martes, 30 de xuño de 2009

A Conquista romana na comarca de Arzúa 1. O Pella, o Ysso

                                                        Roda do Castro, Pela, Vilantime (Arzúa)

Aló polo ano 2001, durante o proceso de fundación da Asociación Ánxel Casal de Arzúa, unha das nosas arelas foi tomar contacto coa familia de Ánxel Casal en Pela, Vilantime (Arzúa) e expoñérllelos obxectivos da asociación que acababa de nacer. Alí, en Pela, detiveron as hordas fascistas no ano 36 a Ánxel Casal, impresor, editor e último alcalde galeguista de Compostela.
O nome da aldea Pela, sen o artigo, chamou a nosa atención, non tiñamos constancia de que existira ningún topónimo semellante en Galicia e norte de Portugal. Hai pouco nun proceso de investigación sobre camiños medievais atopamos de novo o topónimo de Pela na laboriosa obra de Elisa Ferreira Priegue; Los caminos medievales de Galicia (Ourense, 1988), no capítulo; Los caminos de Santiago a Arzúa, describindo o camiño medieval de Boente a Ponte Arcediago un manuscrito (tombo Lugo,30) fálanos dunha demarcación de Afonso III no ano 897: "per aqua de Pella (río Boente)...", tamén nun manuscrito de 1279 do mosteiro de Sobrado dos Monxes descríbenos parte do camiño que saíndo das proximidades da actual Arzúa pasaría por Lema, Maroxo, Pela e cruza o río Pella (Boente) ata Sardecoiro; "Ad Arenasalbas et pegit usque as aquam de Pella.....per illa via de Marogio, et venit ad aquam de Pela". máis adiante fálasenos da división entre Pela e Montelongo "est sub illa via que vadit de Pela ad Courium".

O máis importante destas descricións en latín, (aparte de descartar que Pela se refira a peladura ou tona xa que esta acepción procede de termo latino pelle, ou da outra acepción de penla, pela do lat. pilla) é o antigo nome do río Boente que, curiosamente, era Pella ou sexa Pela, que un río reciba o nome dun lugar, ou viceversa, ten que ver coa antigüidade da aldea e da importancia que tivo que ter dita aldea no seu entorno. Este antigo camiño en Maroxo xiraba cara Pela e cruzaba o Pella rematando en Sardecoiro (lugar de producción de coiro como indica o seu nome).

Estes camiños medievais, na maioría dos casos, teñen o seu agromo en camiños secundarios romanos que a súa vez foron camiños prerromanos de comunicación entre castros.

Retomando o noso estudio sobre Pela, a antiga Pella pode ter a súa orixe na conquista romana da Gallaecia.

Descartadas as linguas románicas para atopar a súa etimoloxía, buscamos Pella, pois, na antiga lingua latina; Pella-ae: Cidade de Macedonia (Grecia) - Pellaeus-a-um: de Pella; macedonio // de Alexandría; exipcio.

Pella -hoxe Palea Pélli- foi a capital do Imperio Macedónico onde naceu Alexandro Magno (356-323 a.c.) aquel rei que conquistou o Imperio Persa en catro anos. No ano 168 a.C. foi ocupada polos romanos. Augusto instalou nela os seus soldados veteranos no s. I a.C.. Outra antiga cidade de nome Pella en Palestina fundada posiblemente no 332 a.C. por Alexandro Magno, foi refuxio de cristiáns de Xerusalén no ano 70 d.C.

Non temos dúbidas de que a Pella macedónica é a orixe do topónimo da nosa Pella, voltando á obra de Elisa Ferreira, na mesma cita do ano 1279 (AHN T Sobrado, II, 71 v.º 72) aparécenos o topónimo orixinal do río Iso ("...per ipsum fluvium de Ysso").

Ysso -nas proximidades da cidade de Adana no sur da actual Turquía- é a cidade mediterránea do antigo Imperio Persa onde Alexandro Magno derrota ao rei persa Dario III (ano 333 a.C.), e pon punto inicial ao espallamento do Imperio Macedónico polo continente asiático.

Temos referencias históricas de dous ríos que cruza a Vía XIX na comarca arzuá, e que coinciden perfectamente cos topónimos das cidades máis importantes da historia do imperio de Alexandro Magno, procuremos, logo, o seu por qué. Continúa...

Ningún comentario:

Publicar un comentario