mércores, 26 de agosto de 2009

Santa María de Sacos e os petroglifos da Portela das Laxes


Santa María de Sacos (S. XII) na Vila de Riba no curso medio do val do Lérez é un exemplo de sincronismo coa simboloxía ancestral da comarca, a cruz celta, sobre un can ou porco bravo?, preside o templo.
















Na porta principal tímpano reutilizado coa chamada cruz de Bran.
















Cara o mar nos petroglifos da Portela das Laxes en Viascón de novo a Cruz de Bran, a esvástica e os labirintos.
Segundo Caridad Arias, Bran (Baran) ou Branno é o nome dado á divinidade suprema celta que representa o sol no ocaso, o sol nocturno. Na tradición celta irlandesa corresponde a Dagda "o bo Deus". O seu paralelo greco-latino máis cercano é Crono.
Son todos eles distintas versións da divinidade suprema preclásica do ámbito cultural europeo e norteafricano, posiblemente procedentes xa da cultura megalítica, asimilada polos indoeuropeos a título de divinidade subterranea ou infernal.
Bran ten en gaélico o significado de corvo ave estrechamente relacionada coa divinidade solar no mito celta e xermánico.
Dende a Portela das Laxes, tiñamos unhas extraordinarias postas de Sol, agora a construcción dunha nave industrial oculta gran parte do val do Lerez, unha mágoa.
Os autores destes petroglifos deberon adorar ao deus solar dende estas laxes, sobrecollidos pola paisaxe do solpor galego.
Ata sempre e bo proveito, anoshistoria1@gmail.com
Bibliografía:



CARIDAD ARIAS, j. Toponímia céltica de Galicia, Deputación Provincial de Lugo. Lugo, 2006.

xoves, 6 de agosto de 2009

O Camiño Primitivo de Santiago e a VIA XIX romana nas comarcas do Ulla


En base ao estudio sobre a conquista romana nas comarcas do Ulla abordado neste blog, cremos posible, establecer unha serie de afirmacións sobre o tan debatido trazado da VIA XIX DE ASTORGA A BRAGA (a máis antiga de Galicia) na provincia da Coruña. Diversas teorías trazan múltiples itinerarios e localizan as diferentes mansións romanas da VIA XIX en distintos lugares da xeografía coruñesa. Varios autores teorizan sobre este tema das que extraemos as seguintes;
Algúns historiadores como X.M.Caamaño, quixeron ver a mansión romana de Asseconia na actual parroquia de Oíns (Arzúa), Arias Bonet sitúa no Viso, Dombodán (Arzúa) a misteriosa Asseconia, hoxe en día, tamén identificada con A Sionlla, Sigüeiro, Aixón ou Santiago de Compostela, a seguinte mansión romana cara Lucus Augusti (Lugo) era Brevis (Ponte Furelos ou Melide).

O investigador Sáez Taboada, localiza Asseconia en Aixón, Sergude (Boqueixón) e dende aí traza a Vía XIX por Prevediños, Touro, Muíña, Oca de Abaixo, Fondevila, Vilar, San Miguel, Igrexa (Vilantime), Boente e logo cara Brevis (Melide).

Nós seguimos sendo da opinión de que a VIA XIX discorrería dende Lugo ata Castrofeito no Pino, case, polo mesmo itinerario que hoxe ten o Camiño Primitivo de Santiago.

Será sobre os anos 19-16 a.C. cando os romanos consoliden o seu poder militar na nosa comarca e comecen a construír a VIA XIX, normalmente, aproveitando os antigos camiños entre castros, para transportar as tropas e comezar a explotación dos minerais, a pacificación da Gallaecia e a reclutación de  indíxenas para as tropas romanas. Dende Asturica ata o confín da terra coñecida había que construír unha vía de penetración na zona dos galaicos. A VIA XIX DE ASTORGA A BRAGA (a máis antiga de Galicia) cruzaba o concello de Arzúa de este a oeste.

En Ponte Puñide, Gonzar, O Pino, J.Sánchez-Palencia, sitúa un xacemento primario de ouro.

Unha ara votiva coa inscripción; Valerio Quadrado dedicou este altar ós lares viais apareceu arredor de 1974, xunto con restos cerámicos romanos, nun labradío chamado A Agra, no lugar de Porto(Castrofeito, O Pino).

Tranoy na súa obra La Galice Romaine,1981, localiza un procuratores metallorum, libertos imperiais (moitos de procedencia militar) encargados directamente do control da explotación mineira, instalado en Castrofeito (O Pino).
Non cabe dúbida de que a zona tivo que ter unha importancia relevante para o Imperio Romano, o ouro do Pino e o estaño de Arzúa e o Deza, amén da apertura dunha vía de penetración no interior do país dos gallaeci, deberon ser a causa principal da construcción da VIA XIX na comarca de Arzúa.

Outro indicativo do paso da VIA XIX pola comarca de Arzúa son os topónimos romanos relacionados coas vías romanas: Calzada (Arzúa), A Rúa (O Pino),... Mais un topónimo que chamou poderosamente a nosa atención foi A Peroxa (Perogia nos textos antigos).
As vías romanas eran as autovías antigas, tiñan que ter as súas infrastructuras viarias perfectamente estructuradas, xa que, nos primeiros intres da conquista o Imperio Romano vai ter un control case empresarial sobre estas redes de comunicación, as parochias serán os centros de aprovisionamento, onde se ubicaba o parochus, anfitrión, provedor dos maxistrados durante unha viaxe.

No substantivo Parochia: o "a" é breve, por iso tende á síncopa e é fácil que se reconstrúa o "e" en.. Peroxa. Se nos acercamos á Peroxa da parroquia de Burres, Arzúa, xunto a Cortobe e falamos cos veciños e veciñas escoitaremos pronunciar algo así coma a proxa. Máis curioso, de once Peroxas localizadas no país, todas co artigo "A" diante;

1- A Peroxa (Ourense), pasaba a Vía Aquas Flavias-Lucus.
2- A Peroxa Vella (A Peroxa-Ourense), pasaba a Vía Aquas Flavias-Lucus.
3- A Peroxa (Lamas- Moraña), vestixios romanos.
4- A Peroxa (Carracedo-Caldas de Reis- Pontevedra), pasaba a Vía XIX.
5- A Peroxa (Boente- Arzúa) antes de Boente preto da capela de Rocamador de devoción francesa. Pasaba a Vía XIX?.
6- A Peroxa (Burres-Arzúa). Pasaba a Vía XIX?.
7- A Peroxa (Taboi-Outeiro de Rei) pasaba a Vía XIX?.
8- A Peroxa (Portas- Pontevedra). Na vía XIX.
9- A Peroxa (Moreda- Monforte de Lemos). Na vía Dactonium, secundaria romana que comunicaba a conca do Sil con a conca do Ulla, conectando coa Vía XIX?. Zona de importantes vestixios romanos. Ponte romana sobre o Cabe.
10- A Peroxa (Mera de Arriba- Ortigueira- A Coruña). Zona con vestixios romanos.
11- A Peroxa (Os Ánxeles- Boimorto). No camiño secundario romano que uniría Arzúa co Campamento romano de Cidadela (Sobrado dos Monxes)?
12- A Peroxa (Lamela, Silleda). Na vía romana prolongación cara Santiago da Vía da Prata que unía Emerita (Mérida) con Bracara (Braga), hoxe Camiño Mozárabe a Santiago.

Destas once Peroxas, cinco están no posible traxecto da Vía XIX BRAGA-ASTORGA. Na comarca de Arzúa tres, dúas na Vía XIX e outra no camiño do Campamento de Cidadela, das seis restantes, tres están en vías secundarias romanas e as outras tres en zonas de probada romanización.
Os topónimos dos ríos Pella e Ysso, son referencias claras ao primeiro momento da conquista romana( ver: A conquista romana neste blog), . Nárdiz fálanos da peculariedade da ponte romana do Camiño en Ribadiso (Arzúa), desta ponte temos referencias documentais do ano 572; Decimus vero Nalare dictus finitur apud pontem de Isso. E. Sagrada. LXXXVI, ap. V.
Outro dato a ter en conta é o descubrimento do miliario de San Romao de Retorta (parroquia de Guntín), adicado a Calígula do 40 d. C (curiosamente encontrase no Museo de Astorga, no seu lugar atópase unha réplica), e a Ponte romana de Cabalar que libra o río Ferreira un pouco máis adiante, certifican a coincidencia do Camiño Primitivo e a VIA XIX ao seu paso polo Concello de Guntín. A ponte romana de Ferreira de Negral (Palas de Rei) volve a cruzar o río Ferreira e lévanos seguindo o Camiño por Vilouriz (Toques), e logo Melide cara Arzúa.
Hai que ter en conta, tamén, os postos de vixilancia ou armadas que as lexións instalarían nos camiños cercanos á VIA XIX.
Hoxe en día, varios autores non dubidan da autoría de Agripa na elaboración dos famosos censos dos populus da Gallaecia, o equipo de Agripa estaba composto de 240 expertos, en xeografía, arquitectura, enxeñería, etc.., serán eles quen transmitan os nomes dos nosos ríos máis importantes; Miño, Sil, Ulla, etc...e sería a Legio IV Macedónica ou a Legio X Gemina a que abriría o camiño da romanización na nosa comarca co trazado da VIA XIX.

Autor: Celso Alberte Magariños Costas. anosahistoria1@gmail.com