domingo, 17 de maio de 2009

Bran, Lug, deuses celtas nas terras do Ulla 1. O Corvo

A arqueoloxía e os textos antigos mostráronnos as pegadas dos deuses pagáns adorados polos castrexos da antiga Gallaecia; Lug, Cohvetena, Navia, Coso, Bandua, Reve, as Matres, etc.., mais, como nos di Balboa moitas divindades veneradas en Gallaecia como os Lares Viales, as Ninfas, Marte ou Xupiter agochan outras anteriores, ¿puido haber algunha agochada na nosa comarca?.







Parémonos un intre na raíz Bran dos topónimos; Branzá, Branzaílla, Brandeso, e Brandariz en Arzúa, Bran en Santiso, Brandomés en Vila de Cruces, Brandelos en Prevediños, Touro, Brántega en Agolada. Un pouco máis lonxe Bran en Oroso.
Exceptuando Brandariz do que temos documentos medievais que indican a súa procedencia do nome suevo, Brandericus (Brand + ric) "Rei da Espada", do resto dos topónimos non temos referencias documentais antigas.
Unicamente Caridad Arias aborda a etimoloxía de Branzá que a relaciona coa deusa Brigantia.
Nun entorno de 10 quilómetros arredor da parroquia de Brandeso temos sete topónimos en Bran-. Na parroquia de Branzá hai un castro no Monte de Cornado , ao sur deste, outro en Baiobre. En Baiobre atópase o Santuario de Santa Cruz, así como, a capela de San Xosé pertencente á Casa Grande de Baiobre. A festa do Maio (Festa Celta de Beltene ?)foi revestida no século VI dun contido cristián asimilando a árbore ao madeiro da Cruz. De aí que moitas veces os Maios leven cruces. Coma nas demais festas cristiáns na véspera da Santa Crus prodúcese o ataque do Mal, por iso pídese á Santa Crus de Baiobre (Branzá, Arzúa), o 3 de maio, pola protección dos animais e das colleitas do campo. Ao sureste de Baiobre, a igrexa parroquial en Santa Locaia ao pe doutro castro, ao oeste no lugar de Branzá, a capela de San Xosé, hoxe en ruínas. Moi preto de Brandeso, a carón do río Carracedo atópase nunha carballeira a capela da Fonte Santa, conta a tradición que as súas augas curan as queimaduras e a inapetencia. Seica ata se pode facer desaparecer penas e tristezas sufridas na vida. En tempos celebrouse unha célebre romaría. Preto de Branzá, en Dombodán, temos o Santuario do Viso. En Brandelos (Previdiños, Touro) facíase unha romaría na carballeira que hai xunto á capela, no mesmo lugar nace unha fonte que bota moi pouca auga e que parece ser tiña propiedades medicinais, eran moitas as persoas que acudían a tomar os baños.
Cabeza cortada, Museo de Lugo

Bran ( O Bendito) era -segundo a mitoloxía galesa- un deus máxico, xigante, rei da illa da Britania, que ao ser ferido mortalmente, pediu aos seus homes que lle cortasen a cabeza (a cabeza era sede da alma, o centro do ser...., capaz de vida independente, de fala e de movementos )e a enterrasen no Monte Branco de Londres, mirando cara Francia para protexer ao seu pais das invasións, máis tarde o Rei Arturo desenterrouna provocando as invasións saxonas[1].
Bran en gaélico significa corvo, que é unha ave relacionada co sol na tradición celta, Lug, o deus celta, tiña un corvo que se chamaba Bran[2].


O profesor Bermejo Barrera intúe que a divindade Bran agóchase tralas aras adicadas aos Lares Viales numerosísimos na Gallaecia; Destaca Van Tassel Graves ao igual que J: De Vries, a estreita asociación existente entre Lug e o corvo. Este paxaro constitúe un dos aspectos de Bran, que nun principio foi unha deidade pan-céltica, e que aparece dotado na mitoloxía destes pobos dunha serie de calidades, cuxo estudo posúe un grande interese.Tanto o corvo coma o deus Bran están caracterizados polas propiedades seguintes: a forza, a intelixencia, a lonxevidade, a gran memoria, o son ominoso e a cor negra de mal agoiro, a capacidade de ser axentes destrutores na batalla e de servir de mensaxeiros doutro mundo, a facultade de ser ladróns, voar a grandes alturas e desprazarse a grandes distancias ea a calidade de servir de guías na súas viaxe por terra e por mar[3]. O deus Bran é dun grande interese para este estudio pois posúe unha serie de características que o fan moi semellante ao deus grego Hermes, cuxo culto é moi similar ao dos Lares Viales[4].
Os Lares Viales son os deuses protectores dos camiñantes, as súas aras, colocadas nos cruces dos camiños, son abudantísimas na nosa terra, o 75% das dedicacións aos Lares Viales de todo o imperio Romano foron atopadas na Gallaecia. Segundo Caridad Arias, Lug e Bran están vinculados ás artes e a música e so ao propio tempo caudillos divinos dos guerreiros. Trataríase, probablemente de dous nomes ou dous aspectos distintos dun mesmo personaxe do mito base[5].

Busquemos, pois, rastros do deus Lug no territorio coporo: Recentemente, tralo descubrimento no barrio lugués da Piringalla do que Rodríguez Colmenero en entrevista nun xornal, calificou coma; especie de poboado, lugar sacro, dedicado a unha divindade local. Cada vez temos máis aras dedicadas a Luco , a Lucovus ; ultimamente apareceron outras dúas[6], a existencia da adoración ao Deus Lug nas proximidades do que sería Lucus Augusti é máis evidente. Máis, recente é a atopada na rúa Ribadeo, 1 de Lugo dedicada a Lugubus Arovieis[7].Estas tres únense ás outras tres atopadas na provincia, Sinoga (Outeiro de Rei), San Martiño de Liñarán (Sober) e San Vicente de Castillón (Ferreira de Pantón). É innegable a adoración da poboación indíxena do territorio coporo ao deus Lug.
Como nos indica Balboa Salgado, o deus coñecido como Lug en Irlanda, Lugus na Galia e Llew en Gales() é a principal divindade dos celtas.. O seu nome provén da raíz inoeuropea *leuk, "brillar", "lucir", o que lle concede o significado de" luminoso" e "brillante"[8]. Lug é politécnico, o que domina todos os saberes, pois é guerreiro, mago, artista,artesán. A Lug dedícaselle unha das principais festas celtas: a de Lugnasad, a Festa da Colleita, o 1 de Agosto. Entre os atributos que sempre o acompañan atópanse unha lanza e un corvo[9], Bran.
 As características que arriba nos indica Bermejo sobre Bran non poden ser máis atractivas para unha sociedade guerreira coma a celta, ten a propiedade da lonxevidade, é mensaxeiro doutro mundo, é o guía das grandes viaxes, era, coma Lug, un deus vencellado ao Máis Alá.
Tense falado moito da inexistencia de restos arqueolóxicos sobre os enterramentos dos castrexos, Alonso del Real, con retranca, dicía que os castrexos vivían pero non morrían. Sen embargo temos noticias antigas sobre un costume común dos pobos celtas da meseta, os vacceos e celtiberos que consistía en abandonar aos voitres os cadáveres dos guerreiros mortos en batalla, por consideraren a estas aves animais sagrados que transportaban os mortos aos deus do ceo,[10] na estela solar cántabra de Zurita observamos, nunha das súas caras como un voitre abalánzase sobre un guerreiro caído.
Outeiro do Corvo, Carnota. Jose Luis Galovart
Non temos referencias do voitre nas nosas comarcas, pero si do corvo que como o voitre é un animal preeiro. Ao pe do Santuario do Viso nas beiras do Ulla temos o Monte dos Corvos, nos lindes naturais do territorio coporo de Arzúa. Cara o sur das Dunas de Corrubedo, na punta Praseu, ao pe do mar, temos o Outeiro dos Corvos nas proximidades do Castro do Porto de Baixo (Couso, Ribeira). O Outeiro do Corvo en Poio, con vistas á ría de Pontevedra, ten unha serie de cazoletas en linea. O Outeiro dos Corvos en Susavila (Dodro), no val do Ulla, preto do castro de Monte Xián, posue un petrogrifo? O Outeiro do Corvo en Carnota -ao norte de Castro Mallou- ten un petrogrifo onde se observa unha semi-roseta inscrita. Hai Pena dos Corvos en Arteixo, en Moeche, en fronte da Torre de Hércules,.... 
Punta Niño do Corvo dende a Pancha, Ribadeo

Na Mariña lucense, enfronte da Praia dos Castros (Ribadeo) temos a Punta do Niño dos Corvos no Penedo da Insua, seguindo cara o Rinlo, en Loureiros; un penedo no mar chamado O Penedo do Corvo, e logo de pasar o Rinlo, enfronte de Punta Corveira, o Penedo dos Corvos
Na Serra da Capelada nas inmediacións do Santuario de San André de Teixido e fronte o Castro de Concepenido, atópase o Monte dos Corvos, hoxe convertido en parque eólico. Outro Monte del Corvo(do romano corvus) atópase en Logroño ao pe do Ebro, neste punto xúntanse as fronteiras de Euskadi, Navarra e A Rioxa, na súa cima atopáronse restos celtiberos. Bramberg (Outeiro de Bran) é un topónimo que se rexistra na Alemania, Austria e Suíza. García Quintela relacióna un Bramberg cun posible santuario do deus Lug en Lucerna, Suíza[11].

É significativo que non se atopen necrópoles de incineración no territorio castrexo como no resto dos pobos celtas. É moi posible que na sociedade castrexa o corvo fixese a función dos voitres, sería o mesmo deus Bran, o corvo, o que transporte aos guerreiros e ao resto dos membros da sociedade castrexa cara Outro Mundo.


Non sabemos desde cando existe o topónimo, mais a proximidade do Monte dos Corvos ao río fainos elucubrar que os castrexos da zona fixesen os seus rituais funerarios neste monte á beira do río Ulla, os ríos e mares son outro medio natural dos pobos célticos de comunicación co mundo dos mortos


Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com 




Bibliografía




BERMEJO BARRERA, J. C. Sociedade e Relixión na Galicia Antiga. Edición Lóstrego, Santiago, 2008.
BRAÑAS ABAD, R. Deuses, heroes e lugares sagrados. Edicións Sotelo Blanco, Santiago, 2000.
REVISTA LAROUCO Nº4, Grupo Arqueolóxico Larouco, Bande, Ourense. 2008
SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS. Terra de Melide. Edicios do Castro, Sada, A Coruña, 1978
CALO LOURIDO, FCO. A Plástica da Cultura Castrexa Galego- Portuguesa. Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 1994
CARIDAD ARIAS, J. Cultos y divinidades de la Galicia prerromana a través de la toponímia. A Coruña, Fundación Pedro Barrie de la Maza, 1999.
ARES GÜIMIL, T. VILA GONZÁLEZ, MªX. Guía de balnearios e fontes de Galicia. Vigo, Ed. Galaxia, 1996.
GARCÍA QUINTELA, M.V. Soberanía e santuarios na Galicia castrexa., Editorial Toxosoutos, Noia, 2006
GONZÁLEZ SOUTELO,S. As augas mineromedicinais en época prerromana e romana na provincia de Pontevedra, X Premio de Investigación 2005 Xesús Ferro Couselo. Concello de Valga, 2005.
CACHEDA VIGIDE, E.A. La religiosidad popular en Galicia. El municipio de Arzúa. Santiago, Concello de Arzúa, 1991
CARIDAD ARIAS, j. Toponímia céltica de Galicia, Deputación Provincial de Lugo. Lugo, 2006.
BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta, Edicións Lóstrego. Santiago de Compostela, 2007.
ANNE ROSS. Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004
GARCÍA Y BELLIDO, A. Arte Romano, CSIC. Madrid, 2004.
VAQUEIRO, V. Guía da Galiza Máxica, Editorial Galaxia, Vigo, 1998.


[1] Pax: 91 Anne Ross, Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004[2] Pax. 183 Cultos y divinidades de la Galicia prerromana[3] Pax 161 Sociedade e Relixión na Galicia Antiga[4] Pax. 162 Sociedade e Relixión na Galicia Antiga[5] Pax.183 Cultos y divinidades de la Galicia prerromana[6] www.lavozdegalicia.es/lugo/2008/10/19/0003_7237123.htm [7] Pax; 223 Revista Larouco Nº4[8] Pax: 117 Galicia Celta[9] Pax: 118 Galicia Celta[10] Pax 105 Deuses, heroes e lugares sagrados[11] Pax 174 Soberanía e Santuarios na Galicia castrexa

Guerreiros celtas na comarca de Arzúa


O sufixo bre ou be, que vén de briga, brix, e significa poboado fortificado en altura, é un dos elementos lingüísticos máis característicos das linguas celtas, é coma a súa carta de presentación.
Alcobre (Piloño, Vila de Cruces), Pezobrés (Santiso), Pezobre (Santiso), Añobre (Vila de Cruces), Baiobre, (Branzá, Arzúa), Baiobre (Beseño, Touro), Cortobe, (Burres, Arzúa), Pantiñobre, (Arzúa), Cillobre, (Cornado ,Touro), Basebe, (Novefontes, Touro), Ombre, (Pastor, O Pino), e Coebre, (Loureda Cesuras) son topónimos recollidos entre os ríos Tambre e Ulla, a maioría na comarca de Arzúa.

A nosa zona estaba poboada, segundo o censo de Agripa ( Orbis Pictus) recollido por Plinio, polo pobo coporo, chegaba o seu territorio ata terras de Lugo, ao norte os celticos supertamaricos.

Estrabón fálanos do carácter aguerrido dos galaicos, Baiobre, cuxo significado vén de Bagiobriga de *bag- "loita" e briga, "castro, fortaleza", indícanos claramente o carácter guerreiro dos seus poboadores, a céltica é unha sociedade antiga que ten na súa relixión o seu leitmotiv, a guerra é un acto protexido polos deuses, aos que hai que ofrendar sacrificios de animais ou dos guerreiros inimigos.

A aparición dúas aras adicadas ao deus Bandue en  Catoria[1] e Palas de Rei dentro do territorio coporo, parecen corroborar o carácter guerreiro destes poboadores. Na zona de Lugo foron atopadas recentemente tres aras dedicadas ao deus celta Lug.

As ofrendas e ritos dedicados a estas divindades realizábanse en lugares significados polo seu valor simbólico; Nemetón; claro no bosque sagrado, Mag, Magnus; planicie sagrada[2], Lan; chaira. Nos ríos, nas fontes, nos montes, máis tamén, no interior dos castros hai testemuñas de adoración a deuses indíxenas. No Castro de San Cibrán de Las (Ourense) atopouse unha ara dedicada ao deus Bandua Lambricae, Lanobricae ou Lansbrica, topónimo que, a partir da análise lingüística facilitada por Blanca García, podemos explicar como Fortaleza da Chaira[3], desta raíz virían os topónimos Lañobre (Teo), Lañas (A Baña) e Laña (Touro)[4]a tres quilómetros do Baiobre de Beseño.

No Baiobre de Branzá (onde se localiza un castro), temos o Santuario da Santa Crus, está especializado na protección dos animais e das colleitas do campo. Tamén fanse peticións especiais polos difuntos[5].Coma en San Lázaro (Compostela) realízase a subasta de uñas de porco. Celébrase o 3 de maio. Na veciña parroquia de Beseño no concello de Touro nun dos lugares máis elevados do entorno, atópase outro Baiobre onde se celebra unha romaría ( 2ª domingo de xullo) nunha carballeira cunha capela adicada a Santa Sabela, protección da fertilidade. É evidente que a realización destes ritos ocultan un culto pagán, noutro artigo veremos a relación destes lugares cos seus posibles deuses e os topónimos.

Cara ao este de Baiobre nunha distancia, aproximada, de 10 quilómetros atópase Pantiñobre, onde se encontra o Castro de Soutullo, e a uns 5 quilómetros deste, na parroquia de Lema, localízase o lugar de Magolán antes Magulán célebre pola Casa dos Maguláns, este topónimo é de grande interese xa que pode indicarnos dous significados, ao mesmo tempo semellantes, non dubidamos que Magulán alberga dous términos; Magus e Lan. Lan como vimos significa chaira. Magus pode vir de mag, magus, planicie sagrada o que redundaría no concepto sagrado do lugar, ou de magus, druída,segundo Anne Ross, magus era a miúdo usado como sinónimo de druid en Irlanda no periodo medieval[6], sen dúbida era un préstamo do latín imperial.

O concepto sagrado parece impregnar o significado deste topónimo de sabor arcaico, non hai que esquecer que Magolán pertence a Lema que provén dunha base moi antiga precéltica lim, seguramente emparentada con , "lama, lodo" , mais, se nos fixamos na microtoponímia da zona moi preto de Magulán no val que sobe a Arzúa está o Cando, moi posiblemente da raíz indoeuropea cand- "brillar", e da celta kandos, , branco, brillante, Balboa, na reflexión sobre as aras adicadas a Iuppiter Candiedo, aparecida nun lugar incerto de Galicia, e a de Iuppiter Candamius atopada no porto de Candanedo, situado entre Asturias e León, considera que aluden á claridade dalgunha deidade celeste indíxena daquelas montañas[7].

O que non ofrece dúbidas sobre as pegadas da sociedade castrexa na nosa comarca son os seus castros e os seus topónimos, que nos indican unha sociedade guerreira e arcaica, onde a súa relixión ocuparía o primeiro estamento dunha sociedade comandada polos xefes dos castros e os sacerdotes, druídas ou magus. Grazas á obra de Xulio Cesar A Guerra das Galias ,sabemos que xunto ao coñecido papel relixioso, os druídas eran os educadores da aristocracia guerreira gala, tratábase dunha ensinanza transmitida de maneira oral,que potenciaba a memoria e posuía un carácter secreto e elitista. No próximo artigo trataremos os signos apreciables das divindades celtas destes castros.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com


Bibliografía

BERMEJO BARRERA, J. C. Sociedade e Relixión na Galicia Antiga. Edición Lóstrego, Santiago, 2008.
REVISTA LAROUCO Nº4, Grupo Arqueolóxico Larouco, Bande, Ourense. 2008
SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS. Terra de Melide. Edicios do Castro, Sada, A Coruña, 1978
CALO LOURIDO, FCO. A Plástica da Cultura Castrexa Galego- Portuguesa. Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 1994.
CARIDAD ARIAS, J. Cultos y divinidades de la Galicia prerromana a través de la toponímia. A Coruña, Fundación Pedro Barrie de la Maza, 1999.
ARES GÜIMIL, T. VILA GONZÁLEZ, MªX. Guía de balnearios e fontes de Galicia. Vigo, Ed. Galaxia, 1996.
GONZÁLEZ SOUTELO,S. As augas mineromedicinais en época prerromana e romana na provincia de Pontevedra, X Premio de Investigación 2005 Xesús Ferro Couselo. Concello de Valga, 2005.
CACHEDA VIGIDE, E.A. La religiosidad popular en Galicia. El municipio de Arzúa. Santiago, Concello de Arzúa, 1991.
CARIDAD ARIAS, j. Toponímia céltica de Galicia, Deputación Provincial de Lugo. Lugo, 2006.
BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta, Edicións Lóstrego. Santiago de Compostela, 2007.
ANNE ROSS, Druídas,Editorial Toxosoutos. Noia, 2004.
BRAÑAS ABAD, R. Indíxenas e romanos na Galicia céltica. Santiago de Compostela, Librería Follas Novas,1995.
CONCELLO DE ARZÚA. : Catálogo de patrimonio arqueolóxico e histórico do PXOUM, . 2006. CABEZA QUILES, F. Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado. Vigo, Edicións Xerais de Galicia, S.A., 1992.


[1] Pax. 167 ss BLAZQUEZ, JMª. Diccionario de las religiones prerromanas de Hispania[2] Pax 227 A Galicia Celta[3] Pax. 238 Indíxenas e Romanos na Galicia Céltica[4] Pax. 71 Galicia Celta[5] Pax293 La religiosidad popular en Galicia. El municipio de Arzúa.[6] Pax. 21 Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004[7] Pax. 57 A Galicia Celta

venres, 15 de maio de 2009

Lendas, Fontes e Deuses na Comarca de Arzúa

Capela da Fonte Santa, Arzúa

Ás veces, pasamos centos de veces polo mesmo lugar e non nos decatamos de que, ao carón da casa, temos unha verdadeira xoia da nosa cultura. Lugares sagrados, que foron venerados polos nosos antergos. Algunhas veces, quizais, grazas ás lendas que escoitamos aos nosos maiores, caemos na conta de que, aí ao lado, temos algo que debeu ter unha importancia enorme nos tempos antigos.
O Culto ás Augas: Restos de sílex do Megalítico achados nos arredores dos mananciais indican que xa, nos comezos dos tempos, as fontes eran frecuentadas. Os pobos galaicos prerromanos, as xentes dos castros, practicaban o culto ás augas, nelas crían que habitaban deidades que transmitían os seus poderes ás mesmas e aos lugares onde estas abrollaban, a cultura céltica consideraba as fontes, os ríos, as lagoas e os mares coma vías de comunicación co Máis Alá. No Imperio Romano, a situación periférica de Galicia deu lugar a que a romanización non fora aquí tan profunda como noutras áreas da Península.

O estudio do culto ás augas na época romana permite constatar a pervivencia de cultos indíxenas, dentro dunha cultura mixta indíxena-romana. Galicia é a única zona de toda a península onde se acharon nomes celtas de deuses nas fontes termais. Restos epigráficos en relación con divindades indíxenas, como Bormánico, Edovio, Convertina..., atopáronse en Vizela, Caldas de Reis, ou Guitiriz e, de ninfas, en Caldas de Cuntis, Baños de Molgas e Ourense. No culto ás ninfas romanas mestúrase o culto indíxena co romano. Posiblemente a sacralidade das augas e dos lugares onde abrollan están na orixe remota dalgúns dos balnearios galegos: En Caldas de Cuntis, Aquae Calidae, apareceron unhas 500 moedas romanas e dúas aras dedicadas ás ninfas. As ofrendas de moedas ás ninfas formaban parte do ritual. En Caldas de Reis, Aquae Celenis, atopouse unha ara dedicada a Edovio. En Guitiriz unha inscrición dedicada a Convertina. En Lugo, Lucus Augusti, inscricións dedicadas a dúas deidades acuáticas, Labo Paraliomego e Tudela.

Fonte de Santa Irene a 50 metros da capela

Tralas invasión suevas de Galicia, moitos dos establecementos balnearios foron arrasados. Sen embargo, os escasos datos bibliográficos pemiten deducir que as fontes e baños mineiro-medicinais seguiron usándose ininterrompidamente, aínda que fora dun xeito moi precario.


Capela de Santa Irene
Ata os anos 50 do século pasado, as Augas de Reboredo en Santiso, tiñan moita sona e a xente acudía de noite pecha, acendían fogueiras para ver, quentarse e tomar os baños, mentres establecíanse animadas conversas e organizábanse partidas de cartas e outros xogos. De vello, as augas da Fonte Santa de Lardeiros (O Pino), eran sonadas no entorno para doenza dos ollos, chegando a ter unha pequena capela de advocación a Santa Lucía, hoxe en día desaparecida.
 A Fonte Santa de Santa Irene (O Pino);auga da súa fonte se recollía para as hortas, co fin de acabar coa presenza de pestes que puidesen acabar coas colleitas. Ó parecer, esta mesma santa cura ós nenos dos seus males e tamén ós que choran demasiado, ó pasaren debaixo da súa imaxe na capela. A súa festividad celébrase o 29 de xuño.

Malia que o cristianismo loitou, dende os seus comezos, contra os culto ás augas, esta herdanza cultural pagá amosou unha continuidade impresionante dende o Neolítico ata a actualidade, polo que as ninfas e sereas perviviron na tradición oral galega.

A Igrexa adoptou unha dobre estratexia na súa loita contra esta tradición:

A) Por unha banda a condena sistematicamente. Un exemplo témolo en San Martiño de Dumio , Bispo de Braga, quen no De correctione rusticorum dicía: "numerosos son os diaños que, expulsados do ceo,, presiden o mar, os ríos, as fontes e os bosques, as que os homes ignorantes do Deus verdadeiro lles fan sacrificios....". Esta negación leva algunhas veces a borrar os testemuños do pasado, ver a foto da portada da Fonte Santa de Arzúa.
Na Lenda da Fervenza de Santa Marta (tamén chamada das Hortas), o carácter máxico do carballo impregna a lenda:Unha muller que quedou preñada polo seu mozo nunha noite de muiñada, foi empurrada por este á fervenza, a moza encomendouse a Santa Marta e a póla dun carballo salvouna milagrosamente.

B) Pola outra banda, a adaptación destes cultos ao cristianismo, transformando as fontes e lugares pagáns de culto ás augas en lugares de culto cristián, baixo a advocación da virxe ou dos santos, producindo así un sincretismo entre as crenzas antigas pagás e a relixión cristiá.

Porta da Fonte Santa, Arzúa

Augas minerais da Fonte Santa, Arzúa
Durante a Idade Media estes cultos vanse apagando, ata que no século XVIII aumentou a concorrencia aos balnearios e ás augas minerais, debido sobre todo, ao empuxe que a Ilustración lle da ao estudio da medicina, desta época data a construción da Capela da Fonte Santa (Lema), (arriba foto) o que indica que nesta fonte debéronse realizar ofrendas paganas nos tempos prerromanos. Os romanos, como xa dicimos, asimilarían estes ritos. Conta a tradición que as súas augas curan a depresión, as queimaduras e a inapetencia. Seica ata se pode facer desaparecer penas e tristezas sufridas na vida. Certo é, que en aplicación local, como todas as sulfuradas, están indicadas para a pel e as úlceras crónicas. Contan as lendas que a fonte sécase se alguén pretende facer negocio cobrando pola súa auga ou comete algunha irreverencia diante dela. Tamén se di que deixou de manar cando intentaron roubar na capela. Advocación á Virxe do Rosario é do século XVIII, romaría segundo domingo de outubro.
Cruceiro e Fonte Santa de Arzúa
Son moitas as evidencias que testemuñan a pervivencia no folclore galego dunha serie de ritos, prácticas e lendas, de orixe anterior á chegada do cristianismo no noroeste da península, e que foron, dunha ou outra forma, conservados ata os nosos días. San Martiño de Dumio, na súa obra De Correctione Rusticorum, menciona as prácticas rituais dos campesiños que botaban pan ás fontes, iso mesmo vemos que acontece no caso das Lenda da Fonte Pormá da Castañeda ou a Lenda da Fonte da Quenlla como método de encantalas; "¿Velaquí qué clase de promesa e de profesión de fe tendes en Deus?... Pois acendede velas xunto ás pedras, ás árbores, ás fontes e nas encrucilladas, ¿Qué outra cousa é senón o culto ao diaño?... Derramar gran e viño no lume e botar pan nas fontes...".Como vemos o texto non ten desperdicio fálanos da costume antiquísima de acender velas nas árbores que, hoxe en día, aínda se fai polo Nadal coa árbore de Nadal, a costume de Augas de Reboredo en Santiso, de acender lumieiras nas noites e tomar os baños nos fai pensar nunhas arraigadas tradicións que teñen as súas raizames nestes ritos pagáns prerromanos dos que nos fala Martiño de Dumio. É evidente que na Fonte Santa, debéronse producir este tipo de ritos, o que obrigaría á Igrexa a absorber e cristianizar este lugar coa construción da Capela da Fonte Santa e a recondución dos ritos paganos coa implantación da romaría no outono, no mesmo lugar onde se realizaban os ritos.
O sonado encantamento que converte a moza en serpe do que nos fala a outra lenda de Fonte Pormás ponnos ante un dos símbolos máxicos máis estendidos da antigüidade; o da serpe. A serpe neste caso , é símbolo do infrahumano, do extra-cultural, que só co proceso de integración derivado da superación da proba polo protagonista (cando o consigue) trócase en ente verdadeiramente cultural baixo a forma de muller fermosa. A asociación muller-serpe está testemoniada en Europa dende o Neolítico; o triunfo do heroe varón na proba supón a vitoria contra as forzas do mal e a conseguinte conquista da felicidade nun mundo xa critianizado.


A serpe ata o século XVIII, era a protagonista do día do Corpus na Galicia, foi eliminada pola igrexa, só a Coca de Redondela resistiu, a serpe era unha conductora do Máis Alá, era encargarda de levar as almas ao Paraíso(1).

(1)Pax. 60 San Andrés de Teixido o camiño máxico dos Celtas


BIBLIOGRAFÍA:
VAQUEIRO,V. Guía da Galiza Máxica. Vigo, Editorial Galaxia, S.A.,1998.
GONZÁLEZ SOUTELO,S. As augas mineromedicinais en época prerromana e romana na provincia de Pontevedra, X Premio de Investigación 2005 Xesús Ferro Couselo. Concello de Valga, 2005.
CUBA, X. - REIGOSA, - A. MIRANDA, X. Diccionario dos Seres Míticos Galegos. Vigo, Edicións Xerais, S.A.,1999.
ARES GÜIMIL, T. VILA GONZÁLEZ, MªX. Guía de balnearios e fontes de Galicia. Vigo, Ed. Galaxia, 1996.
CARIDAD ARIAS, J. Cultos y divinidades de la Galicia prerromana a través de la toponímia. A Coruña, Fundación Pedro Barrie de la Maza, 1999.
CABEZA QUILES, F. Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado. Vigo, Edicións Xerais de Galicia, S.A., 1992.
CACHEDA VIGIDE, E.A. La religiosidad popular en Galicia. El municipio de Arzúa. Santiago, Concello de Arzúa, 1991
Publicado por Gonzo en 13:09 0 comentarios




Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com

Gallaecia e Hispania, invencións e mentiras históricas 2


Vén de....

A teoría anti-científica da Reconquista, hoxe en día, está desmontada pola ciencia histórica. Esta invención é creada a partires do século XIX, polos seudo-historiadores españois (sobre todo Modesto Lafuente en 1850).
Mariana e Flórez eclesiásticos ambos, historiadores dos século XVII e XVIII, non utilizan nunca o concepto de Reconquista nas súas historias de España, consideraban as monarquías musulmáns parte desa España historiada.

Pero hai máis, xa Vicceto e Murguía no s. XIX, caen na conta de que non existe o chamado reino de Asturias. As crónicas da época fálannos do Reino de Galicia, a invención dos reinos de Asturias e León están basados en documentos rexios, moitos falsificados, onde os reis asinaban coma reis en Oviedo ou León, sendo normal dende a antigüidade asinar na capital do reino ou imperio. Os emperadores e reis asinan como tales en Roma, Oviedo ou León, mais, toda a humanidade e as crónicas da época son conscientes de que se fala dun Imperio Romano e dun Reino e Imperio de Galicia. As crónicas son ben explícitas:
* O rey Alfonso VI segundo as crónicas anglo-normandas de Guillermo de Malmesbury era denominado como: Aldefonso Gallicae Regie.
* A raíña Urraca era descrita como Totius Gallaetia Domina.
* A Alfonso III, as cronicas árabes coma as galegas e as asturianas chámanlle; Rei de Gallaecia, só din que descendia de Pelayo... non que fora o rei de Asturias.
* O rei Vermudo é: "Vermudus imperator domus in Gallaecia" segundo os navarros.

Os cronistas musulmáns, déixannos claro que cando falan de Hispania, están falándo da zona musulmán, eles chaman Al-Ándalus á península Ibérica. Al-Maccari, nos di que aos musulmáns non lles quedou un lugar sen dominar no Al-Ándalus, se exceptuamos o país de Galicia.

Os gobernantes musulmáns considéranse continuadores do reino visigodo; o Chronicon Moissiacense chámalle ao emir Abderramán (ano 732); Rex Spaniae.

Serán os Reis Católicos (s. XV) os que liquidarán politicamente o Reino de Galicia (con eles xa se pode falar da Coroa de Castela que integra os reinos peninsulares entre estes; Galicia) a dirección política do Reino cae nas mans dunha oligarquía señorial castelán-andaluza. Dende aquí o Reino de Galicia languidece, o cumio político, clero e nobreza (fidalguía) controlarán a Xunta do Reino de Galicia, creada en 1528. Este organismo constituíu a expresión política de Galicia ata 1833, mais carecía de auténtico poder e nin sequera tiña capacidade de deliberación, limitado tan só a unha función de petición.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com


BIBLIOGRAFÍA:
LÓPEZ CARREIRA, A. O reino medieval de Galicia, Ed. A Nosa Terra. Vigo, 2005.
NOGUEIRA ROMÁN, C. A memoria de Nación, Ed. Xerais. Vigo,2001.

Gallaecia e Hispania. Invencións e mentiras históricas 1




A Hispania dos romanos non era ningunha entidade cultural senón un accidente xeográfico - unha península -.
A poboación deste territorio era demasiado diferente entre si para mostrar o máis mínimo sentido de unidade; e menos para telo como tal por un estranxeiro.Durante este período a única vez que se usou a palabra hispania como organización administrativa foi coa creación da dioceses de hispania (dependente da Galia) no ano 305, isto explícase porqué as dioceses eran organizacións que por razóns de eficiencia comprendían extensos territorios, no caso da dioceses de hispania esta estendíase tamén polo norte de África abarcando a Tingitania (Marrocos), sen que houbese a máis mínima relación entre os pobos que a formaban.


Os visigodos saquean Roma no ano 410, asentándose máis tarde en Narbona, Bordeos e Toulouse (a Tolosa aquitana) no 415, concertando un foedus (pacto) co Imperio Romano no 418 para traspasar os Pirineos, instaurando o reino visigodo con capital en Toulouse (Aquitania francesa). É a partir do ano 585 cando establecen a capital en Toledo na península Ibérica, coincidindo coa vitoria do rei visigodo Leovixildo sobre Andeca, rei suevo de Galliciae.


A Gallaecia, pola contra, era unha provincia romana ( Diocleciano, ano 305 - 311) cunha administración organizada en base ás tres divisións territoriais (século I d. C.); Os Conventus Lucense (capital Lugo), Bracarense (capital Braga) e Asturiense (capital Astorga). En cada un deles centralízase a recadación fiscal e a xestión económica e financieira, a administración de xustiza, os cultos relixiosos oficiais, o control militar, etc..


Gallaecia tiña unha definición xeográfica -dende Cantabria ata o río Douro límite coa Lusitania- (Nota:ver o primeiro mapa neste blog), e, ademais, unha organización das comunidades castrexas única no mundo romano; os populus (pobo) serán a base da organización territorial da Gallaecia, mais, estes estaban integrados por unha serie de sub-comunidades (os castellum, castros). Os castrexos identifícanse primeiro co populus e logo o símbolo ] (que significa castro) seguido do nome do castro. Un suposto práctico de exemplo: Maro Camali de Coporo ) Pantiñobre.

Esta base administrativa, cultural e xeográfica chamada Gallaecia será a que invadan os suevos e constitúan nela o Primeiro Reino de Europa, o "Galliciense Regnum", segundo Gregorio de Tours (539-594).Segundo San Isidoro de Sevilla (nada sospeitoso de ser nacionalista galego, viviu no século VI e está enterrado en León), o Regnum Sueborum durou exactamente 167 anos o seu inicio foi no 408. O Reino hispánico dos visigodos, dura escasamente 90 anos, sen unha base territorial fixa, (parte da Baetica, Lusitania e Cartaxinense, pertence ao Imperio Romano de Bizancio, desde o reinado do emperador Xustiniano no 551, expulsados polo rei godo Suíntila, 621-631), e dende logo sen unidade cultural ningunha, nada teñen que ver os pobos da Galia cos da Baetica, por exemplo.

En base a isto, ¿como se pode crer que en 90 anos (unha xeración), un reino de individuos estranxeiros, sen cohesión cultural coa masa humana que rexen, vaia a crear unha conciencia de país que fomente a idea de reconquista durante 800 anos?. Aquí comeza a gran mentira da historiografía española e a súa invención de España.
Continúa...

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com

xoves, 14 de maio de 2009

Os maios, a lingua


Maio ven de Maia (nai de Mercurio), a deusa romana da fertilidade, a castidade e a saúde, o seu templo estaba decorado con flores e plantas.
O 1º de maio conmemórase, tamén, a Festa de Beltene o Beltaine ou Cétshamain é a segunda das catro grandes festividades celtas. Marca o comezo do verán para os celtas. Prendíanse fogueiras na noite anterior e purificábase o gando facéndoo pasar entre elas, pola mañá bebíase das fontes antes dos primeiros raios de sol, adornábanse con flores e bailaban ao redor da árbore sagrada. Estes ritos que se perden no fondo dos tempos, chegan á nosa cultura cun pouso ancestral significativo.
Na Galicia, para preservarnos do olor do mal, colocamos pólas de xesta en flor nas portas das casas, nas cancelas, agora, nos tractores, nos coches. Festexamos a entrada do agomar da natureza cos Maios; árbores de xestas, plantas, flores e ovos, que son signos do renacer da natureza nas plantas e nos animais. Os mozos cantan coplas satíricas.
En zonas eran mozos ou mozas cubertos de ramallos e flores. Ver: http://www.galespa.com.ar/festas_maios.htm
A festa do Maio foi revestida no século VI dun contido cristián asimilando a árbore ao madeiro da Cruz[1]. De aí que moitas veces os Maios leven cruces. Coma nas demais festas cristiáns na véspera da Santa Crus prodúcese o ataque do Mal, por iso pídese á Santa Crus de Baiobre (Branzá, Arzúa), o 3 de maio, pola protección dos animais e das colleitas do campo.
Mais, tamén, na nosa terra, o 17 de maio, festexamos o renacer da lingua o ano 1863 coa publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Por riba de pronunciamentos institucionais e políticos, máis ou menos acertados, a nosa lingua é o noso instrumento de comunicación, de identidade. É unha riqueza universal que a mesma Unión Europea róganos que conservemos e defendamos. É a lingua dos nosos antepasados, a orixe do brasileiro , do portugués. Temos a sorte de poder comunicarnos cos pobos latinos, doadamente, grazas á nosa fala.
O 17 de maio en Santiago digamos alto e forte que a nosa riqueza é nosa e da Humanidade. Mil primaveras máis para a nosa lingua.
Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com
[1] Pax. 482. Mariño Ferro, X.R. Antropoloxía de Galicia. Edicións Xerais.

luns, 11 de maio de 2009

Sexamos libres coa cultura e a información.


É curioso, logo de anos, dáste de conta de que o que estudaches nesas escolas tan ríxidas e académica, ocultaban a existencia do primeiro reino cristián da Idade Media o Reino Suevo de Galicia. Un reino que se creou sobre a base territorial da provincia romana da Gallaecia. Aquela Gallaecia que no século IV d.C., o labor pastoral de Prisciliano, (un dos primeiros mártires, executado pola Igrexa Católica) colocouna no centro do debate mundial da nova fe.
Hoxe, temos moitos datos históricos que avalan a certeza de que Galicia era un gran país respectado por francos, visigodos, musulmáns..., precisamente os cronistas musulmáns referíanse a Jalikiah ou Chaliquia (Galicia) para falar do territorio cristián, ben avanzada a Idade Media. Por arte de maxia, os historiadores españois traducíano coma reino de León (1). Tamén por arte de maxia, o que os historiadores romanos nomeaban como galaicos os lumbreras traducíano coma cántabros, en fin, durante anos ocultaron a nosa historia.
Sobre o nome da nosa casa; Gonzo, non alude a ningunha acepción do idioma castelán, o noso gonzo refírese a ese aparello, que xa utilizaban os nosos castrexos, e que fai que as portas abran. Esa é a nosa razón de ser.
A nosa cultura e por suposto a nosa historia é a gran descoñecida no noso país, somos o que somos porque, ata eiquí, pasamos por un sen fin de avatares.
Este blog quere ser un gonzo que abra a porta desa historia que tivemos oculta tantos anos (tempo hai que os historiadores estranxeiros nola mostraban diferente á española), esa porta sen fechaduras que pertence ao pobo galego.
Eiquí, nestas páxinas imos a falar da historia das Terras do Ulla e por extensión de Galicia.Tamén de cultura, ecoloxía, diversión, turismo, e unha migha de cousas da vida como dicía Castelao.
Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com
(1) Pax. 221. O reino medieval de Galicia. Anselmo López Carreira