xoves, 29 de outubro de 2009

Bran, Lug, deuses celtas 4. Defuntos, o noso Samaín


Aí van os días de Defuntos e Tódolos Santos , o día que o irlandeses nos EEUU puxeron de moda coma Hallowen (contracción da frase inglesa, Alls Hallows eve – Véspera de Tódolos Santos-). Na mesma Irlanda chaman Samaín á gran festa celta do AninovoSamain ven da raíz céltica sam que significa; reunión, xunta de xentes, asemblea. É a mesma raiz que o irlandés Samhain, o galo Samonios, que o noso  Samanos, ubimonasterium e Santi Iuliani, o Mosteiro de Samos (Lugo) segundo documento do ano 853. A noite do 31 de outubro, marcaba a transición do verán ao inverno, era a noite máxica.
A Igrexa nun intento de apagar tódolos ritos pagáns arredor da festa de defuntos, datou o 1 de novembro coma día de Tódolos Santos e o 2 coma día dos Fieis Defuntos (a partir do S. XII), mais, …ninguén se lembra dos Santos en tal día, pero todo o mundo segue acudindo ao cemiterio, agora o día 1, para lembrar e honrar aos seus finados. Ironicamente , querendo facer desaparecer o día dos Defuntos, non se conseguiu nada diferente que volver as celebracións funerarias ao día de sempre: o 1 de novembro(1).
A antiga festividade céltica do Samaín foi habitualmente descrita como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, nesta data, terían autorización para camiñar entre os vivos. Abríanse as portas entre este mundo e o máis alá, dándolle á xente a posibilidade de reunirse cos seus antepasados mortos. Durante esas horas, podíase tocar, palpar e ata se podía traspasar ao mundo dos mortos. Por iso en todo o pobo había fogueiras. Acendíanse para guiar aos mortos na escuridade da noite, para que atopase aos seus parentes e fogares, e puidésense quentar coa calor do lume do fogar.
Pouco cambiou en esencia o día de Defuntos para a nosa cultura galega. A cultura da morte é parte da nosa idiosincracia coma pobo, a antropoloxía cultural e social galega, as lendas e os costumes amósanos unha cultura da morte de orixe pagán, en parte, con claros rasgos célticos.
En certa maneira o galego presupón que os mortos “viven” noutro lugar que non ocupa, topograficamente falando, unha posición nin superior nin inferior á do mundo dos vivos, senón que constitúe, por así dicilo, outra dimensión, na que o tempo non transcorre(2).
Na noite de defuntos, na nosa terra, aínda se cre na necesidade do lume do fogar para que as ánimas da familia busquen a calor. Por iso déixase esa noite o lume aceso. Polo mesmo motivo, dá mala sorte varrer a cociña esa noite, pódese afastar as ánimas. Esa noite é a noite da Compaña, que non tiña nada de santa.

Cabeza de Armea
Nestes días antes e despois do día de Defuntos, os cativos de moitas aldeas galegas facían as chamadas caliveras de Ortegal e Ferrolterra, ou os calacús das Rías Baixas, son melóns dos porcos ou cabazas ás que baleiran por dentro, nalgúns sitios póñenlle paus por dentes, e fanlle esas caras tan terroríficas para logo poñerlle unha vela dentro. Póñense pola noitiña en sitios escuros, nas encrucilladas, ou ao pé do cruceiros, e nalgunhas bisbarras, Boebre, Viveiro , Vimianzo, Negreira… déixanse ou lévanse preto do cemiterios(3), en Cedeira, tamén, por suposto. En Boiro colócanse nos muros das casas, na Illa (Arousa), dende sempre, no día de Defuntos, os nenos non ían á escola e pedían polas casas pregonando; Unha limosniña para os defuntiños que van alá, normalmente dábaselles boliños de pan, pasteliños, unhas moedas... Aínda hoxe moitos santiagueses recordan as tenebrosas caliveras polos camiños como un xogo da pillería, en Aríns, Sar ou en Campo Rapado (Boqueixón) ata ben pouco.

Cabeza cortada de Santa Trega
Anne Ross na súa obra Druídas, fálanos do significado das cabezas humanas para os pobos celtas; Para os celtas as cabezas eran algo máis que simples preas, porque crían que a cabeza era a morada do espirito, o verdadeiro centro do ser dunha persoa. Pendurando e venerando as cabezas dos seus inimigos pensaban que gañaban a protección dos poderes máxicos que posuían. Cando se deixaron de usar auténticas cabezas humanas nos oficios relixiosos, pasáronse a construír réplicas en pedra, madeira, metal e óso…..Sábese, de certo, que na idade de ferro se poñía unha vela dentro das cabezas, todo ao redor das fortalezas, nesta estación do ano que era a máis sinistra do ano céltico.
Para os pobos celtas a cabeza era sede da alma, o centro do ser…., capaz de vida independente, de fala e de movementos. Tiña grandes poderes apotropaicos e advertía a aqueles cuxos pazos e fogares protexía fronte á ameaza das forzas demoníacas. Os celtas primitivos, do mesmo xeito ca outros contemporáneos europeos, eran cazadores de cabezas.. Cantas máis cabezas conseguía un guerreiro, maior sona como heroe adquiría(4)
É extraordinaria a similitude das cabezas talladas en pedra das culturas célticas das Illas Británicas (Yorkshire, Anglesey), Irlanda (Condado de Cavan), Francia ( Rouches- du- Rhone) e as galaicas de Armea (Museo Ourense), Adrona Verotim (Museo de Ourense), Narla (Friol), Castro de Batán (Museo de Lugo) ou Santa Tegra (A Guarda).
O Samaín é tamén a festa do descanso dos guerreiros celtas; Samaín festa, militar celebrada o 1 de novembro… está dominada por un gran banquete real e militar e borracheiras e querelas constitúen o pano de fondo desta festa. A carne de porco, o viño, a cervexa e o hidromel dan acceso á eternidade e consumilos comporta o risco da frecuentación dos seres e das cousa do outro mundo. (Fernandez-Abalat. 1990. Pax 227)….Consumíase ritualmente a carne dun animal consagrado a Lug, nesta festa onde os guerreiros se reunían para exhibir os seus trofeos,..(Le Roux e Guyonbarch. 2003. Pax.52)(5).
Era unha festa dos guerreiros onde o poder máxico dos mortos sería simbolizado polas cabezas iluminadas, recordemos que a lenda máis sonada do deus Bran relata como este pide que os seus guerreiros lle corten a cabeza e a leven con eles, logo de máis de oitenta anos enterraron a cabeza en Gwynfyn (Monte Branco) en Londres, apartando as pestes e desgrazas de Britania, ata que segundo a lenda o Rei Arturo desenterrouna e comezaron as invasións das illas(6).
A cabeza do deus Bran era, por si soa quen de defender o país, no momento que é aldraxada perde o seu poder máxico. Por iso a calivera ou calacú ten que alumear, ten que conter a ánima do defunto “viva”, o seu poder máxico.
A día de hoxe, o costume de colocar a vela acesa na tumba do defunto segue vixente pese a que a Igrexa, xa, no Concilio de Elvira do ano 300 ou 306, no canón XXXIV, rexéitase directamente por pagán, este costume a prohibir que nos camposantos se acendan cirios[7). Ata os anos 70 do século XX, na Galicia, o día de Tódolos Santos era o día de estrear as roupas de inverno, era o gran día de festa de principios do inverno, nos días anteriores as tendas e feiras eran un rebulir de xente. A Feira de Santos de Monterroso, coma hoxe, era das máis concorridas.
Tamén as lendas galegas nos falan de caliveras, a Lenda da Calivera Convidada recollidas por Leandro Carré Alvarellos, ou a Lenda da Calivera da Romaxe a San Andrés de Teixido son unha pequena mostra. Lendas, segundo Rafael López Loureiro; onde as caliveras collen vida, falan e se laian, convidan ou son convidadas a cear con total naturalidade, o que nos debe facer lembrar o gran mito celta do deus Bran, de quen a cabeza decapitada … presidía unha festa no transmundo, suministrando comida e bebida e actuando como anfitrión tan eficazmente como o facía en vida (A. Ross 1987. Pax. 128)[8).
Co tempo o rito da calivera perdurará co seu espírito máis festivo; a carallada.
Este carácter festeiro nas celebracións de defuntos ficará na nosa cultura durante séculos. Durante os séculos XIV- finais de XV, son expresivas as condenas contidas nas vellas constitucións do bispado de Ourense contra as rogas ou comidas de defuntos;…o peor eran os escándalos e alborotos, de que así ás persoas como ás facendas dos nosos súbditos espiritualmente se seguen…. A Igrexa vai reprimir estes festíns: a excomuñón, incluíndose nela…ás persoas que as rogas demandaren como as que as aceptaren, como as que nelas foran e aínda os cregos que misa dixeren…[9). As comidas de defuntos ou rogas fanse ata nas igrexas.
No bispado de Mondoñedo cara a 1541, e baixo os auspicios de Frei Antonio de Guevara, criticouse e cuestionouse o costume dos mozos da diocese de pedir polas portas pan e carne e viño e freixós e pixoles e outras cousaso día de Tódolos Santos. Neste caso como no das rogas, a solución proposta para reconducir esta tradición foi que o párroco,…o primicieiro e outro que nomease a freguesía se encargasen de facelo petitorio…..aplicando despois o recibido polo eterno descanso das ánimas defuntas e distribuíndo o conseguido entre os máis necesitados.[10)

Aparentemente, acabouse a festa total e embriagadora dos devanceiros célticos… Os magostos, quizais, son unha subsistencia destas festas.

As misións despregadas pola Orde Franciscana e os Xesuítas a partir dos anos 1660-1670, aplacaron pouco a pouco os ritos pagáns dos defuntos.
Pese a todo, na nosa comarca a cousa non ía ben, e en 1735 os cregos do arciprestado de Bama (Touro) piden que sexa norma de obrigado cumprimento que …quedando algún cadáver que estivese unha noite sen enterrar, despois do anoitecer, das casas e lugares do contorno nin homes nin mulleres vaian á casa do defunto, e só poidan estar de noite nela catro ou seis persoas para vela-lo defunto e acompañar a súa familia, as que teñan que ser nomeadas polo crego dos fregueses [11).
A antropoloxía social na nosa terra descúbrenos as crenzas de que as ánimas viven entre nós. O mal do aire, a sombra, o enganido, son enfermidades que só as meigas ou sabias poden curar. Tanto a sombra coma o enganido só afecta aos cativos, o mal do aire cólleno nenos e adultos. É o aire do defunto quen provoca a enfermidade, por iso os nenos non poden asistir aos velorios nin aos enterros[12). Na Illa de Arousa, logo dun enterro, antes de volver a casa hai que facer unha pequena fogueira con follas de loureiro e pasar nove veces por riba dela, o fume purifica e hai que quitar o aire do morto, sobre todo se hai nenos na casa. 
Mais o mal do aire, que pode afectar a todos por igual, é o único malo, e pode ser unha vinganza do morto, ou o medo do morto a enfrontar o camiño do Outro Mundo, para apartar esa ánima do corpo do vivo hai que botar man de alguén que saiba como indicarlle o camiño do Outro Mundo á ánima para iso a meiga ou sabia precisa da axuda da divindade. E eiquí vén o abraiante; os ritos máxicos;
Pía ritual de tres cabezas con esvástica solar na base. San Andrés de Teixido (Cedeira). Foto de laberintoromanico .

· Ritual da comarca do Xallas. Pódese realizar nunha encrucillada de camiños, a unha hora que non pase xente, mellor de noite, ou en calquera recuncho da eira da casa. Se se elixe este último lugar, faise cun pau unha roda no chan e no medio da roda debúxase unha cruz cós brazos cara ós catro ventos[13) (a Cruz de Bran)
· Ritual de Cee. Faise un círculo no chan e no medio do círculo unha cruz (de novo a Cruz de Bran). Enriba da cruz unha tella con herbas de San Xoán e do Santísimo (herbas coas que se adorna o camiño que segue a procesión do Corpus), unhas ramiñas de loureiro e unha pingotas de auga bendita, logo de pasar por riba da tella facendo a cruz, parándose e dicindo a oración nos catro puntos, e así ata nove veces. A curandeira di:
Defuntiños todos,
de todo este contorno,
do mar e da terra,
sacádelle o aire do morto
a esta criatura
e darllo do vivo,
que o do vivo dá respiro
e o do morto non dá conforto,…..

Despois de tres Padre Nuestros bótanse na tella nove bicos de loureiro que foran recollidos en domingo antes de sair o sol. E o doente irá pasando por riba da tella do mesmo xeito nove veces, e mentres a que saca o aire di outra oración:
Loureiro que non fostes plantado,
quítalle o aire a este meniño,
de vivos e de mortos e de condenados
[14)

É significativo, no primeiro rito, o lugar escollido para sintonizar a comunicación co Máis Alá; a encrucillada, recordemos que as encrucilladas son os lugares onde residen os deuses dos camiños, os menxaseiros do outro mundo, e a divindade Bran segundo o profesor Bermejo agóchase tralas aras adicadas aos Lares Viales, os deuses romanos dos camiños. Non obstante se non é nunha encrucillada a sabia ou meiga traza a cruz de Bran para invocar aos defuntiños todos (¡non hai cousa máis profana!). Mais, todo hai que dicilo, estes ritos están recollidos no antigo territorio do pobo castrexo dos Célticos Supertamarcos, o territorio medieval de Célticos, sen dúbida, a cultura céltica, eiquí, foi moito máis teimuda.

Atrevémonos a pensar que séculos antes da cristianización, a druída ou sacerdotisa( a antiga meiga) invocaría ao deus Bran, (en troques dos modernos defuntiños) o ritual pouco variaría en esencia; o número nove (número con caste céltica) que está presente en tódolos ritos contra o mal do aire, as ramas de loureiro, as augas benditas, e as oración con sabor profano, acércanos a rituais indubidablemente precristiáns.
Para que as ánimas estivesen felices e contentas no seu Outro Mundo e non provocaran o mal do aire, a sombra, o enganido, etc…, había que agasallalas coa mellor festa do ano, presidida polos deuses Bran e Lug, as ánimas podían ocupar as caliveras acesas, que poboarían as encrucilladas, camiños e o campo da festa.
Se nos baseamos no Libro das Invasións irlandés, vaise a dar o paradoxo (nos non temos dúbidas nisto) que o Samaín é unha festa de orixe galega, e os fillos de Mil levárono a nosa irmá Irlanda en tempos pretéritos. A nós, os romanos primeiro -quizais un pouquiño- e a Igrexa despois, borráronnos o nome da memoria, mais as tradicións, os ritos, e as lendas perduraron.
Pois nada, a divertirse coa festa, nosa, vosa e daqueles...

E non esquezan: a San Andrés de Teixido, vai de morto o que non foi de vivo.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com 

Bibliografía:
· LÓPEZ LOUREIRO, R. Samaín: A Festa das Caliveras. Ir Indo Edicións, Vigo, 2003.
· DUBERT. I. Cultura popular e imaxinario social en Galicia. USC. Publicacións, Santiago, 2007
· BERMEJO BARRERA, J. C. Sociedade e Relixión na Galicia Antiga. Edición Lóstrego, Santiago, 2008.
· QUINTÁS SUÁREZ, M. O Outro Mundo na cultura popular galega. Tres Ctres Editores, Sta Comba, 2006
· LISÓN TOLOSANA, C. Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia. Akal Editor, Madrid, 1983.
· LISÓN TOLOSANA, C. De la estación del amor al diálogo con la muerte, Ediciones Akal, Madrid, 2008.
· CARIDAD ARIAS, J. Cultos y divinidades de la Galicia prerromana a través de la toponímia. A Coruña, Fundación Pedro Barrie de la Maza, 1999.
· BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta, Edicións Lóstrego. Santiago de Compostela, 2007.
* PEDRO PABLO G. MAY. Los Mitos Celtas, Acento Editorial. Madrid, 1999.
. ANNE ROSS. Druídas, Deuses e heroes da mitoloxía céltica. Ed. Xerais. Vigo, 1987.
· ANNE ROSS. Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004.
· VITOR VAQUEIRO. Guía da Galiza Máxica, Editorial Galaxia. Vigo, 1998.
· CUBA,X. REIGOSA, A. MIRANDA, X. Diccionario dos Seres Míticos Galegos, Edicións Xerais. Vigo, 1999.
. GARCÍA QUINTELA, M. V. Celtic Elements in Northwestern Spain in Pre-Roman times, http://www4.uwm.edu/celtic/ekeltoi/volumes/vol6/6_10/garcia_quintela_6_10.html.

[1] Pax.65. Samaín: A Festa das Caliveras. Rafael López Loureiro.
[2] Pax. 98. Galiza Máxica. Vitor Vaqueiro
[3] Pax. 40. Samaín: A Festa das Caliveras. Rafael López Loureiro.
[4] Pax: 89 Anne Ross, Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004
[5] Pax. 61. Samaín: A Festa das Caliveras. Rafael López Loureiro.
[6] Pax: 91 Anne Ross, Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004
[7] Pax.73-74. Samaín: A Festa das Caliveras. Rafael López Loureiro.
[8] Pax. 56. Samaín: A Festa das Caliveras. Rafael López Loureiro
[9] Pax.105-106. Cultura popular e imaxinario social en Galicia. Isidro Dubert.
[10] Pax. 107. Cultura popular e imaxinario social en Galicia. Isidro Dubert
[11] Pax. 112. Cultura popular e imaxinario social en Galicia. Isidro Dubert
[12] Pax. 107-112. Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia. C. Lisón Tolosana.
[13] Pax. 173. O Outro Mundo na cultura popular galega. Manuel Quintáns Suárez.
[14] Pax. 189-190. O Outro Mundo na cultura popular galega. Manuel Quintáns Suárez.

sábado, 10 de outubro de 2009

O Carlismo nas comarcas do Ulla


Ben coñecido é que a Historia está escrita, na súa maior parte, pola clase letrada que durante séculos pertenceu ou serviu ás elites dirixentes. No mundo rural, e sobre todo, na Galiza interior, escasea a narración dos feitos históricos dende a voz dos labregos e comerciantes.
Hai casos puntuais, como os que nos narra o Pleito Tabera-Fonseca, sobre a Revolución Irmandiña dos anos 1467-1469. Os numerosos testigos da Revolta Irmandiña poñen fincapé nas inxustizas, roubos e abusos que tiñan que soportar as clases traballadoras (produtoras) das clases dirixentes laicas e relixiosas(guerreiras, ociosas e pensantes)).

Ata hai ben pouco, a gran maioría dos manuais de historia e, ata as recentes guías locais, mostraban a historia que as clases dirixentes nos quixeron legar, a súa historia. A modo de exemplo: No século XIX, os dirixentes das partidas carlistas son os salvadores do pobo, uns mártires...

Os narradores destes feitos, algúns contemporáneos nosos, esquecen que na lóxica da guerra a barbarie é norma (recordemos a guerra de Iraq), esquecen as atrocidades que realizaron os cabecillas carlistas faciosos como lle chamaba o pobo. Unha excepción é Francisco Vilariño, cronista dezao da época, que narra os sucesos do 10 de xaneiro de 1837 cando a gavilla carlista do facioso Vilanova de Tuiriz, torturou e logo fusilou, a sete soldados na feira da Goleta (Lalín), ante as súplicas e choros dos presentes...

As partida carlistas tiveron gran relevancia nas nosas comarcas entre os anos 1834-1839, onde tiñan apoio do arcebispado de Santiago, o clero rural e da fidalguía rural (de caza e pote), eran os sectores das nosas comarcas que vían perigar os dezmos, o cobro das rendas...

Antonio López natural de San Estevo do Campo (Arzúa), ex - oficial do exército, visitou a Don Carlos de Borbón en Portugal, quen lle estendeu un decreto datado o 10 de xaneiro de 1834, chamando a inserrucción do clero e elementos afíns do exercito. Comezou a súa acción nas comarcas de Sobrado, Arzúa e Melide, invitando a varias persoas a alistarse na súa partida, ofrecendo incluso ata 1.000 reais de entrada. O núcleo inicial da partida formárono entre outros, Don Ramón Duro, Don Andrés Oliver e Juan Viñas -O Capador-, de triste recordo na comarca polas súas atrocidades[1]-.., o seu cuartel xeral,na primeira fase da partida foi o Mosteiro de Sobrado.

Do mosterio de Sancti Spiritus de Melide era o frei Saturnino Enríquez, que se adestrou con Don López ata que constituíu a partida Batallón A Constancia, campou polas comarcas de Curtis, Sobrado e Mesía, cando lle faltou financiación adicouse á extorsión, hai cartas onde ameazaba con queimar as facendas e maltratar ás familias se non se lle entregaba, no prazo de 15 días, 4000 reais. López caeu en Boimorto en 1836, o seu corpo e o de Andrés Mañá foron despedazados polos constitucionais e colocados en diferentes puntos da comarca de Santiago.

A guerra carlista foi a reacción ante a perdida de poder da clase dirixente -clero e fidalguía- (dominante na Galiza rural), contra a novo poder liberal -burguesía e sectores críticos da fidalguía - o seu resultado; a barbarie da guerra. O pobo, coma sempre, entre dous fogos.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com

[1] Barreiro Fernández, XR. Historia Contemporanea Política. Galicia Historia Tomo VII, A Coruña, Eds. Hércules, 1991