xoves, 3 de decembro de 2009

Bran, Lug, deuses celtas 6. A Encrucillada, a nosa porta do Alén.

Cruceiro de San Roque, Melide
O culto dos camiños xa se esvaeu na memoria das xentes, pero é posíbel que en ningunha banda do mundo garden as encrucilladas un arume de misterio tan punxente como na nosa terra e nos demais países celtas. As remanencias do culto vial teñen, de seguro, un orixe autóctono, aínda que os nosos deuses morreran asoballados polos números romanos. As calzadas militares de Roma enguliron a vida dos camiños galegos e por eles entrou a morte con roupaxes diferentes.


Castelao. As Cruces de Pedra na Galiza .

Na Gallaecia serán os Lares Viales deuses romanos, ou os gregos Hermes e Hécate os deuses dos camiños que ocuparán o lugar dos prerromanos Bran e Lug. Coma deuses dos camiños aparecen ou invócase a súa presenza, sobre todo, nas encrucilladas. En relación aos gregos, hai que recordar que a toponimia das comarcas do interior galego e vestixios arqueolóxicos certifican a presenza de lexionarios gregos nas lexións romanas da época augusta (sobre todo a Legio IIII Macedónica, pero tamén na Legio X Gemina).

Ara aos Lares Viales de Castrofeito, O Pino
As encrucilladas son eses cruces de camiños tan necesarios na nosa cultura. Na noite de San Xoán e na noite de San Silvestre as meigas e bruxas andan polas encrucilladas facendo mal á xente, por iso débense facer fogueiras, foleóns, ou cacharelas para espantalas (a elas e ao demo)[1]. Nas encrucilladas as sabias quitan o mal do aire aos vivos, mais, tamén nas encrucilladas as ánimas do mortos poden ruar. Nas encrucilladas aparece a Compaña ou Acompañamento. É na encrucillada onde se enterraban os nenos sen bautizar. É pois, a encrucillada a porta do Outro Mundo.
A encrucillada ten tres funcións fundamentais, segundo Taboada Chivite[2]:

A) Característica Funeraria:É na encrucillada onde se enterraban os nenos sen bautizar, non se consideraban ben integrados no mundo dos mortos debido a falta de bautismo. A encrucillada é o punto no que converxen as almas dos defuntos que non están de forma plena integradas, nin positiva nin negativamente no mundo dos mortos[3].
Á encrucillada acoden as almas do Purgatorio que forman o Acompañamento ou A Compaña (que nunca foi santa). Con estas procesión vai un vivo portando a cruz, que pena, sofre e desfalece mentres non na dea colocado a outro vivo. Mais pódese evitar este sufrimento agarrándose á cruz do cruceiro.
A igrexa católica inzou de cruceiros as encrucilladas. Que se saiba, dende o século XII os cruceiros eran de madeira, logo a partires do século XIV de pedra ( o cruceiro de Melide do S. XIV é considerado o máis antigo de Galicia). Tiñan unha función positiva e integradora, nos enterros colócase o féretro no pousadoiro do cruceiro e alí se reza un responso, ás veces as choronas reparten pan e viño tras a cerimonia. Máis tarde, os petos das ánimas e os esmoleiros[4] encargáronse de recadar un fondo material para a salvación dos penados no purgatorio.
A encrucillada e o cruceiro serven de medio de comunicación das almas en pena e permiten concederlles sufraxio para que encontren descanso definitivo, é a mesma función que facía Hermes, os Lares Viales e os deuses célticos Bran e Lug.

B) Función Demoníaca:A encrucillada é un punto de unión sexual das bruxas co demo. O deus Hermes practica unha sexualidade ilegal, furtiva, unha práctica para igrexa católica demoniaca. Na encrucillada practícase o bautismo prenatal para evitar que o espírito maligno provoque o aborto entrando coma insecto no ventre da nai[5]. Nela se curan enfermidades como o arangaño, angaraño e tangaraño (flegmas, raquitismo) que atacan especialmente aos nenos, a encrucillada favorece o crecemento e a saúde dos nenos e esta é tamén unha das funcións dos deus Hermes. Este deus dos camiños sería logo coa relixión cristiá o Demo.

C) Función Máxico-feiticeira:
Xa Estrabón no s. I fálanos de que os castrexos deixaban aos enfermos nas encrucilladas para curarlles a enfermidade. Na encrucillada cúrase o aire do gato, o abantuxo ou o mal do aire desatando cun coitela unha corda posta nas mans e pés do neno. O simbolismo do lazo atópase plenamente desenvolvido na mitoloxía indoeuropea, ao igual que na grega[6]. Tamén se cura na encrucillada o mal de ollo[7].
Mais, na encrucillada as meigas e bruxas entran en contacto co Demo. Para protexerse destas bruxas acéndense lumes nas encrucilladas, sobre todo as noites de San Xoan e San Silvestre.
A encrucillada é, tamén, o punto de integración e separación dos membros dun grupo social. Nela realízanse os recibimentos colectivos de emigrantes, por exemplo, e as despedidas dos que parten. O paralelismo cos deus dos camiños, o grego Hermes e os célticos Bran e Lug é evidente.

O culto aos deuses dos camiños espállase polo mundo antigo. Os gregos coa deusa Hécate e o deus Hermes, os etruscos, sabinos e romanos cos Lares Praestites (gardiáns) ou Lares Compitales (de compita, encrucillada). O Mercurio galo e a deusa Diana (representada con tres caras, a súa estatua figuraba nas encrucilladas) tamén teñen relación cos cultos viarios.
O culto aos Lares Viales na Gallaecia romana terá un carácter popular, será unha das razóns da gran duración da que gozará ao longo de todo o Imperio, e traerá como consecuencia o seu enfrontamento coa relixión cristiá[8].
De 44 aras adicadas aos Lares Viales no Imperio Romano, 35 atópanse na Gallaecia (80 %). Delas, 18 no convento lucense[9].
Dende a prehistoria diferentes pobos que veñen do Abrente achéganse a estas terras atlánticas. Fundamentalmente pobos indoeuropeos coma os escitas (a súa etnografía deixou pegadas moi semellantes á cultura castrexa) e pobos mediterraneos coma os púnicos, gregos e romanos. Estes pobos, -cos célticos que sen dúbida serán os predominantes na cultura castrexa- achegarán os seus deuses dos camiños á nosa terra. Virán seguindo o Camiño do Solpor, que ademais da atracción material do estaño e ouro, veñen na procura do Atlántico onde se deita o deus solar (o Mitra persa, o Ianus romano, o Lug celta, o Sol Invictus tardoromano…) ; o Mar dos Mortos dos celtas, o Mar Tenebroso dos púnicos, fenicios e árabes, o Dutika Mere (Rexión da Morte) dos gregos[10].
Bermejo na súa obra Sociedade e Relixión na Galicia Antiga adica un capítulo ao Deuses dos camiños[11], incide sobre todo nos Lares romanos e nos deuses gregos.
A deusa grega Hécate en época tardía helenística adquirirá todos os caracteres negativos que a relacionan coa maxia, co can e coas almas dos defuntos, é a protectora da porta e dos mortos, das desgrazas, a señora das magas e unha deusa das mulleres é representada con tres cabezas, unha imaxe semellante ao deus Hermes, o deus dos mortos que aparece con tres ou catro cabezas. Isto débese a unha necesidade funcional, a de protexer tódolos lados dunha encrucillada. Son tarefas moi semellantes ás das nosas bruxas, sabias e meigas. Hécate nas noites de plenilunio xurdía nas encrucilladas con fantasmagórica apariencia, rodeada dun cortexo de almas desasosegadas, cuia paz alcanzaban con ofrendas purificadoras,..[12] . Cousa ben parecida á nosa Compaña.
Hermes de catro caras de Pontedeume
Hermes será para Bermejo o deus que máis se acae á imaxe que nos amosa a antropoloxía cultural e social galega. Taboada Chivite uns anos antes apunta na mesma dirección; Hermes, como Hécate, sacralizaba camiños, onde sobre montóns de pedra, igual que os amilladoiros da nosa terra (hoxe perduran os de San Andrés de Teixido), que se asimilaron aos cairns irlandeses, elévanse columnas que señalizaban a ruta e nas encrucilladas un Hermes tetracéfalo presidía o lugar[13].
A pedra con esvástica solar radiada e tres cabezas nos laterais de San Andrés de Teixido dos séculos III ao VI, segundo López Loureiro[14]parece claramente unha pía ritual. Xa Fraguas Fraguas suxire que: Podería ser o punto de partida para novas investigacións sobre o culto ó sol, que no mesmo lugar foi cristianizado moi axiña, antigüidade que apoia o culto a San Andrés e as crenzas tan relacionadas co culto ós mortos.
Outro exemplo é o considerado Hermes cuadriface de Pontedeume (na foto da dereita).
Son dous exemplos de deidades célticas (non hai que esquecer que pisamos territorio céltico), gregas ou romanas, que evidentemente tiñan un fervor popular ou sexa castrexo importante, so hai que observar a devoción que se lle profesa ao San André de Teixido, tanto polos cidadans cristiáns coma polos profanos, con máis devotos nas nosas comarcas que o Santiago Apostol, quizais por que as galegas e galegos sempre peregrinamos cara o mar onde se deita o Sol, ao Mar dos Mortos.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com

Bibliografía:

· LÓPEZ LOUREIRO, R. Samaín: A Festa das Caliveras. Ir Indo Edicións, Vigo, 2003.
· DUBERT. I. Cultura popular e imaxinario social en Galicia. USC. Publicacións, Santiago, 2007
· BERMEJO BARRERA, J. C. Sociedade e Relixión na Galicia Antiga. Edición Lóstrego, Santiago, 2008.
· QUINTÁS SUÁREZ, M. O Outro Mundo na cultura popular galega. Tres Ctres Editores, Sta Comba, 2006
· LISÓN TOLOSANA, C. Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia. Akal Editor, Madrid, 1983.
· LISÓN TOLOSANA, C. De la estación del amor al diálogo con la muerte, Ediciones Akal, Madrid, 2008.
· CARIDAD ARIAS, J. Cultos y divinidades de la Galicia prerromana a través de la toponímia. A Coruña, Fundación Pedro Barrie de la Maza, 1999.
· BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta, Edicións Lóstrego. Santiago de Compostela, 2007.
· ANNE ROSS. Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004.
· VITOR VAQUEIRO. Guía da Galiza Máxica, Editorial Galaxia. Vigo, 1998.
· CUBA,X. REIGOSA, A. MIRANDA, X. Diccionario dos Seres Míticos Galegos, Edicións Xerais. Vigo, 1999.
· RODRÍGUEZ CASTELAO, A. As Cruces de Pedra na Galiza, Editorial Galaxia, Vigo, 1950.
· TABOADA CHIVITE, J. La encrucijada en el folklore de Galicia. Boletín Auriense. T. 5. Ourense, 1975.
· ARMADA PITA, X.L. MARTIN SECO, M. Nueva inscripción a los Lares Viales. Revista Gallaecia nº 24. Santiago, 2005.
· RAFAEL LEMA. El camino secreto de Santiago. La ruta pagana de los muertos, Editorial EDAF, Madrid, 2007.

[1] Pax. 53-58 Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia
[2] Pax.101 e ss. La encrucijada en el folklore de Galicia. Boletín Auriense. T. 5. 1975. Taboada Chivite. J.
[3] Pax. 187-188 Sociedade e relixión na Galicia antiga. Bermejo Barrera J.C
[4] Esmoleiros, petos e cruceiros de ánimas de Lugo. Fernández de la Cigoña e Núñez. E, AGCE. Vigo, 2002.
[5] Pax. 107 La encrucijada en el folklore de Galicia. Boletín Auriense. T. 5. 1975. Taboada Chivite. J.
[6] Pax. 190. Sociedade e relixión na Galicia antiga. Bermejo Barrera J.C
[7] Pax. 110-111. La encrucijada en el folklore de Galicia. Boletín Auriense. T. 5. 1975. Taboada Chivite. J.
[8] Pax. 168 Sociedade e relixión na Galicia antiga. Bermejo Barrera J.C:
[9] Pax. 133 Nueva inscripción a los Lares Viales.. Armada Pita, X.L. Martín Seco, M. Revista Gallaecia nº 24. 2005
[10] Pax 38 El camino secreto de Santiago. Rafael Lema
[11] Pax. 157 e ss. Sociedade e relixión na Galicia antiga. Bermejo Barrera J.C:
[12] Pax, 102 La encrucijada en el folklore de Galicia. Boletín Auriense. T. 5. 1975. Taboada Chivite. J.
[13] Pax. 102 La encrucijada en el folklore de Galicia. Boletín Auriense. T. 5. 1975.
[14] Pax. 92 Samain. A festa das caliveras. López Loureiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario