domingo, 19 de xullo de 2009

Lexionarios castrexos e minería de estaño nas comarcas do Ulla. 1


O estaño na nosa terra sería explotado dende a antigüidade, nun primeiro intre , como vimos no anterior artigo, a través dos afloramentos do metal . Os lingotes de estaño fundidos serían de varias castes, segundo fora para a exportación, con aneis , ou redondos coma moas de muíño e en barras para mercado local.
Este comercio metalúrxico sería coñecido polos comerciantes tartessos dende o 1200 a.C. (aparecen os primeiros lingotes coa forma de hachas planas de bronce sobre o 2000 a.C.) que virían ás nosas costas pola ruta que, logo, controlarían os mercadores fenicios sobre o 700 a.C., deste período, que coincide cos comezos da Época Castrexa, temos gran cantidade de hachas de talón con anel (156 hachas do Tesouro de Samieira)[1], o que para moitos sería o medio de transmisión do bronce. A ruta do estaño, bronce e ouro deste período sería a ruta do río Ulla, dende a ría de Arousa ata o Deza.

Coa conquista romana, I a.C., comeza a explotación masificada das minas de estaño en Galicia, esta minería busca a casiterita seguindo o filón do mineral entre as duras masas de granito, creando os característicos túneles das minas de estaño romanas.

As tropas romanas tiñan entre os seus efectivos, o persoal técnico adecuado para a posta en marcha dunha explotación mineira, como vimos neste blog, a Legio IV Macedónica era unha das máis eficaces nestas infraestruturas, mais para a posta en marcha dunha explotación mineira; traballo de extracción, lavado de mineral, fundición (fornos de beneficio e fusión), e porte dos lingotes de estaño, requírese moita man de obra....

Seguindo os textos ilustrados da De re metallica de Georgius Agricola (o texto completo sobre metalurxia máis antigo de Europa),[2] cada mina sería explotada por, aproximadamente, trinta operarios, o tempo de extracción, loxicamente, imporíao a magnitude do filón, no caso de que as 14 minas arzuás estiveran funcionando á vez, teriamos sobre 420 escravos traballando nas minas arzuás, sumando aparte, a dirección de obra lexionaria e o persoal de servicio. Esta man de obra escrava é recrutada á forza entre a poboación castrexa da zona, os castros de Vilantime, A Roda Do Castro (Pela), Castro de Soutullo (Pantiñobre), Maroxo, A Torre (Dombodán), Castro da Pastoriza a Vella (Lema), e os Castro do Monte do Castro, Castro de Baiobre e Castro de Branzá na parroquia de Branzá, serían os máis castigados polas levas dos lexionarios romanos.

Estes recrutamentos aparte de poñer en marcha as minas, axudan a termar dunha poboación indíxena hostil nun primeiro momento. As revoltas dos galaicos do interior no ano 16 a. C. das que nos fala Dion Casio, ben se puideron dar nas terras regadas polos ríos Ulla, Deza, Arnego...
Espada de antenas. Museo Castro Tegra
Os habitantes das nosas comarcas, levaban séculos comerciando con xentes de tódalas partes; tartesos, fenicios dende o Mediterráneo, mais tamén co norte europeo; as diademas, colares e pulseiras de ouro atopadas en Melide e Agolada, así como, os brazaletes abertos e macizos descubertos en Lalín, nos indican unha relación dende a Idade de Bronce coa Bretaña, Escocia, Irlanda e Gales.

A minería da casiterita, pois, tivo que crear un certo nivel económico nesta zona, uns recrutamentos masivos para a explotación mineira da zona debeu ter a súa resposta violenta. Os hidrónimos; Pela e Ysso amosan uns nomes relacionados coa guerra de conquista do emperador Augusto, é máis que probable que os enfrontamentos bélicos entre exército romano e coporos nas comarcas do interior deberon ter a súa sona a oídos de Dión Casio.

Retornando aos recrutamentos forzosos, hoxe sabemos que cerca de 20.000 indíxenas galaicos foron recrutados para participar nos exércitos romanos da época imperial, dunha poboación que segundo Plinio o Vello, rondaría os 450.000 (166.000 no convento lucense e 285.000 no bracarense)[3].

Estes 20.000 galaicos foron recrutados nos chamados corpos auxiliares (auxilia) das lexións romanas, estes auxilia podían ser cohortes; compostas sobre 500-600 homes, e alas; sobre 1000 homes.

Temos coñecemento, aló menos, de 6 cohortes de lucenses, 10 cohortes de bracarenses, unha cohorte de lemavos, un ala de lemavos e un ala de gigurros, así como, varias unidades de auxilia mixtas astures e galaicos.

As 6 cohortes do convento lucense aportarían sobre 3500 homes, o que representaría (segundo Plinio O Vello) o 2% da poboación do convento (hoxe en día, en proporción, representaría toda a poboación da cidade de Pontevedra).
Non temos datos das mulleres indíxenas escravizadas, por lóxica non serían poucas.
Moitos deses 3500 homes, serían orixinarios da comarca arzuá, o populi coporo, ao que pertence, tamén, Lucus Augusti, era o máis numeroso do convento. Os castrexos recrutados polas lexións eran levados ao centro administrativo e operativo do exército, nestes primeiros anos da conquista no campamento de Lucus Augusti, eiquí comezaba unha nova vida, case sempre, moi lonxe da terra. Continúa...

Ata sempre e bo proveito. AUTOR: Celso Alberte Magariños Costas

Ningún comentario:

Publicar un comentario