martes, 22 de decembro de 2009

O noso Nadal pagán galego

Tímpano de San Fiz de Solovio Santiago de Compostela. Epifania

Nadal, verba ben bonita que provén do latín natalis-e (día do nacemento).
E, quen naceu aquel día 25 de decembro?; O Sol Invictus (versión romana do deus solar Mitra) que era festexado o 25 de Nadal, ou día da Nativitas (nacemento), o día despois da noite máis longa do ano. Será o último deus oficial do Imperio Romano tardío.
No ano 336 apareceu por primeira vez esta festa no calendario romano, gradualmente foi entrando nas tradicións da Igrexa cristián, ata que no século V, queda ordenada oficialmente, mais xa non coma festa do nacemento do Sol Invictus, senón como o de Cristo. A liturxia católica chama a Cristo, Sol Iustitiae. O emperador Constantino (272-337) seguidor do Deus Sol Invictus será o primeiro emperador que outorgou lexitimidade legal ao cristianismo no Imperio Romano.
Dase a casualidade que no Museo da Catedral de Santiago de Compostela custódiase un altar dedicado ao Deo Invicto, por suposto non está exposto ao público. Sen datos sobre a súa procedencia, no 1902 atopábase no Museo de Amigos do País, en 1909 formou parte da Exposición Arqueolóxica de Santiago. (Pax. 213. Corpus de Inscripcións Romanas).
Ara ao Deo Invicto Sol, Museo da Catedral de
Santiago de Compostela
A festa do inverno por excelencia no mundo pagán era a Saturnalia un festival en honor a Saturno (identificado co deus grego Cronos) que se celebraba do 17 ao 25 de decembro (coincidente, logo, co Advento, comezo do ano litúrxico cristiá). Foi creado por Ianus, o deus romano das dúas cabezas, que recollera a Saturno cando foi derrocado polo seu fillo Xúpiter.
Estas festas, cuxa institución remontábase a moito máis alá de la fundación de Roma, consistían principalmente en representar a igualdade que reinaba orixinalmente entre os homes.
Aínda que orixinariamente duraban so un día, chegaron aos 7 días de festa. Durante estas festas, suspendíase o poder dos amos sobre os seus escravos, e estes tiñan dereito a falar e actuar con total liberdade. Non se respiraba máis que pracer e alegría: os tribunais e as escolas cerraban, non estaba permitida a guerra nin a execución de criminais, nin exercer outra arte que o da cociña, enviábanse agasallos e dábanse suntuosas comidas. Ademais, tódolos habitantes da cidade deixaban de traballar: a poboación acudía en masa ao monte Aventino, para disfrutar do aire campestre. Os escravos podían criticar os defectos dos seus amos, xogar contra eles y estes lles servían na mesa, sen importar os pratos que se romperan.
Ao deus romano Xano ( Ianus), estáballe reservada a Festa das Calendas. Calendas é o primeiro día do mes e significa chamar, invocar.
Kalendae ou Festina Calendarum era unha festa romana que se celebraba o 1 de xaneiro(de Ianuarius o mes de Xano) e duraba cinco días, durante as que a xente reuníase para celebrar banquetes e darse agasallos, una costume pagá que seguiu despois de Cristo incorporada no noso calendario, trátase dos primeiros cinco días de Xaneiro ata Reis, destinados a chamar ao novo Xano, una invocación que se facía ao autor oculto do gran xogo cósmico a quen se lle pide, e incluso se lle esixe, que nos outorgue os seus dons e distribúea os seus bens.

Como vemos dende o Advento ata Reis, na antigüidade, era un período de paz, festas e fraternidade, moi semellante ao esquecido espírito do Nadal, hoxe en día, desaparecido pola ferocidade mercantil das grandes cadeas comerciais.
Tanto a Saturnalia coma a Kalendae tivo nos lexionarios do Imperio Romano -na súa gran parte de extracción humilde- uns seguidores fieis.
Este carácter festivo do Nadal antigo quedou fortemente impregnado na cultura popular da nosa terra, sobre todo, no ámbito rural, onde as panxoliñas son, nalgúns casos, esixentes e irreverentes, só hai que recordar a coñecida estrofa do… quiquiriquí se non nos dás nada caghamo….eiquí.


A Árbore de NadalSan Martiño de Dumio (510-580), o gran bispo e organizador do reino suevo da Gallaecia, na súa obra De Correctione Rusticorum (572?), apunta as correccións que hai que aplicar aos rústicos pagáns da nosa terra;
"¿Velaquí qué clase de promesa e de profesión de fe tendes en Deus?... Pois acendedes velas xunto ás pedras, ás árbores, ás fontes e nas encrucilladas, ¿Qué outra cousa é senón o culto ao diaño?... Derramar gran e viño no lume e botar pan nas fontes..."[1].
Estes ritos pagáns dos que nos fala Martiño suponse que son unha mestura de rituais castrexos, romanos e suevos. A cultura céltica e xermánica, como sabemos, teñen lazos moi fortes entre si, tanto celtas coma suevos veneraban ás divindades nos bosques sagrados,as árbores funden as súas raiceiras na Terra e procuran o ceo coas súas pólas, as diferentes especies teñen as súas funcións; o carballo, é a arbore da fertilidade e do trono, o teixo da morte,…
Mais, sabemos que o rito de poñer velas ás árbores débese a que os xermanos celebraban o nacemento de Frei, deus do Sol e a fertilidade, adornando un freixo perenne, na data próxima ao Nadal cristiá. Esta árbore simbolizaba á árbore do Universo, chamado Yggardrasil, en cuxa copa achar Asgard (a morada dos deuses) e o Valhalla (o palacio de Bodan (Odín); e nas raíces máis profundas estaba o Helheim (o reino dos mortos).
Curiosamente este rito volveu ás nosas terras na segunda metade do século XX, dende terras do norte de Europa, o que son as cousas, algo parecido á noite do Samaín ou Defuntos.

O Cepo de NadalUnha das tradicións máis antigas e de maior raizame, aínda contada hoxe polos nosos maiores, era o cepo do Nadal (en Arzúa cantábanse panxoliñas arredor do cepo do Nadal na praza da vila). Este tronco sería o símbolo do ciclo anual
O cepo do nadal era unha cepa grande de madeira boa, de carballo polo regular, que se botaba no lume da lareira para que ardese durante toda a noite. Á calor e á luz deste lume xuntábase a xente e cantaban panxoliñas, contaban historias da estadea, do acompañamento, de serpes, encantos, contos de rir..., e os máis cativos, menos amigos desas lerias, brincaban.
Pero o cepo do Nadal era moito máis que o alimento do lume dunha noite do ano. Os carbóns que facía non se guindaban, gardábanse nun recuncho da casa por teren propiedades máxicas. Cando tronaba, tanto nas treboeiras de verán coma no anaco de inverno que aínda quedaba por vir, collíase borralla do cepo de nadal e botábase de novo á lareira, para que se fixesen ascuas novas e espantasen os tronos[2].En Catalunya o cepo chamado Tió de Nadal tráellelos agasallos aos nenos.
O Apalpador Outra tradición que se está a recuperar nestes tempos é a do personaxe mítico do Apalpador, carboeiro que sobreviviu nas montañas do leste de Galicia, e que na Noiteboa lles apalpa as barrigas aos nenos para controlar a súa nutrición e traerlles agasallos, José A. López González, investigador da figura do Apalpador ou Pandigueiro, considera ao Apalpador máis antigo que o Olentzero vasco, porque este anuncia a un deus e o noso Apalpador non anuncia nada, é o deus primitivo mudado a través da historia nun personaxe mítico. Coma o Pai Nadal, o Olentzero, o Apalpador é un mito universal das culturas do tronco indoeuropeo[3].


Co cristianismo entrou a tradición dos Reis Magos de Oriente, as cantigas de Nadal e os cantos de reis. Nos últimos anos saíron dous traballos de recolleita destas panxoliñas: Cantigas de Nadal -1998-(Do Fol Edicións) e O Quiquiriquí -2006- (Asociación de Gaiteiros Galegos)[4], ademais do formidable traballo de Mini e Mero sobre os cantos de nadal.

Ata sempre e bo proveito, anosahistoria1@gmail.com

Ei,… Bo Nadal e ollo co quiquiriquí, pois xa se sabe que; se non nos das nada caghamosche eiquí.

[1] Pax. 11. Revista Nós nº97, ano 1932 Tomo V. De Correctione Rusticorum Traducción de Paulino Pedret Casado
[2] http://vello.vieiros.com/nadal-en-vieiros/cepo.html
[3] Pax2 La Voz de Santiago, 19/12/09. La Voz de Galicia
[4] www.oquiquiriqui.com

xoves, 3 de decembro de 2009

Bran, Lug, deuses celtas 6. A Encrucillada, a nosa porta do Alén.

Cruceiro de San Roque, Melide
O culto dos camiños xa se esvaeu na memoria das xentes, pero é posíbel que en ningunha banda do mundo garden as encrucilladas un arume de misterio tan punxente como na nosa terra e nos demais países celtas. As remanencias do culto vial teñen, de seguro, un orixe autóctono, aínda que os nosos deuses morreran asoballados polos números romanos. As calzadas militares de Roma enguliron a vida dos camiños galegos e por eles entrou a morte con roupaxes diferentes.


Castelao. As Cruces de Pedra na Galiza .

Na Gallaecia serán os Lares Viales deuses romanos, ou os gregos Hermes e Hécate os deuses dos camiños que ocuparán o lugar dos prerromanos Bran e Lug. Coma deuses dos camiños aparecen ou invócase a súa presenza, sobre todo, nas encrucilladas. En relación aos gregos, hai que recordar que a toponimia das comarcas do interior galego e vestixios arqueolóxicos certifican a presenza de lexionarios gregos nas lexións romanas da época augusta (sobre todo a Legio IIII Macedónica, pero tamén na Legio X Gemina).

Ara aos Lares Viales de Castrofeito, O Pino
As encrucilladas son eses cruces de camiños tan necesarios na nosa cultura. Na noite de San Xoán e na noite de San Silvestre as meigas e bruxas andan polas encrucilladas facendo mal á xente, por iso débense facer fogueiras, foleóns, ou cacharelas para espantalas (a elas e ao demo)[1]. Nas encrucilladas as sabias quitan o mal do aire aos vivos, mais, tamén nas encrucilladas as ánimas do mortos poden ruar. Nas encrucilladas aparece a Compaña ou Acompañamento. É na encrucillada onde se enterraban os nenos sen bautizar. É pois, a encrucillada a porta do Outro Mundo.
A encrucillada ten tres funcións fundamentais, segundo Taboada Chivite[2]:

A) Característica Funeraria:É na encrucillada onde se enterraban os nenos sen bautizar, non se consideraban ben integrados no mundo dos mortos debido a falta de bautismo. A encrucillada é o punto no que converxen as almas dos defuntos que non están de forma plena integradas, nin positiva nin negativamente no mundo dos mortos[3].
Á encrucillada acoden as almas do Purgatorio que forman o Acompañamento ou A Compaña (que nunca foi santa). Con estas procesión vai un vivo portando a cruz, que pena, sofre e desfalece mentres non na dea colocado a outro vivo. Mais pódese evitar este sufrimento agarrándose á cruz do cruceiro.
A igrexa católica inzou de cruceiros as encrucilladas. Que se saiba, dende o século XII os cruceiros eran de madeira, logo a partires do século XIV de pedra ( o cruceiro de Melide do S. XIV é considerado o máis antigo de Galicia). Tiñan unha función positiva e integradora, nos enterros colócase o féretro no pousadoiro do cruceiro e alí se reza un responso, ás veces as choronas reparten pan e viño tras a cerimonia. Máis tarde, os petos das ánimas e os esmoleiros[4] encargáronse de recadar un fondo material para a salvación dos penados no purgatorio.
A encrucillada e o cruceiro serven de medio de comunicación das almas en pena e permiten concederlles sufraxio para que encontren descanso definitivo, é a mesma función que facía Hermes, os Lares Viales e os deuses célticos Bran e Lug.

B) Función Demoníaca:A encrucillada é un punto de unión sexual das bruxas co demo. O deus Hermes practica unha sexualidade ilegal, furtiva, unha práctica para igrexa católica demoniaca. Na encrucillada practícase o bautismo prenatal para evitar que o espírito maligno provoque o aborto entrando coma insecto no ventre da nai[5]. Nela se curan enfermidades como o arangaño, angaraño e tangaraño (flegmas, raquitismo) que atacan especialmente aos nenos, a encrucillada favorece o crecemento e a saúde dos nenos e esta é tamén unha das funcións dos deus Hermes. Este deus dos camiños sería logo coa relixión cristiá o Demo.

C) Función Máxico-feiticeira:
Xa Estrabón no s. I fálanos de que os castrexos deixaban aos enfermos nas encrucilladas para curarlles a enfermidade. Na encrucillada cúrase o aire do gato, o abantuxo ou o mal do aire desatando cun coitela unha corda posta nas mans e pés do neno. O simbolismo do lazo atópase plenamente desenvolvido na mitoloxía indoeuropea, ao igual que na grega[6]. Tamén se cura na encrucillada o mal de ollo[7].
Mais, na encrucillada as meigas e bruxas entran en contacto co Demo. Para protexerse destas bruxas acéndense lumes nas encrucilladas, sobre todo as noites de San Xoan e San Silvestre.
A encrucillada é, tamén, o punto de integración e separación dos membros dun grupo social. Nela realízanse os recibimentos colectivos de emigrantes, por exemplo, e as despedidas dos que parten. O paralelismo cos deus dos camiños, o grego Hermes e os célticos Bran e Lug é evidente.

O culto aos deuses dos camiños espállase polo mundo antigo. Os gregos coa deusa Hécate e o deus Hermes, os etruscos, sabinos e romanos cos Lares Praestites (gardiáns) ou Lares Compitales (de compita, encrucillada). O Mercurio galo e a deusa Diana (representada con tres caras, a súa estatua figuraba nas encrucilladas) tamén teñen relación cos cultos viarios.
O culto aos Lares Viales na Gallaecia romana terá un carácter popular, será unha das razóns da gran duración da que gozará ao longo de todo o Imperio, e traerá como consecuencia o seu enfrontamento coa relixión cristiá[8].
De 44 aras adicadas aos Lares Viales no Imperio Romano, 35 atópanse na Gallaecia (80 %). Delas, 18 no convento lucense[9].
Dende a prehistoria diferentes pobos que veñen do Abrente achéganse a estas terras atlánticas. Fundamentalmente pobos indoeuropeos coma os escitas (a súa etnografía deixou pegadas moi semellantes á cultura castrexa) e pobos mediterraneos coma os púnicos, gregos e romanos. Estes pobos, -cos célticos que sen dúbida serán os predominantes na cultura castrexa- achegarán os seus deuses dos camiños á nosa terra. Virán seguindo o Camiño do Solpor, que ademais da atracción material do estaño e ouro, veñen na procura do Atlántico onde se deita o deus solar (o Mitra persa, o Ianus romano, o Lug celta, o Sol Invictus tardoromano…) ; o Mar dos Mortos dos celtas, o Mar Tenebroso dos púnicos, fenicios e árabes, o Dutika Mere (Rexión da Morte) dos gregos[10].
Bermejo na súa obra Sociedade e Relixión na Galicia Antiga adica un capítulo ao Deuses dos camiños[11], incide sobre todo nos Lares romanos e nos deuses gregos.
A deusa grega Hécate en época tardía helenística adquirirá todos os caracteres negativos que a relacionan coa maxia, co can e coas almas dos defuntos, é a protectora da porta e dos mortos, das desgrazas, a señora das magas e unha deusa das mulleres é representada con tres cabezas, unha imaxe semellante ao deus Hermes, o deus dos mortos que aparece con tres ou catro cabezas. Isto débese a unha necesidade funcional, a de protexer tódolos lados dunha encrucillada. Son tarefas moi semellantes ás das nosas bruxas, sabias e meigas. Hécate nas noites de plenilunio xurdía nas encrucilladas con fantasmagórica apariencia, rodeada dun cortexo de almas desasosegadas, cuia paz alcanzaban con ofrendas purificadoras,..[12] . Cousa ben parecida á nosa Compaña.
Hermes de catro caras de Pontedeume
Hermes será para Bermejo o deus que máis se acae á imaxe que nos amosa a antropoloxía cultural e social galega. Taboada Chivite uns anos antes apunta na mesma dirección; Hermes, como Hécate, sacralizaba camiños, onde sobre montóns de pedra, igual que os amilladoiros da nosa terra (hoxe perduran os de San Andrés de Teixido), que se asimilaron aos cairns irlandeses, elévanse columnas que señalizaban a ruta e nas encrucilladas un Hermes tetracéfalo presidía o lugar[13].
A pedra con esvástica solar radiada e tres cabezas nos laterais de San Andrés de Teixido dos séculos III ao VI, segundo López Loureiro[14]parece claramente unha pía ritual. Xa Fraguas Fraguas suxire que: Podería ser o punto de partida para novas investigacións sobre o culto ó sol, que no mesmo lugar foi cristianizado moi axiña, antigüidade que apoia o culto a San Andrés e as crenzas tan relacionadas co culto ós mortos.
Outro exemplo é o considerado Hermes cuadriface de Pontedeume (na foto da dereita).
Son dous exemplos de deidades célticas (non hai que esquecer que pisamos territorio céltico), gregas ou romanas, que evidentemente tiñan un fervor popular ou sexa castrexo importante, so hai que observar a devoción que se lle profesa ao San André de Teixido, tanto polos cidadans cristiáns coma polos profanos, con máis devotos nas nosas comarcas que o Santiago Apostol, quizais por que as galegas e galegos sempre peregrinamos cara o mar onde se deita o Sol, ao Mar dos Mortos.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com

Bibliografía:

· LÓPEZ LOUREIRO, R. Samaín: A Festa das Caliveras. Ir Indo Edicións, Vigo, 2003.
· DUBERT. I. Cultura popular e imaxinario social en Galicia. USC. Publicacións, Santiago, 2007
· BERMEJO BARRERA, J. C. Sociedade e Relixión na Galicia Antiga. Edición Lóstrego, Santiago, 2008.
· QUINTÁS SUÁREZ, M. O Outro Mundo na cultura popular galega. Tres Ctres Editores, Sta Comba, 2006
· LISÓN TOLOSANA, C. Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia. Akal Editor, Madrid, 1983.
· LISÓN TOLOSANA, C. De la estación del amor al diálogo con la muerte, Ediciones Akal, Madrid, 2008.
· CARIDAD ARIAS, J. Cultos y divinidades de la Galicia prerromana a través de la toponímia. A Coruña, Fundación Pedro Barrie de la Maza, 1999.
· BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta, Edicións Lóstrego. Santiago de Compostela, 2007.
· ANNE ROSS. Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004.
· VITOR VAQUEIRO. Guía da Galiza Máxica, Editorial Galaxia. Vigo, 1998.
· CUBA,X. REIGOSA, A. MIRANDA, X. Diccionario dos Seres Míticos Galegos, Edicións Xerais. Vigo, 1999.
· RODRÍGUEZ CASTELAO, A. As Cruces de Pedra na Galiza, Editorial Galaxia, Vigo, 1950.
· TABOADA CHIVITE, J. La encrucijada en el folklore de Galicia. Boletín Auriense. T. 5. Ourense, 1975.
· ARMADA PITA, X.L. MARTIN SECO, M. Nueva inscripción a los Lares Viales. Revista Gallaecia nº 24. Santiago, 2005.
· RAFAEL LEMA. El camino secreto de Santiago. La ruta pagana de los muertos, Editorial EDAF, Madrid, 2007.

[1] Pax. 53-58 Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia
[2] Pax.101 e ss. La encrucijada en el folklore de Galicia. Boletín Auriense. T. 5. 1975. Taboada Chivite. J.
[3] Pax. 187-188 Sociedade e relixión na Galicia antiga. Bermejo Barrera J.C
[4] Esmoleiros, petos e cruceiros de ánimas de Lugo. Fernández de la Cigoña e Núñez. E, AGCE. Vigo, 2002.
[5] Pax. 107 La encrucijada en el folklore de Galicia. Boletín Auriense. T. 5. 1975. Taboada Chivite. J.
[6] Pax. 190. Sociedade e relixión na Galicia antiga. Bermejo Barrera J.C
[7] Pax. 110-111. La encrucijada en el folklore de Galicia. Boletín Auriense. T. 5. 1975. Taboada Chivite. J.
[8] Pax. 168 Sociedade e relixión na Galicia antiga. Bermejo Barrera J.C:
[9] Pax. 133 Nueva inscripción a los Lares Viales.. Armada Pita, X.L. Martín Seco, M. Revista Gallaecia nº 24. 2005
[10] Pax 38 El camino secreto de Santiago. Rafael Lema
[11] Pax. 157 e ss. Sociedade e relixión na Galicia antiga. Bermejo Barrera J.C:
[12] Pax, 102 La encrucijada en el folklore de Galicia. Boletín Auriense. T. 5. 1975. Taboada Chivite. J.
[13] Pax. 102 La encrucijada en el folklore de Galicia. Boletín Auriense. T. 5. 1975.
[14] Pax. 92 Samain. A festa das caliveras. López Loureiro.

domingo, 29 de novembro de 2009

O Apalpador volve polo Nadal




Eiquí temos un magnífico exemplo da nosa retranca galega, fino moi, moi fino. Noraboa.
Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com

venres, 13 de novembro de 2009

Bran, Lug, deuses celtas 5. Brandeso, os ritos pagáns.


Brandeso -parroquia de Arzúa- coñecida no mundo enteiro polo seu pazo escenario da magnífica obra de Valle-Inclán; Sonata de Otoño. Veciña de Dombodán e Branzá, tenvos unha etimoloxía ben interesante;
May no seu estudio sobre os galos irredutibles apúntanos o seguinte:
Sabemos que Bran –xunto coas súas derivacións lingüísticas- é o nome máis común entre os grandes reis celtas; tal vez todos se remonten a un antiquísimo arquetipo común desdobrado máis tarde segundo os particularismos de cada rexión europea. Así aparecen: Bran o Bendito nos relatos galeses; Bran Mac Faibal e San Brandan ou Borondon en Irlanda; Bron, o Rei Pescador dos mitos ingleses.., quizais o Breogán galaico [1]tamén estea relacionado con este grupo. E, por suposto, entre os galos…:
Bran, Breo, Brannos ou Breno, chamado Brennus polos romanos, foi o máis grande dos xefes galos, no 387 a. C. toma Roma[2].
Arredor de 279 a. C., un grupo de galos que participaron no saqueo da grega Delfos e despois do suicidio de Brennus (outro Brennus, claro) estableceuse en Asia Menor e fundou o reino dos Gálatas[3].
O nome de Bran, Brannos, adquirirá para os pobos célticos e os seus veciños xermanos un carácter mítico e divino, dando nome a cidades e pobos:

Brannovices, um. : Pobo da Galia Céltica que formaba unha rama do pobo Aulerci, asentados ás beiras do río Loira, o que os romanos chamarán posteriormente a Provincia da Gallia Lugdunensis (tamén chamada Galia Céltica) con capital en Lugdunum– Fortaleza de Lug-(Lyón). Temos noticias deles a través de Xulio Cesar na súa obra A guerra das Galias (De Bello Gallico, II, 34). (s. I a.C.).
Brancus, i. : Rei dos alóbroges, pobo céltico do entorno de Lugdunum. Citado por Tito Livio s. I a.C. – I d. C..
Brannodunum, i. : Cidade da Britania (Inglaterra) que estaba situada na beira do Océano Xermánico (Mar do Norte) cerca do estuario Wash cara o lugar que ocupa hoxe a actual Hunstanton. Vén nomeada no Nottitia Dignitatum do s. 5 d.C..
Brannacum, i. : Cidade da Galia Belga, hoxe Braisnos, cerca de Soissons. Gregorio de Tours (538-594).[4]
O mito empaparía o nome de Bran dun carácter divino e máxico, que o acompañará durante séculos e deixará a súa pegada na toponimia, e como veremos no misticismo cristián.

Brandéum, i. :. Especie de cinturón ou faixa para envolver as reliquias[5], fálanos del o papa Gregorio o Grande ( 590-604). A súa tradución parece indicarnos unha antiquísima fórmula para ofrecer exvotos ou ofrendas.
Brandeum en latín significa; A Bran Deus. Brandeum sería a palabra utilizada para ofrecer o exvoto ao deus Bran, hai que recordar que Bran é a divindade dos camiños, é a divindade que protexe aos mortos e aos vivos na súa viaxe cara o Outro Mundo, co tempo esta fórmula seguiría sendo utilizada polos mesmos druídas, xa convertidos en sacerdotes cristiáns da nova relixión, como sabemos o cristianismo adaptará moitos dos ritos pagáns.
Os druídas ou sacerdotes das culturas célticas non deixaron nada escrito, os seus coñecementos eran transmitidos oralmente, iso dificulta a interpretación de símbolos e rituais pagáns. Na Gallaecia pese á falta de testemuñas documentais e arqueolóxicas é evidente que tiveron que existir uns sacerdotes que dirixiran os ritos votivos aos diferentes deuses pagáns.
Casimiro Torres na súa obra Galicia Sueva, considera as brándeas coma lenzos ou panos que foron colocados sobre a tumba dun santo, son referidas por Gregorio de Tours (538-594) no Gregorii Turonensis Episcopi de Miraculis Sancti Martini, I, 11, en M.G.H. Scriptores Rerum Merovingicarum, II, p. 594-596, cando relata un milagre acontecido ao fillo de Kharrarico, Rei de Galicia …, grazas ás brándeas (brandeum, i) colocadas sobre a tumba de San Martín de Tours, o fillo de do rei suevo sanda dunha mortal enfermidade, as brándeas esa noite, ademais,dobraran o seu peso[6].

Non obstante Ángela Muñoz, amplíanos o significado das brandeas a calquera obxecto que estivo en contacto con algún santo; fragmentos de tela, aceite das lámpadas que ardían nos sepulcros ou fragmentos de area ou pedra das tumbas. Eran os exvotos aos que aínda no noso pais galego os devotos dos santos son tan afeccionados[7].
O santo ou santa que venceu á natureza no seu espírito e no seu corpo pode tamén dominala, protexer ás xentes e animais dos perigos, curar a enfermidade e ata superar a morte física operando a resurrección dos mortos[8]. É a mesma función contraditoria que as lendas e os mitos célticos lle outorgan a Bran; Bran, o mesmo que Lugh,(…). A súa figura está en consonancia coa natureza contraditoria propia dos personaxes conectados co Máis Alá, onde o pasado convértese en Futuro; a vida e a morte entrelázanse unha coa outra e onde se atopa a Se de tódalas artes e da Sabiduría e Verdade definitivas[9].

En definitiva, as brandeas, esas reliquias ou exvotos que estiveron en contacto coa divindade na relixión pagán ou co santo na relixión cristián, transfiren o poder máxico da divindade ou santidade ao devoto ou ofrecido.
Coa oficialidade do cristianismo, os druídas serán os primeiros en se converter a sacerdotes cristiáns, os ritos pagáns serán reconducidos, os deuses converteranse en santos. A modo de exemplo; En Lugdunum realizábase unha gran festa de tres noites para Lugh, foi reemprazada polo festival de Saint Laurent (San Lourenzo), tamén de tres días (dende o 10 de agosto). O nome de Lourenzo proven do latin, laurus, loureiro. Tamén é o nome popular do Sol.
San Lourenzo segundo algúns autores é o preferido da Igrexa Católica para substituír ao deus Lugh e por extensión a Bran.
San Lourenzo, por certo, é o patrón de Brántega (Agolada) e tamén de Brandeso, se indagamos no significado da palabra brandeso, atopámonos que, segundo o Diccionario Enciclopédico de Eladio González, brandeso significa; rama, póla. O historiador Varea y Aguiar aporta o significaría de ramo.
O ofrecemento ou a entrega dun ramo coma signo de admiración ás divindades era un feito común nos pobos antigos dende os gregos ata os xermanos, eran ramas ou pequenas árbores das que pendían tortas, panecillos e doces portados por virxes para pedirlle aos deuses o coidado da terra e a colleita, na nosa terra os maios son unha mostra ancestral destes ritos, tamén era un símbolo de transferencia de poder para celtas, romanos e xermanos.
Na mitoloxía irlandesa son varias as referencias ás ramas máxicas;
· A Bran o Mariño se lle aparece unha muller portando unha rama de árbore, a misteriosa dama profetízalle o nacemento de Cristo, na busca do Gran Señor atoparán tres paraísos célticos, O Chan do Pracer, A Illa do Balbordo, e A Illa das Mulleres[10].
· Na serie do Linaxe de Conn, no relato de Cormac, neto de Conn, aparéceselle un guerreiro do País da Promesa (O Outro Mundo) que porta unha rama máxica da que penden tres mazás de ouro(...), o guerreiro promete entregarlle a rama para asegurarlle o poder e dominio da illa se a cambio Cormac xura satisfacer tres desexos…[11]
En Asturias, as ofrendas de ramos , aínda seguen en vixencia; La fiesta de los Ramos de Pendueles, Concejo de Llanes, La Fiesta de los Ramos de Villanueva, Concejo de Santo Adriano e La Fiesta de los Ramos no Santuario da Virgen del Acebo. Concejo de Cangas de Narcea, son as máis sonadas.
Máis na Galicia temos unha tradición que se perde nos tempos;
A do ramista, veciño encargado de organizar e costear a festa tradicional da parroquia. A tradición aínda permanece intacta en moitas parroquias galegas. Un exemplo:
En Almofrei ( Cotobade, Pontevedra) nas festas na honra de San Lourenzo (o patrón) e San Roque, os días 10 e 11 de agosto, ten lugar a Procesión do Ramo. O último día da festa, pola mañá, unha banda de música pon as notas musicais detrás do cura que segue ao ramista (porta o ramo; unha rama de oliveira da que colga pan, rosquillas, mazás, limóns e ata viño) e demais membros da comisión de festas, ramistas tamén, recorrendo os diversos lugares da parroquia, dan tres voltas ao adro da igrexa esperando que alguén se ofreza a portar o ramo, se ninguén o recolle, pousase ao pe do carballo que hai a carón do cruceiro do adro da igrexa. Se alguén colle o ramo, seralle outorgada a honra de facer a festa do ano que ben. Parece ser que, hoxe en día, non hai maneira de que alguén recolla o ramo . Dende aquí, moita forza para os ramistas de Almofrei.
Salvando o paso do tempo -e o seu xeito profano-, este tipo de procesións realizábanas as tribos xermanas nas festas aos deuses e na transferencia de poder entre reis[12]. No mito irlandés de Cormac, o guerreiro do País da Promesa ofrece a rama máxica para asegurarlle o poder da illa a Cormac. O ramo é un instrumento máxico de poder.
Outro ramo famoso é o Ramo da Romaxe, o ramo que traen os romeiros ás súas casas logo de facer a “oferta” a algún dos santuarios populares de Galicia, para facer ver que cumpriron o voto feito. O ramo de San André de Teixido era o máis sonado, estaba formado dunha vara larga de abeleira en cuio extremo superior ataban con varias cintas ornamentais ramas de toxo, colgando delas metálicas efixies e medallas do santo, e algunhas roscas e rosquillas de pan[13]. Os ritos no entorno do santuario de San Andrés de Teixido son un capítulo aparte, aló temos a Fonte do Santo (con tres canos) onde se realiza o rito de tirar o pan na fonte, rito condenado por San Martiño de Dumio no século VI.
Do poder máxico e de comunicación coa morte das ramas ou ramos temos varios exemplos na nosa cultura. En Aldán cando un neno leva varios días na agonia van buscar ao padriño ou madriña para botar auga (do Luns de Pascua) cun ramiño de oliveira pola cama do anxeliño, dicindo: “Que deus che leve á Gloria[14]. Tamén é costume que unha muller bote auga bendita con folla de loureiro ou con ramiño de oliveira por riba e por baixo da cama pola almofada e polos pes do leito, por toda a habitación e moi especialmente polos recantos, nun proceso de auxilio ao moribundo para axudar a ben morir, para recomendar a alma ou para guiala[15]. Recordemos que no Ritual contra o mal do aire de Cee son as ramas de loureiro as que encamiñan ao morto a deixar o corpo do vivo.
Os brandesos serían, entón, eses ramos ou ramas máxicas de loureiro ou de oliveira utilizados polos xefes e druídas para os seus ritos de transferencia de poder e de comunicación co deus Bran. Estes ritos é posible que tiveran como escenario as fontes de augas máxicas ou os ríos, a póla feiticeira faría de transmisora do poder sobrenatural das augas máxicas. Na comarca de Arzúa temos varias Fontes Santas; a da veciña Fonte Santa de Lema, a Fonte Santa de Sta. Irene e a de Lardeiros no Pino e a Fonte Santa de Brandelos en Touro. Curioso, tamén Brandelos á beira do río Brandelos, onde se facía unha sonada romaría.
Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com

Por certo, hoxe, logo de 7 anos, non esquecemos; Nunca Máis.
Nota: Ver Bibliografía no artigo anterior.

[1] Andrés Pena Graña e Alfredo Erias relacionan a Breogán co Deus BeroBreo de Donón. Anuario Brigantino 2006, nº 29, pax. 28
[2] Historia de Roma, Tito Livio
[3] Pax. 57, Los Mitos Celtas. Pedro Pablo G. May.
[4] Diccionario Latino-español Ramón Sopena, S.A. Madrid. MCMLXXXV
[5] Diccionario Latino-español Ramón Sopena, S.A. Madrid. MCMLXXXV
[6] Pax. 198-199 El reino de los suevos. Casimiro Torres Rodríguez. Fundación Barrié de la Maza
[7] Pax. 291 -295. La religiosidad popular en Galicia. El municipio de Arzúa. Eduardo Cacheda Vigide
[8] Pax.4 Las peregrinaciones y el culto a las reliquias, Boletín del Museo Arqueológico Nacional. Ángela Muñoz
[9] Pax. 184 Cultos y divinidades de la Galicia prerromana. Joaquín Caridad Arias.
[10] Pax. 18. Los Mitos Celtas. Pedro Pablo G. May
[11] Pax. 32-33. Los Mitos Celtas. Pedro Pablo G. May
[12] Pax. 112. Los Mitos Germánicos. Enrique Bernárdez
[13] Pax. 228-229. Diccionario Enciclopédico, Tomo III, de Eladio Rodríguez González
[14] Pax. 114-115. De la estación del amor al diálogo con la muerte. Carmelo Lisón Tolosana.
[15] Pax. 115. De la estación del amor al diálogo con la muerte. Carmelo Lisón Tolosana

xoves, 29 de outubro de 2009

Bran, Lug, deuses celtas 4. Defuntos, o noso Samaín


Aí van os días de Defuntos e Tódolos Santos , o día que o irlandeses nos EEUU puxeron de moda coma Hallowen (contracción da frase inglesa, Alls Hallows eve – Véspera de Tódolos Santos-). Na mesma Irlanda chaman Samaín á gran festa celta do AninovoSamain ven da raíz céltica sam que significa; reunión, xunta de xentes, asemblea. É a mesma raiz que o irlandés Samhain, o galo Samonios, que o noso  Samanos, ubimonasterium e Santi Iuliani, o Mosteiro de Samos (Lugo) segundo documento do ano 853. A noite do 31 de outubro, marcaba a transición do verán ao inverno, era a noite máxica.
A Igrexa nun intento de apagar tódolos ritos pagáns arredor da festa de defuntos, datou o 1 de novembro coma día de Tódolos Santos e o 2 coma día dos Fieis Defuntos (a partir do S. XII), mais, …ninguén se lembra dos Santos en tal día, pero todo o mundo segue acudindo ao cemiterio, agora o día 1, para lembrar e honrar aos seus finados. Ironicamente , querendo facer desaparecer o día dos Defuntos, non se conseguiu nada diferente que volver as celebracións funerarias ao día de sempre: o 1 de novembro(1).
A antiga festividade céltica do Samaín foi habitualmente descrita como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, nesta data, terían autorización para camiñar entre os vivos. Abríanse as portas entre este mundo e o máis alá, dándolle á xente a posibilidade de reunirse cos seus antepasados mortos. Durante esas horas, podíase tocar, palpar e ata se podía traspasar ao mundo dos mortos. Por iso en todo o pobo había fogueiras. Acendíanse para guiar aos mortos na escuridade da noite, para que atopase aos seus parentes e fogares, e puidésense quentar coa calor do lume do fogar.
Pouco cambiou en esencia o día de Defuntos para a nosa cultura galega. A cultura da morte é parte da nosa idiosincracia coma pobo, a antropoloxía cultural e social galega, as lendas e os costumes amósanos unha cultura da morte de orixe pagán, en parte, con claros rasgos célticos.
En certa maneira o galego presupón que os mortos “viven” noutro lugar que non ocupa, topograficamente falando, unha posición nin superior nin inferior á do mundo dos vivos, senón que constitúe, por así dicilo, outra dimensión, na que o tempo non transcorre(2).
Na noite de defuntos, na nosa terra, aínda se cre na necesidade do lume do fogar para que as ánimas da familia busquen a calor. Por iso déixase esa noite o lume aceso. Polo mesmo motivo, dá mala sorte varrer a cociña esa noite, pódese afastar as ánimas. Esa noite é a noite da Compaña, que non tiña nada de santa.

Cabeza de Armea
Nestes días antes e despois do día de Defuntos, os cativos de moitas aldeas galegas facían as chamadas caliveras de Ortegal e Ferrolterra, ou os calacús das Rías Baixas, son melóns dos porcos ou cabazas ás que baleiran por dentro, nalgúns sitios póñenlle paus por dentes, e fanlle esas caras tan terroríficas para logo poñerlle unha vela dentro. Póñense pola noitiña en sitios escuros, nas encrucilladas, ou ao pé do cruceiros, e nalgunhas bisbarras, Boebre, Viveiro , Vimianzo, Negreira… déixanse ou lévanse preto do cemiterios(3), en Cedeira, tamén, por suposto. En Boiro colócanse nos muros das casas, na Illa (Arousa), dende sempre, no día de Defuntos, os nenos non ían á escola e pedían polas casas pregonando; Unha limosniña para os defuntiños que van alá, normalmente dábaselles boliños de pan, pasteliños, unhas moedas... Aínda hoxe moitos santiagueses recordan as tenebrosas caliveras polos camiños como un xogo da pillería, en Aríns, Sar ou en Campo Rapado (Boqueixón) ata ben pouco.

Cabeza cortada de Santa Trega
Anne Ross na súa obra Druídas, fálanos do significado das cabezas humanas para os pobos celtas; Para os celtas as cabezas eran algo máis que simples preas, porque crían que a cabeza era a morada do espirito, o verdadeiro centro do ser dunha persoa. Pendurando e venerando as cabezas dos seus inimigos pensaban que gañaban a protección dos poderes máxicos que posuían. Cando se deixaron de usar auténticas cabezas humanas nos oficios relixiosos, pasáronse a construír réplicas en pedra, madeira, metal e óso…..Sábese, de certo, que na idade de ferro se poñía unha vela dentro das cabezas, todo ao redor das fortalezas, nesta estación do ano que era a máis sinistra do ano céltico.
Para os pobos celtas a cabeza era sede da alma, o centro do ser…., capaz de vida independente, de fala e de movementos. Tiña grandes poderes apotropaicos e advertía a aqueles cuxos pazos e fogares protexía fronte á ameaza das forzas demoníacas. Os celtas primitivos, do mesmo xeito ca outros contemporáneos europeos, eran cazadores de cabezas.. Cantas máis cabezas conseguía un guerreiro, maior sona como heroe adquiría(4)
É extraordinaria a similitude das cabezas talladas en pedra das culturas célticas das Illas Británicas (Yorkshire, Anglesey), Irlanda (Condado de Cavan), Francia ( Rouches- du- Rhone) e as galaicas de Armea (Museo Ourense), Adrona Verotim (Museo de Ourense), Narla (Friol), Castro de Batán (Museo de Lugo) ou Santa Tegra (A Guarda).
O Samaín é tamén a festa do descanso dos guerreiros celtas; Samaín festa, militar celebrada o 1 de novembro… está dominada por un gran banquete real e militar e borracheiras e querelas constitúen o pano de fondo desta festa. A carne de porco, o viño, a cervexa e o hidromel dan acceso á eternidade e consumilos comporta o risco da frecuentación dos seres e das cousa do outro mundo. (Fernandez-Abalat. 1990. Pax 227)….Consumíase ritualmente a carne dun animal consagrado a Lug, nesta festa onde os guerreiros se reunían para exhibir os seus trofeos,..(Le Roux e Guyonbarch. 2003. Pax.52)(5).
Era unha festa dos guerreiros onde o poder máxico dos mortos sería simbolizado polas cabezas iluminadas, recordemos que a lenda máis sonada do deus Bran relata como este pide que os seus guerreiros lle corten a cabeza e a leven con eles, logo de máis de oitenta anos enterraron a cabeza en Gwynfyn (Monte Branco) en Londres, apartando as pestes e desgrazas de Britania, ata que segundo a lenda o Rei Arturo desenterrouna e comezaron as invasións das illas(6).
A cabeza do deus Bran era, por si soa quen de defender o país, no momento que é aldraxada perde o seu poder máxico. Por iso a calivera ou calacú ten que alumear, ten que conter a ánima do defunto “viva”, o seu poder máxico.
A día de hoxe, o costume de colocar a vela acesa na tumba do defunto segue vixente pese a que a Igrexa, xa, no Concilio de Elvira do ano 300 ou 306, no canón XXXIV, rexéitase directamente por pagán, este costume a prohibir que nos camposantos se acendan cirios[7). Ata os anos 70 do século XX, na Galicia, o día de Tódolos Santos era o día de estrear as roupas de inverno, era o gran día de festa de principios do inverno, nos días anteriores as tendas e feiras eran un rebulir de xente. A Feira de Santos de Monterroso, coma hoxe, era das máis concorridas.
Tamén as lendas galegas nos falan de caliveras, a Lenda da Calivera Convidada recollidas por Leandro Carré Alvarellos, ou a Lenda da Calivera da Romaxe a San Andrés de Teixido son unha pequena mostra. Lendas, segundo Rafael López Loureiro; onde as caliveras collen vida, falan e se laian, convidan ou son convidadas a cear con total naturalidade, o que nos debe facer lembrar o gran mito celta do deus Bran, de quen a cabeza decapitada … presidía unha festa no transmundo, suministrando comida e bebida e actuando como anfitrión tan eficazmente como o facía en vida (A. Ross 1987. Pax. 128)[8).
Co tempo o rito da calivera perdurará co seu espírito máis festivo; a carallada.
Este carácter festeiro nas celebracións de defuntos ficará na nosa cultura durante séculos. Durante os séculos XIV- finais de XV, son expresivas as condenas contidas nas vellas constitucións do bispado de Ourense contra as rogas ou comidas de defuntos;…o peor eran os escándalos e alborotos, de que así ás persoas como ás facendas dos nosos súbditos espiritualmente se seguen…. A Igrexa vai reprimir estes festíns: a excomuñón, incluíndose nela…ás persoas que as rogas demandaren como as que as aceptaren, como as que nelas foran e aínda os cregos que misa dixeren…[9). As comidas de defuntos ou rogas fanse ata nas igrexas.
No bispado de Mondoñedo cara a 1541, e baixo os auspicios de Frei Antonio de Guevara, criticouse e cuestionouse o costume dos mozos da diocese de pedir polas portas pan e carne e viño e freixós e pixoles e outras cousaso día de Tódolos Santos. Neste caso como no das rogas, a solución proposta para reconducir esta tradición foi que o párroco,…o primicieiro e outro que nomease a freguesía se encargasen de facelo petitorio…..aplicando despois o recibido polo eterno descanso das ánimas defuntas e distribuíndo o conseguido entre os máis necesitados.[10)

Aparentemente, acabouse a festa total e embriagadora dos devanceiros célticos… Os magostos, quizais, son unha subsistencia destas festas.

As misións despregadas pola Orde Franciscana e os Xesuítas a partir dos anos 1660-1670, aplacaron pouco a pouco os ritos pagáns dos defuntos.
Pese a todo, na nosa comarca a cousa non ía ben, e en 1735 os cregos do arciprestado de Bama (Touro) piden que sexa norma de obrigado cumprimento que …quedando algún cadáver que estivese unha noite sen enterrar, despois do anoitecer, das casas e lugares do contorno nin homes nin mulleres vaian á casa do defunto, e só poidan estar de noite nela catro ou seis persoas para vela-lo defunto e acompañar a súa familia, as que teñan que ser nomeadas polo crego dos fregueses [11).
A antropoloxía social na nosa terra descúbrenos as crenzas de que as ánimas viven entre nós. O mal do aire, a sombra, o enganido, son enfermidades que só as meigas ou sabias poden curar. Tanto a sombra coma o enganido só afecta aos cativos, o mal do aire cólleno nenos e adultos. É o aire do defunto quen provoca a enfermidade, por iso os nenos non poden asistir aos velorios nin aos enterros[12). Na Illa de Arousa, logo dun enterro, antes de volver a casa hai que facer unha pequena fogueira con follas de loureiro e pasar nove veces por riba dela, o fume purifica e hai que quitar o aire do morto, sobre todo se hai nenos na casa. 
Mais o mal do aire, que pode afectar a todos por igual, é o único malo, e pode ser unha vinganza do morto, ou o medo do morto a enfrontar o camiño do Outro Mundo, para apartar esa ánima do corpo do vivo hai que botar man de alguén que saiba como indicarlle o camiño do Outro Mundo á ánima para iso a meiga ou sabia precisa da axuda da divindade. E eiquí vén o abraiante; os ritos máxicos;
Pía ritual de tres cabezas con esvástica solar na base. San Andrés de Teixido (Cedeira). Foto de laberintoromanico .

· Ritual da comarca do Xallas. Pódese realizar nunha encrucillada de camiños, a unha hora que non pase xente, mellor de noite, ou en calquera recuncho da eira da casa. Se se elixe este último lugar, faise cun pau unha roda no chan e no medio da roda debúxase unha cruz cós brazos cara ós catro ventos[13) (a Cruz de Bran)
· Ritual de Cee. Faise un círculo no chan e no medio do círculo unha cruz (de novo a Cruz de Bran). Enriba da cruz unha tella con herbas de San Xoán e do Santísimo (herbas coas que se adorna o camiño que segue a procesión do Corpus), unhas ramiñas de loureiro e unha pingotas de auga bendita, logo de pasar por riba da tella facendo a cruz, parándose e dicindo a oración nos catro puntos, e así ata nove veces. A curandeira di:
Defuntiños todos,
de todo este contorno,
do mar e da terra,
sacádelle o aire do morto
a esta criatura
e darllo do vivo,
que o do vivo dá respiro
e o do morto non dá conforto,…..

Despois de tres Padre Nuestros bótanse na tella nove bicos de loureiro que foran recollidos en domingo antes de sair o sol. E o doente irá pasando por riba da tella do mesmo xeito nove veces, e mentres a que saca o aire di outra oración:
Loureiro que non fostes plantado,
quítalle o aire a este meniño,
de vivos e de mortos e de condenados
[14)

É significativo, no primeiro rito, o lugar escollido para sintonizar a comunicación co Máis Alá; a encrucillada, recordemos que as encrucilladas son os lugares onde residen os deuses dos camiños, os menxaseiros do outro mundo, e a divindade Bran segundo o profesor Bermejo agóchase tralas aras adicadas aos Lares Viales, os deuses romanos dos camiños. Non obstante se non é nunha encrucillada a sabia ou meiga traza a cruz de Bran para invocar aos defuntiños todos (¡non hai cousa máis profana!). Mais, todo hai que dicilo, estes ritos están recollidos no antigo territorio do pobo castrexo dos Célticos Supertamarcos, o territorio medieval de Célticos, sen dúbida, a cultura céltica, eiquí, foi moito máis teimuda.

Atrevémonos a pensar que séculos antes da cristianización, a druída ou sacerdotisa( a antiga meiga) invocaría ao deus Bran, (en troques dos modernos defuntiños) o ritual pouco variaría en esencia; o número nove (número con caste céltica) que está presente en tódolos ritos contra o mal do aire, as ramas de loureiro, as augas benditas, e as oración con sabor profano, acércanos a rituais indubidablemente precristiáns.
Para que as ánimas estivesen felices e contentas no seu Outro Mundo e non provocaran o mal do aire, a sombra, o enganido, etc…, había que agasallalas coa mellor festa do ano, presidida polos deuses Bran e Lug, as ánimas podían ocupar as caliveras acesas, que poboarían as encrucilladas, camiños e o campo da festa.
Se nos baseamos no Libro das Invasións irlandés, vaise a dar o paradoxo (nos non temos dúbidas nisto) que o Samaín é unha festa de orixe galega, e os fillos de Mil levárono a nosa irmá Irlanda en tempos pretéritos. A nós, os romanos primeiro -quizais un pouquiño- e a Igrexa despois, borráronnos o nome da memoria, mais as tradicións, os ritos, e as lendas perduraron.
Pois nada, a divertirse coa festa, nosa, vosa e daqueles...

E non esquezan: a San Andrés de Teixido, vai de morto o que non foi de vivo.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com 

Bibliografía:
· LÓPEZ LOUREIRO, R. Samaín: A Festa das Caliveras. Ir Indo Edicións, Vigo, 2003.
· DUBERT. I. Cultura popular e imaxinario social en Galicia. USC. Publicacións, Santiago, 2007
· BERMEJO BARRERA, J. C. Sociedade e Relixión na Galicia Antiga. Edición Lóstrego, Santiago, 2008.
· QUINTÁS SUÁREZ, M. O Outro Mundo na cultura popular galega. Tres Ctres Editores, Sta Comba, 2006
· LISÓN TOLOSANA, C. Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia. Akal Editor, Madrid, 1983.
· LISÓN TOLOSANA, C. De la estación del amor al diálogo con la muerte, Ediciones Akal, Madrid, 2008.
· CARIDAD ARIAS, J. Cultos y divinidades de la Galicia prerromana a través de la toponímia. A Coruña, Fundación Pedro Barrie de la Maza, 1999.
· BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta, Edicións Lóstrego. Santiago de Compostela, 2007.
* PEDRO PABLO G. MAY. Los Mitos Celtas, Acento Editorial. Madrid, 1999.
. ANNE ROSS. Druídas, Deuses e heroes da mitoloxía céltica. Ed. Xerais. Vigo, 1987.
· ANNE ROSS. Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004.
· VITOR VAQUEIRO. Guía da Galiza Máxica, Editorial Galaxia. Vigo, 1998.
· CUBA,X. REIGOSA, A. MIRANDA, X. Diccionario dos Seres Míticos Galegos, Edicións Xerais. Vigo, 1999.
. GARCÍA QUINTELA, M. V. Celtic Elements in Northwestern Spain in Pre-Roman times, http://www4.uwm.edu/celtic/ekeltoi/volumes/vol6/6_10/garcia_quintela_6_10.html.

[1] Pax.65. Samaín: A Festa das Caliveras. Rafael López Loureiro.
[2] Pax. 98. Galiza Máxica. Vitor Vaqueiro
[3] Pax. 40. Samaín: A Festa das Caliveras. Rafael López Loureiro.
[4] Pax: 89 Anne Ross, Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004
[5] Pax. 61. Samaín: A Festa das Caliveras. Rafael López Loureiro.
[6] Pax: 91 Anne Ross, Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004
[7] Pax.73-74. Samaín: A Festa das Caliveras. Rafael López Loureiro.
[8] Pax. 56. Samaín: A Festa das Caliveras. Rafael López Loureiro
[9] Pax.105-106. Cultura popular e imaxinario social en Galicia. Isidro Dubert.
[10] Pax. 107. Cultura popular e imaxinario social en Galicia. Isidro Dubert
[11] Pax. 112. Cultura popular e imaxinario social en Galicia. Isidro Dubert
[12] Pax. 107-112. Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia. C. Lisón Tolosana.
[13] Pax. 173. O Outro Mundo na cultura popular galega. Manuel Quintáns Suárez.
[14] Pax. 189-190. O Outro Mundo na cultura popular galega. Manuel Quintáns Suárez.

sábado, 10 de outubro de 2009

O Carlismo nas comarcas do Ulla


Ben coñecido é que a Historia está escrita, na súa maior parte, pola clase letrada que durante séculos pertenceu ou serviu ás elites dirixentes. No mundo rural, e sobre todo, na Galiza interior, escasea a narración dos feitos históricos dende a voz dos labregos e comerciantes.
Hai casos puntuais, como os que nos narra o Pleito Tabera-Fonseca, sobre a Revolución Irmandiña dos anos 1467-1469. Os numerosos testigos da Revolta Irmandiña poñen fincapé nas inxustizas, roubos e abusos que tiñan que soportar as clases traballadoras (produtoras) das clases dirixentes laicas e relixiosas(guerreiras, ociosas e pensantes)).

Ata hai ben pouco, a gran maioría dos manuais de historia e, ata as recentes guías locais, mostraban a historia que as clases dirixentes nos quixeron legar, a súa historia. A modo de exemplo: No século XIX, os dirixentes das partidas carlistas son os salvadores do pobo, uns mártires...

Os narradores destes feitos, algúns contemporáneos nosos, esquecen que na lóxica da guerra a barbarie é norma (recordemos a guerra de Iraq), esquecen as atrocidades que realizaron os cabecillas carlistas faciosos como lle chamaba o pobo. Unha excepción é Francisco Vilariño, cronista dezao da época, que narra os sucesos do 10 de xaneiro de 1837 cando a gavilla carlista do facioso Vilanova de Tuiriz, torturou e logo fusilou, a sete soldados na feira da Goleta (Lalín), ante as súplicas e choros dos presentes...

As partida carlistas tiveron gran relevancia nas nosas comarcas entre os anos 1834-1839, onde tiñan apoio do arcebispado de Santiago, o clero rural e da fidalguía rural (de caza e pote), eran os sectores das nosas comarcas que vían perigar os dezmos, o cobro das rendas...

Antonio López natural de San Estevo do Campo (Arzúa), ex - oficial do exército, visitou a Don Carlos de Borbón en Portugal, quen lle estendeu un decreto datado o 10 de xaneiro de 1834, chamando a inserrucción do clero e elementos afíns do exercito. Comezou a súa acción nas comarcas de Sobrado, Arzúa e Melide, invitando a varias persoas a alistarse na súa partida, ofrecendo incluso ata 1.000 reais de entrada. O núcleo inicial da partida formárono entre outros, Don Ramón Duro, Don Andrés Oliver e Juan Viñas -O Capador-, de triste recordo na comarca polas súas atrocidades[1]-.., o seu cuartel xeral,na primeira fase da partida foi o Mosteiro de Sobrado.

Do mosterio de Sancti Spiritus de Melide era o frei Saturnino Enríquez, que se adestrou con Don López ata que constituíu a partida Batallón A Constancia, campou polas comarcas de Curtis, Sobrado e Mesía, cando lle faltou financiación adicouse á extorsión, hai cartas onde ameazaba con queimar as facendas e maltratar ás familias se non se lle entregaba, no prazo de 15 días, 4000 reais. López caeu en Boimorto en 1836, o seu corpo e o de Andrés Mañá foron despedazados polos constitucionais e colocados en diferentes puntos da comarca de Santiago.

A guerra carlista foi a reacción ante a perdida de poder da clase dirixente -clero e fidalguía- (dominante na Galiza rural), contra a novo poder liberal -burguesía e sectores críticos da fidalguía - o seu resultado; a barbarie da guerra. O pobo, coma sempre, entre dous fogos.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com

[1] Barreiro Fernández, XR. Historia Contemporanea Política. Galicia Historia Tomo VII, A Coruña, Eds. Hércules, 1991

domingo, 27 de setembro de 2009

A Inquisición nas comarcas do Ulla


Fundado polo Papa Gregorio IX no 1231, o Santo Oficio da Inquisición foi sancionado oficialmente polos Reis Católicos en 1482. Torquemada - confesor da reina Isabel a Católica- será o seu primeiro Inquisidor Xeral do Reino, executor político-relixioso destes santos reis católicos, mandou queimar na fogueira a 2000 persoas, organizou a expulsión dos xudeus...
Non obstante, a implantación da Inquisición no Reino de Galicia non é efectiva ata o 1574, reinaba na península Filipe II. A Inquisición é, ante todo, un Tribunal relixioso, un Tribunal da Santa Fe. A través da súa acción, nós vemos xurdir os problemas que as clases populares teñen coa súa relixión. A Inquisición ten vocación rural, converte ao campesiño no protagonista maioritario dos seus procedementos (Autos de Fe). Trátase de asentar definitivamente a indisolubilidade matrimonial, castigar as blasfemias, os renegos, a obrigatoriedade da práctica anual no cumprimento da pascua,.. trátase de preservar a moral católica nun mundo rural moi libertino aos ollos do Santo Oficio.

Perséguese, tamén, aos herexes, sobre todo luteranos, aos xudeus e aos musulmáns, mais na Galicia, dende os séculos da Alta Idade Media, xudeus e musulmáns (servos na súa maioría) son considerados coma veciños, a persecución vai ser máis visible sobre os luteranos estranxeiros.

As vilas con porto de mar e as principais vilas do Camiño de Santiago -a máis antiga autopista de Galicia- serán vixiadas, permanentemente, pola Santa Inquisición. Esta condición e o carácter ruralizado das nosas comarcas debeu ser a razón da inusitada presenza de membros da Inquisición nas nosas vilas e aldeas.

Segundo o Memorial dos Comisarios da Santa Inquisición do Reino de Galicia no ano 1611, temos a Eugenio Molero; Arcediano en Abeancos, o Bachiller Alonso Vázquez; Vicario en Mellide, Gonzalo Alonso en Viladevid (Arzúa), San Juan de Andrade; Rector en San Martino e Calvos (Arzúa), Bernabé Méndez; Rector en San Viçenzo de Bama (Touro).

A relación de Familiares (informantes) do Santo Oficio no Reino de Galicia no ano 1641, dunha lista de 218, móstranos a seguinte relación:

179 Juan Quintela de Castro................San Vicenzo de Burres....40 anos
65 Alonso Correa Alemparte....................La Salzeda................60 anos
66 Juan Groba.......................................La Salzeda................40 anos
215 Esteban del Corral.............................Arzúa......................70 anos[1]
Nesta época exercerá de Comisario do Santo Oficio, Fernán Gómez das Seixas da Casa de Remesil, Dombodán (Arzúa) , foi reitor de San Pedro de Salgueiros (Vila de Cruces) e outras igrexas, está enterrado na capela da Nosa Señora do Viso ( ver: O ancestral santuario do Viso neste blog).

Chama a atención dous familiares na Salceda, mais no mapa de 1749 Le Royaume de Gallice da colección Martínez Barbeito, aparece grafada ao mesmo tamaño que Melide ou Arzúa[2], Salceda de Caselas non aparece no mapa.

O santo Oficio, é unha institución concibida para exterminación das heterodoxias heréticas e das irregularidade morais. A nobreza galega non foi obxecto de sospeitas heterodoxas por parte do Tribunal de Santiago. Ningún dos relucentes nomes da renomeada nobreza, padeceu proceso algún, tampouco a nobreza media ruralizada.

O inquisidor recibindo testificacións sanciona os pequenos grandes dramas da vida cotián, intenta modificar condutas e , máis grave aínda, busca violentar conciencias e concepcións ancestrais (os ritos pagáns seguen vivos). Ante o Inquisidor, moitas veces, o párroco, que avisa da súa chegada, propón á parroquia a lei do silencio. Dous mundos, pois diferenciados; por un lado un catolicismo dogmático fronte a un cristianismo morno, verniz de crenzas primitivas entroncadas no inconsciente profundo da aldea[3].

Os inquisidores, acompañados de dous funcionarios (un alguacil e un secretario) tiveron choio na comarca da montaña:

Inquisidor Alba en 1580, viaxa de Melide a Monforte , cara Lugo

Inquisidor Montoya en 1590 Melide, Sarria, Valdeorras

Inquisidor Sotomaior 1646, Melide, Chantada, Monforte, Lugo

Os Autos de Fe da comarca centralizábanse na vila de Melide. A importancia da circulación de mercadorías, persoas e ideas polo Camiño de Santiago durante a Idade Moderna debe ser moi relevante, estas visitas dos inquisidores contrastan con A Coruña dúas visitas ou Ferrol, Padrón ou Ribadeo unha soa.

A continuación facemos unha relación dos castigos cos que a Inquisición limpa os pecados do Pobo:

* Amancebados, adúlteros, bruxas, meigas, supersticións, prostitución, anticlericalismo (non creer nos ritos da misa; comunión, xaxún na semana santa...), promiscuidade rural (entre solteiro-solteira)-. Castigo: Desterro do pobo durante 5 anos.

* Poligamia. Os bígamos son castigados por Filipe II, desde 1566 con 10 anos de galeras.

* Blasfemias; cara 1560 as penas son castigo de galeras, Filipe II precisa de remeros, as penas son importantes desde XVI-XVII.

* Contra o santo oficio;
Se o reo é home de baixa sorte ( pobre)hase ler a súa sentencia en Auto público de Fe ou nunha Igrexa, estando con insignas de penitente e o día seguinte; 200 azotes e catro anos de galeras máis ou menos segundo a calidade do delito, e se é persoa noble e rica lease a sentencia na sala e hase de botarlle unha pena de 1.000-2.000 ds. E que vaia a servir sen soldo durante 2 ou 3 anos nunha galera ou a unha fronteira de mouros e herexes, consideradas as circunstancias do delito e a persoa que o cometeu.[4]

No século XVI o 60% dos procesados son de orixe campesiño, no XVII, as relacións invértense agora é o comerciante a figura máis frecuente nas cárceres de Santiago, o campesiño queda relegado a un posto moi secundario[5].

O último asasinado pola Santa Inquisición- co rei Borbón Fernando VII no poder- foi Cayetano Ripoll, baixo acusación de herexía, logo de 2 anos de prisión, foi executado na forca e posteriormente incinerado polo Cremador da Inquisición en Valencia no ano 1826. Oito anos despois, Mª Cristina de Borbón rexente, suprimía o Santo Oficio. Ripoll loitara contra os franceses na Guerra da Independencia española, capturado polos franceses foi trasladado a Francia onde tomou contacto con intelectuais ilustrados e pacifistas da época. Mestre en Ruzafa (Valencia) foi denunciado pola Xunta de Fe de Valencia por non impartir os principios da doutrina católica aos seus alumnos.

Paralelo a este proceso o Xefe da Policia de Fernando VII avisa a este de que;..a Inquisición é a arma dos partidarios do desorde (carlistas) e queren facerse fortes e ter ascendente contra o partido liberal, o goberno e incluso o mesmo trono. O Borbón enterado do proceso contra Ripoll non fará nada para evitar o crime.

Ata sempre e bo proveito. gonzos@mundo-r.com

[1] Pax 169 a 175 El Santo Oficio de la Inquisición de Galicia[2] Pax 12 Tomo III, Galicia Historia, A Coruña, Eds. Hércules, 1991.[3] CONTRERAS, J. El Santo Oficio de la Inquisición de Galicia (1560-1700).[4] Pax. 566. El Santo Oficio de la Inquisición de Galicia[5] Pax. 586, El Santo Oficio de la Inquisición de Galicia.

Post data:
A imaxe é unha estatua orante situada na Capela da Obra Pía de San Antonio (Melide-Coruña), pertencente a Antonio Varela de Segade, Sarxento Maior do Exército das Filipinas, Cabaleiro de Santiago y Alguacil Mayor de la Inquisición, obra do escultor Mateo Prado (s. XVII). Imaxe sacada do caminodepiedra.blogspot.com.

xoves, 24 de setembro de 2009

Melide a villae de Mellitus


Dende tempos remotos - sen dúbida antes da chegada dos romanos- as nosas terras serviron de paso aos pobos que atraídos polo fin do mundo, o finis terrae, buscaban o leito onde se deitaba o deus solar. Os romanos, realizaron as obras necesarias no camiño para facilitar o transporte de materias primas, minerais e tropas. A Via XIX de Braga a Astorga viña dende Lugo (Lucus Augusti) cara Santiago (Aseconia?). No trazado de dita calzada agromarían mansións, parroquias (parochias) e villaes, para o servizo do tráfico comercial e militar.
Melide sería unha destas poboacións que naceu neste camiño. No tomo 29 da Gran Enciclopedia Galega, na páxina 18 e seguintes, Xosé M. Broz Rey, Xosé Domingo Fuciños Gómez e Antonio Hermida Rodríguez, fannos un minucioso relato da historia de Melide do que extraemos os seguintes parágrafos;
“O nome de Melide (Melidi) menciónase propiamente nun diploma do mosteiro de Sobrado (entre os anos 958-968). Un segundo documento, de 1017, cita Millerata, en Aveancos, …. Ao longo das dúas centurias seguintes fan referencia á vila diversos escritos, aínda que neles a grafía do topónimo experimenta modificacións: Milide, Melide, Milidi
Sobre a etimoloxía propuxéronse moitas solucións, dende as que afirmaban que proviña de Medulio (monte mítico onde o Imperio Romano rematou a resistencia galaica)…, ata a de Murguía, que fai proceder o nome do concello do soldado Milhert, ou outras que o derivan do caudillo mahometano Abdalá ben Melik, que libraría unha batalla en 812 á beira do río Furelos. (…)
Non obstante, hoxe acéptase como correcto que Mellitus era o nome do dono dunha vila ou terra neste lugar e que Melide derivaría do xenitivo Melliti (de Mellitus).”
Mellitus en latín significa; de mel, composto con mel, suave, agradable.
Mellitus sería pois, un romano de elevado estatus, posiblemente terratenente ou comerciante, (polo seu nome; agradable ou meloso?) que ostentaría certo poder no berce da futura vila.
Outras poboacións do Camiño Primitivo serían ocupadas ou erixidas, co tempo, polos suevos na súa invasión do século V, Vilouriz (Toques) que significa; Vila de Honoricus sería un exemplo significativo.
Non hai que esquecer pola súa beleza a Praia de Melide, a unha carreiriña de can do Castro de Donón no Monte do Facho (na foto da praia, o monte que se atopa enriba das casas de Donón), eiquí indíxenas e romanos habitaron durante varios séculos este paradisiaco entorno.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com

Bibliografía:
· RAIMUNDO DE MIGUEL. Nuevo Diccionario Latino-español etimológico,Visor Libros. Madrid, 2000.
· Gran Enciclopédia Galega, Siverio Cañada. Tomo 29.