xoves, 23 de xullo de 2009

Lexionarios galaicos e minería de estaño nas comarcas do Ulla e 2


Vén de....
Ata o ano 69 d.C.?, que se fai cargo do control militar do noroeste a Legio VII Gemina, (con base en León) as operacións militares de conquista e os recrutamentos forzosos na futura Gallaecia, van ser realizadas polas seguintes lexións imperiais:

* Legio X Gemina, o seu campamento vai dar lugar á cidade de Asturia (Astorga) que será a base operativa desta lexión, encargaríase das levas e explotación das minas de ouro da zona ástur e lucense.

* Legio VI Victrix con base en Bracara (Braga). O Legado Imperial da Lusitania (dende o 27 a.C. engloba, tamén á Gallaecia e á Asturia), Publio Carisio dende o Bierzo penetrou na Galicia interior no verán do 25 a.C.[1] para esmagar a resistencia galaica, en Lugo acuñou a sonada moeda co reverso das armas lusitano-galaicas coma a caetra ou escudo circular( 25-23 a.C.)[2], mais o territorio galaico no 22 a.C. aínda estaba sen someter ao poder romano.

*Legio IIII Macedónica que con Marcus Vipsanio Agrippa ao mando dende o 19 a.C. (ano da pacificación dos cántabros) ao 17 a.C., poida que visitara con algunha cohorte o campamento de Lucus Augusti -a cidade fundarase, precisamente no 19 a.C.-[3], O establecemento do campamento parece datar do 25 a.C.

Nas tarefas de conquista, planeamento e construción da VIA XIX, Agripa e o grupo de xeógrafos e urbanistas que o acompañan nas súas campañas militares precisarán de tempo para, ademais de completar o sonado Mapa Xeral do Imperio (Orbis Terrarum), realizar o famoso Censo dos Populi (Orbis Pictus) da futura Gallaecia. Poida que mentres, diferentes cohortes desta lexión, poñan en marcha os recrutamentos forzosos e a explotación das minas de estaño da comarcas de Arzúa e Deza.

A gran parte dos corpos de tropas auxiliares da península foron creados en tempos dos emperadores Augusto e Tiberio, inmediatamente despois da conquista, algunhas puideron formarse en época flavia, ata o século I d.C. como máximo. Enrolar no exército romano aos elementos máis novos dos grupos tribais asentados no territorio galaico, serviría para debilitar a capacidade de rebelión destas poboacións[4]. A participación de elementos galaicos no exército romano foi cualificada case de masiva segundo algúns autores contemporáneos[5].

Un dos lexionarios de Lucus Augusti ou do populi coporo era Lucio Valerio Galeno, segundo unha inscripción de tipo funerario descuberta en Sopiste ,Mesia (provincia romana correspondente as actuais Bulgaria e Servia). Así reza a inscripción; Lucio Valerio Galeno, fillo de Lucio, de la tribu Galeria, natural de Lucus Augusti, veterano da Lexión IV Macedónica, que viviu 55 anos e militou durante 28, aquí está enterrado.....
Segundo Santos Yanguas, este lexionario veterano estaría asentado en Mesía, (é moi posible que a nosa veciña Mesía proveña da Mesía búlgara, varias cohortes lucenses establecéronse nesa provincia romana) a comezos do imperio de Vespasiano (67-79 d.C.). Se militou 28 anos tivo que ser recrutado sobre os 39-40 d.C., xa que a IIII Macedónica está instalada na Germania no ano 43 d. C., é lóxico pensar que algunha cohorte desta lexión estivo en Lucus Augusti ou no territorio coporo nos anos 39-40, o que certificaría a nosa hipótese de que algunha cohorte da IV Macedónica estaba establecida na nosa comarca, ata podería darse o caso de que este lexionario fora arzuán, as inscricións reflectían na maioría dos casos, só a orixe de recrutamento administrativo. Non hai que esquecer, tampouco, que as lexións romanas, en moitos casos, deixaban varias cohortes nun zona estratéxica mentres o groso da lexión trasladábase a outro lugar, polo que é posible que a IV Macedónica tivese a base en Segisamo (Burgos) e, ao mesmo tempo, unha ou varias cohortes, estivesen controlando a VIA XIX e a explotación de estaño da Galicia interior.

Epigrafía votiva romana. Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña

Outro lexionario galaico de nome Caius Valerius Carus
, pertencente á Legio X Gemina, aparece documentado nunha ara votiva dedicada á deusa Navia en San Román dos Ancares datada nos comezos do século I d.C. indica o control desa zona mineira de ouro por parte da Legio X Gemina.

Noutra dedicación atopada nas proximidades de León dun oficial lexionario da Legio VII Gémina de nome Quinto Cornelio Anteros, Santos Yanguas, considera que o cognomen de orixe grego é posiblemente da zona de Santiago de Compostela, en Arzúa temos o grego; Antimenes ou Antemio ver proximamente; Vilantime a villae dun grego neste blog.


Entre as 6 cohortes lucenses chámanos a atención a Cohorte I pia fiel dos Lucenses Hispanos, da que temos noticias polo epitafio fechado nos 60 d.C. adicado a; Reburrus, fillo de Coroturetis, soldado da Cohorte I do lucenses hispanos, de 53 anos, con 24 de servicio, aquí está enterrado, ..., o nomes Reburrus , Reburrinus son orixinarios do noroeste peninsular, maioritariamente, do convento lucense[6], a etimoloxía do noso Burres, parece traer este camiño.

Outros nomes de lexionarios galaicos serían; Audamionio, fillo de Audamio, Flavo fillo de Bouto, , Ogrigeno, fillo de Pintilo, Meduto, fillo de Caturón, Vegetus, fillo de Reburrus, etc..

A partir dos anos 80 d.C. quedarían establecidas en Galicia a Cohors III Lucensium[7], integrada na Legio VII Gemina, encargada das minas de ouro de Lugo e Ourense, e é posible, que controlando a VIA Nova XVIII, estivera, segundo Rodríguez Colmenero, o Ala I dos Gigurros con acuartelamento no campamento de Aquis Querquennis (Bande).

A Cohors I Celtiberorum da Lexión VII Gemina, procedente de Mauritania, estacionada en Cidadela (Sobrado dos Monxes) sería a encargada do control da nosa zona, dende o S.II ao IV d.c.,.

Das 6 cohortes lucenses, só a Cohorte III dos Lucenses quedou estacionada en Galicia o resto recorreron miles de kilómetros dende a súa terra; Cohorte I dos Lucenses a Alemania, Cohorte I de cabalería dos Lucenses a Dalmacia, Siria e Macedonia, Cohorte II dos Lucenses a Mesía Inferior e Tracia, Cohorte IV dos Lucenses a Pannonia? (Hungría), Mesía? e Siria, Cohorte V dos Galaicos Lucenses a Pannonia e Mesía Superior.

Destes lexionarios galaicos moitos ficarían no lugar onde remataron o seu servicio militar e conseguiron a cidadanía romana, outros voltarían enriquecidos e espallarían a cultura romana polo seu entorno autóctono. Recordemos que, como vimos na entrada anterior, se estima que foron 20.000 os galaicos enrolados nas lexións galegas. Unha parte importante da romanización da Gallaecia rural foi, grazas a eles.

Non cabe dúbida ningunha, que a primeira gran onda migratoria forzada dos galegos comezou co Imperio Romano coincidindo coa explotación dos nosos recursos naturais, oxalá non se volva a repetir Nunca Máis.


Autor: Celso Alberte Magariños Costas. celsomagarinhos@gmail.com


BibliografíaSANTOS YANGUAS, N. : El ejército y la romanización de Galicia. Oviedo, Universidad de Oviedo, 1988.
CAAMAÑO GESTO, J.M.: Os campamentos romanos. Galicia Historia Tomo I, A Coruña, Eds. Hércules, 1991.
ARIAS VILAS, F. A romanización de Galicia. Vigo, Eds. A Nosa Terra, 1992.
GARCÍA QUINTELA, M.V.- SANTOS ESTÉVEZ, M. Santuarios de la Galicia céltica. Madrid, Abada Editores, S.L., 2008.
GOLDSWORTHY, A. : El ejército romano, Ediciones Akal, S.A., Madrid,2005.
[1] Pax. 38 El ejército y la romanización de Galicia. Oviedo, Universidad de Oviedo, 1988[2] Pax. 57 A romanización de Galicia. Vigo, Eds. A Nosa Terra, 1992[3] Pax. 99 Santuarios de la Galicia céltica. Madrid, Abada Editores, S.L., 2008[4] Pax. 251 El ejército y la romanización de Galicia. Oviedo, Universidad de Oviedo, 1988[5] Pax. 250 El ejército y la romanización de Galicia. Oviedo, Universidad de Oviedo, 1988[6] Pax 123, El ejército y la romanización de Galicia. Oviedo, Universidad de Oviedo, 1988[7] http://www.cohorsiiilucensium.es/

Ningún comentario:

Publicar un comentario