexa unha cabeza cortada castrexa reutilizada para a ocasión.

No mesmo concello, atopamos pedras labradas castrexas nas capelas San Xiao de Fonfría (San Xiao coma santo hospitaleiro do que eran devotos os templarios(7) aparecerá moitas veces de guía dos peregrinos e das almas). e na de Formigueiro. O cruce de vías romanas que se produce no concello de Amoeiro é coñecido dende antigo e está ben documentado, entre outras razóns, pola aparición de varias aras dedicadas aos Lares Viales(5).


Cabezas cortadas en San Xiao de Moraime
Noutro San Xiao, o de Moraime, en Muxía, cisterciense, considerada por moitos a catedral da Costa da Morte, na súa porta occidental afloran cabezas cortadas entre follas. Nun capitel do Mosteiro cisterciense de Santa María de Penamaior en Becerreá (Lugo), aparece o mesmo tema da cabeza cortada entre follaxe, tamén en San Xián do Campo, Taboada (Lugo).

Máis curiosa é a Igrexa de San Salvador Sarria, onde asoma entre as arquivoltas, debaixo do tímpano, unha cabeza cortada. No tímpano, un Pantocrátor entre árbores da vida e cruces patadas templarias.


Cabeza cortada en San Salvador de Sarria
As cabezas, que primeiro foron humanas, coa chegada dos romanos pasaron a ser de pedra, o Cister e o Temple adoptáronas, e a tradición converteunas en calacús ou caliveras cun ton máis festivo.

Máis nada, coidado co Ghalopín, feliz Samaín e ánimo que o San Martiño e o Magosto xa están aí.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com
Continúa en;
http://anosahistoria.blogspot.com.es/2011/10/cabezas-cortadas-tradicion-continua.html

(1) A Raíña Lupa.
(2) Nas súas moedas de ouro, destacan a roda solar e o cabalo.
(3) Pax. 59. Breve historia de la Orden del Temple.
(4) Pax 267 Rubicón.
(5) http://www.usc.es/gl/investigacion/proxectos/amoeiro/ 
(6) http://www.estudioshistoricos.com/articulo/cpm/cpm_03.htm   
(7) [1] Pax 197. Breve historia de la Orden del temple.


Bibliografía

BALBOA SALGADO, A. A raíña Lupa: as orixes pagás de Santiago. Lóstrego, Santiago 2005.

CORRAL, J.L. Breve historia del Orden del Temple. Edhasa, Barcelona, 2006

LEMA MOUZO, R. El camino secreto de Santiago, Edaf, Madrid, 2007

PEREIRA MARTINEZ, C. Anuario Brigantino, nº 23

PEREIRA MARTINEZ, C. Anuario Brigantino, nº 28

PEREIRA MARTINEZ, C. http://www.estudioshistoricos.com/revista/nalgures2.pdf

PEREIRA MARTÍNEZ, C. Os templarios. Artigos e ensaios. Noia, Toxosoutos, 2000.

HOLLAND, T. Rubicón: auge y caída de la República Romana,Planeta, Barcelona, 2005




mércores, 13 de outubro de 2010

Os Templarios nas terras do Ulla e Tambre

Fresco Capela de Cressac. Francia
Os Cabaleiros Templarios, aqueles monxes guerreiros da Orde do Temple, fundada en Xerusalén no 1119, aqueles que foron os organizadores e arietes das cruzadas na Terra Santa, que ocuparon as ruínas do Templo de Salomón (o Centro Sagrado do Universo, onde comparten tradicións comúns as diferentes relixión do mundo mediterraneo; Cristiá, xudeo, musulmana) e fixeron da mezquita de Al-Aqsa a súa base de operacións militares, foron a orde militar-relixiosa máis poderosa do seu tempo, protexidos polos papas, as súas propiedades e as súas riquezas contrastaban co voto de pobreza que cada templario tiña que xurar, eran ao mesmo tempo banqueiros e prestamistas (seica a baixo interese) de nobres e reis da cristiandade, innovadores no mundo das finanzas do medievo inventaron a letra de cambio e as contas correntes.
Un exemplo ilustrativo desta función bancaria foi o caso documentado de Pierre Sarrasin, burgués parisino, que en xuño de 1220 con motivo da súa peregrinación ao Sepulcro de Santiago en Compostela, ingresa a súa fortuna na Gran Casa de París, o banco do Temple que foi derruído en 1880, entre a variedade de servicios financeiros, asegurábase o peregrino de que, no caso de falecemento, os seus bens serían traspasados aos seus descendentes (Pax. 68. El tesoro de los templarios, Revista Historia National Geographic).
O Temple era obxecto continuado de importantes doazóns e exencións fiscais, e os seus Mestres eran conselleiros reais (Jaime I de Aragón foi criado polos templarios). Estas riquezas, o seu poder político e os seus ritos secretos (esoterismo (1))causaron a súa desaparición no 1312 a través da bula Vox in excelso do Papa Clemente V, presionado polo rei Felipe IV, O Fermoso, soberano francés necesitado de cartos para reflotar as súas deterioradas arcas reais. Os templarios foron acusados de herexía, de sodomía e idolatría e a orde foi abolida.


O Gran Mestre da orde en Francia, Jacques de Molay, acabou na fogueira por orde de Felipe IV, corría o ano 1314, comezaba a caza do templario e tamén o misterio que os ía a envolver ata os nosos días (no século XVII difúndese a nova de que o Gran Mestre antes de morrer, entregaríalle a reliquia máis preciada do Temple un dedo de San Xoan Bautista, así como a chave que abría a caixa onde se atopaban os documentos fundamentais do Temple a un sobriño). Extraoficialmente os templarios pasaban á clandestinidade, empeza a súa lenda de misterio, principia a súa sona de secretismo, oscurantismo, esoterismo (2).

A partir da bula papal, todo o relacionado co Temple cae en desgraza, os templarios son perseguidos, sobre todo en Francia, e bórranse dos arquivos da época case toda a documentación relacionada coa orde. As súas propiedades e riquezas pasarán oficialmente á Soberana Orde Militar e Hospitalaria de San Xoan de Xerusalén, a sonada Orde de Malta, non obstante nos reinos da península ibérica, ata 1319 que o Papa Xoan XXII outorga os o bens do Temple á Orde de Malta, a maioría das propiedades templarias xa pasaran a mans do sector nobiliario.

E será esa caída en desgraza e o borrado de arquivos e documentación templaria a causante de que, hoxe en día, comecemos, paseniño, a coñecer as pegadas dos Templarios no reino de Galicia. Estudios de Carlos Pereira Martínez e de Sánchez Sánchez descúbrenos o pasado da Orde do Temple nas nosas terras.

Sepulcro de Fernando II na Catedral de Santiago

Pereira Martínez nos resume brevemente os comezos da Orde do Temple no reino de Galicia (3) ;

A chegada dos templarios ao noso país produciuse a mediados do século XII, aparecendo referencias á súa presencia nas terras de Celanova en 1142.
Por iniciativa de Fernando Pérez de Traba (fillo do Conde de Traba, Pedro Froilaz) chegarán á comarca das Mariñas dos Freires. Fernando de Traba, estando axuntado coa raíña Tareixa de Portugal, fai aos templarios daquel reino varias doazóns, como Soure (Portugal), xa en 1128, e logo peregrina en dúas ocasións a Terra Santa, onde coidamos que seguiría a manter contacto coa Orde, estando interesado, ao seu regreso, en que os monxes-cabaleiros se establecesen no Burgo de Faro, núcleo urbano e portuario (fundado por Afonso VII) no cal fundarían a súa máis importante sé, non só de Galiza, senón de todos os reinos hispanos, a bailía do Faro, a Igrexa do Temple do Burgo ( Cambre) sería a súa base de oracións.

Casa templaria de Ventosa, Centroña (Pontedeume)

A partir destes asentamentos, a Orde do Temple comezará a estender os seus dominios por toda Galicia, creando bailías ou encomendas en Betanzos (A Coruña), Sanfiz do Hermo (Guntín-Lugo), Neira (Láncara-Lugo), Amoeiro (Ourense), Canabal (Sober-Lugo), Coia (Vigo- Pontevedra) (4) , Lendo (Laracha) e San Sadurniño (5)..

Hai probas documentais da existencia de casas templarias en vilas importantes, naquela época, coma Palas de Rei (Vilar de Donas, moi posiblemente, sería unha das igrexas do Temple cedidas á Orde de Santiago), ou Ribadavia, e igrexas, casais, casas e terras na costa; Miño, Illa Coelleira; na zona de Sobrado: Guisón, Vilarino en Ourense en Borobás, Cea, (6), .. ., Tres casais e cuarta parte da igrexa en Prado (Lalín) (17), a igrexa de Santa María de Noceda (Lalín)(18).  E por suposto nas terras do cabildo de Santiago de Compostela (7) .

Hai constancia documental de bens templarios no Salnés, Moraña e Arcos da Condesa (Caldas de Reis) (8) , en Santiago de Ois (Coirós) (9).

Detalle da Porta de Santa María do Temple de Melide

A presenza dos templarios é norma xeral en moitas comarcas galegas,i e que o Temple na nosa terra coma noutros reinos da península axuntouse coa monarquía. Fernando de Traba (como seu pai Pedro de Froilaz que fora aio do emperador Afonso VII) foi titor do rei galego Fernando II, as ideas daquel deberon influír nas decisións reais, xa que o Mestre Guido da Guarda, templario, acompañou ao rei durante varios anos figurando entre os confirmantes de numerosos documentos do monarca, entre eles o Tratado de Rioseco (1181), onde se asina a paz e se establecen as fronteiras entre o reino de Galicia e León e o de Castela, asinando pola parte castelá o rei Alfonso VIII que tiña entre os seus confirmantes o, tamén, Mestre da Orde do Temple Rodrigo (10) . Con Fernando II, os templarios loitarán contra os almorábides pola conquista de Alcántara, Cáceres ou Coria.


Porta de Santa Maria do Temple de Melide
Sánchez na súa obra A Orde do Temple na vila de Melide, pescuda nos Fondos López Ferreiro, do Sancti Spiritus de Melide, do Arquivo da Catedral de Santiago, as pegadas dos templarios na Terra de Melide e comarcas veciñas, grazas á breve frase de; que foron da Orde do Tenpre, puido rastrexar as diferentes propiedades que tivo o Temple na zona. A modo de exemplo, nun preito do 1384 sobre a donación do conde Pedro das herdades ao mosteiros de Sancti Spiritus recóllese en galego medieval (11):

….o couto de Basadrea et as casas da Vila de Milide et herdamentos e casas et chantados et moynos et prestamos et benefiços que foron da Orde do Tenpre et lle perteçian ena vila de Milide et en terra d´Aveancos et de Ventosa…..

E grazas a esta documentación, Sanchez, localiza diferentes propiedades dos Templarios;

De 6 a 8 casas na vila de Melide, un couto, un muíño unha igrexa e outras propiedades en Vila Nova (Santa María de Malos); un muíños, coutos, varios; 1 casal, unha igrexa (Santa María), e varios en Basadre (Agolada); Ventosela un couto.

Sánchez ademais, insinúa que Santa María de Melide é templaria, Broz Rei, no 2001, xa apuntaba a denominala Santa María do Temple de Melide (12) , unha Cruz do Temple nas pinturas murais do seu interior o corroboraba, o mesmo nome lle dá Rafael Alarcón na súa obra A la Sombra de los Templarios, para quen os símbolos xeométricos da arquivolta máis exterior da porta oeste non deixan lugar a dúbidas da súa autoría templaria semellantes aos de San Xián de Astureses( Ourense) (13) . Na nosa veciña A Ulloa en fotos, atopabamos tres igrexas con símbolos da mesma caste nas súas arquivoltas son; San Salvador de Vilanuñe (Antas de Ulla), San Martiño de Ferreira (Palas de Rei) e San Miguel de Esporiz (Monterroso)  A igrexa de San Pedro de Melide tamén ten unha cruz patada típica dos templarios na súa fachada.


Sinos lapidarios do Temple
De A la Sombra de los templarios
Na zona de Sobrado as posesións tamén deberon ser importantes en Codesoso e varios lugares máis (Vilariño, Torante, Bidueiros, Roade, etc..)(14) .

Máis ao norte a igrexa de Santalla de Curtis tamén foi templaria (15). Nesta propiedade coma nas de Santiago de Ois os monxes do Cister de Sobrado pactan cos templarios os xeitos de produción e propiedade, non hai que esquecer que aparte do prestixio da Orde do Temple, o Cister ten alianzas cos templarios en toda a cristiandade, por algo San Bernardo de Claraval, fundador de 68 mosteiros do Cister en Europa, foi o redactor De laude novae militiae ad milites templi(16) , presionou no Concilio de Troyes para que se recoñecera á Orde no 1128 polas autoridades católicas e resolveu o problema do pecado da sangre(non matarás) para xustificar as ordes militares. A orde do Temple é, como quen di, afillada do Cister, é normal que se intercambiaran e estableceran nas propiedades duns e outros segundo a necesidade de cada época. Ademais, o mosteiro de Sobrado fora doado ao Cister, tamén, polo conde de Traba. A monarquía e nobreza galega aseguran fidelidade e produción nas nosas comarcas ao doar ás ordes do Temple e o Cister propiedades terreas.

Pola tipoloxía das propiedades que Sanchez e Pereira sacan á luz nos seus estudios, parece acertado pensar que a pretensión fundamental do Temple en Galicia era sacar recursos económicos para soster a congregación e a súa idea principal de recuperación dos Lugares Sagrados en Palestina. Mais, tamén é visible a posición estratéxica das súas posesións, sobre todo, nos camiños que levan a Compostela, os templarios tiñan encomendada a vixilancia dos Santos Lugares e a protección dos peregrinos, é lóxico pensar que os enclaves templarios dos Camiños do Norte, Portugués e Francés estarían destinados ao amparo dos peregrinos. Non esquecemos a súa misión cristianizadora de lugares de cultos pagáns, pero isto verémolo máis adiante.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com

(1) Esotérico: Que se transmite, unicamente, a un grupo reducido de iniciados [doutrina, coñecemento].
(2) Pax. 186 El misterio de los Templarios.
(3)Pax.  163 Os templarios.
(4)Pax. 163 Os Templarios.
(5)Anuario Brigantino, nº 23, Betanzos.
(6)Pax 155 Os Templarios.
(7)Los Templarios y el Cabildo de Santiago: A Tenza do Temple. Las Ordenes militares en la península Ibérica. Volumén I. Edad Media. Universidad Castilla La Mancha, Cuenca.
(8)Pax. 36. A Orde do Temple na vila de Melide.
(9)Pax. 74. Os Temparios.
(10)Pax 7-8. Panorámica de la orden del Temple en la corona de Galicia- Castilla- León. Pereira Martínez, C
(11)Pax. 50. A Orde do Temple na vila de Melide.
(12)Pax. 40. A Orde do Temple na vila de Melide.
(13)Pax.292 A bailía de Amoeiro da Orde do Temple. Carlos Pereira
(14)Pax.77 Os Templarios.
(15)Pax 74-75. Os templarios.
(16)Pax. 97. Os templarios.
(17)Pax.131. Carlos Pereira Martínez, Anuario Brigantino 2005, nº28.
(18)Pax. 240. Carlos Pereira Martínez, http://www.estudioshistoricos.com/revista/nalgures2.pdf
BIBLIOGRAFÍA

• FRALE, B. Los Templarios. Madrid, Alianza Editorial, 2008.

• MOSQUERA, X. Un viaje por la historia de los templarios en España. Madrid, Nowtilus, 2007.

• LÓPEZ-RIDAURA, S. e RAYNOUARD, F.J.M. Historia y tragedia de los templarios. Sevilla, Estramuros, 2008.

• GARCIA ATIENZA, J. El misterio de los Templarios,Editorial EDAF. SA. Madrid, 2000.

• PEREIRA MARTÍNEZ, C. Os templarios. Artigos e ensaios. Noia, Toxosoutos, 2000.

• SÁNCHEZ SÁNCHEZ, X. M. Milites Templi: A Orde do Temple na vila de Melide, Concello de Melide. Melide, 2006.

* MONTESANO, M. El tesoro de los templarios, Revista Historia National Geographic nº 137, Barcelona, 2015.